Música

Nos 200 anos da "Novena Sinfonía"

Coas notas do Himno de Europa

Interpretación da "Novena Sinfonía" pola Orquestra Sinfónica de Venezuela (Barcelona, 2017).

Interpretación da "Novena Sinfonía" pola Orquestra Sinfónica de Venezuela (Barcelona, 2017). / FdV

Posiblemente, a composición de música clásica máis popular sexa a Novena Sinfonía de Ludwig van Beethoven, de cuxa estrea cumpríronse dous séculos hai uns días. O seu comezo (“Allegro ma non troppo, un poco maestoso") non ten tal vez a potencia do da Quinta Sinfonía (“Allegro con brio”) pero tamén sitúa o oínte perante a capacidade sónica da orquestra. A entrada -unha sonata en “pianissimo”- lembra unha afinación da orquestra. A denominación canónica desta obra -coñecida como “Coral”- é Novena número 9 en re menor, opus 125. Foi a última composición deste formato do compositor de Bonn.

Así como Johann Sebastian Bach representou o cumio da música barroca e Wofgang Amadeus Mozart o clasicismo de base ilustrada, Beethoven transitou con éxito desde esta corrente última á eclosión do romanticismo. As orquestras de cámara do barroco -as que cabían nun salón- estaban formadas fundamentalmente con instrumentos de corda e algunha presenza de vento, limitada á frauta traveseira. Mais a emerxencia da burguesía -que non exercía o papel protector da aristocracia- facilitou a apertura de salas de concertos, ás que asistía. Iso favoreceu a formación de orquestras máis complexas, que incluían seccións de corda, de vento de madeira (frautas, clarinetes, fagots, óboes) e de metal (trompetas, trompas, cornos, trombóns, tubas), e de percusión.

Encargo da Sociedade Filarmónica de Londres

A expansión das sinfonías deuse con Haydn e Mozart, que estableceron o canon da que pasaría a ser coñecida como música clásica. Neste formato bebeu Beethoven para compoñer as súas sinfonías que precederon a Novena. Esta foi froito do encargo que a Sociedade Filarmónica de Londres lle fixo en 1817, xa esbozando algunhas das características que tería (tonalidade en re menor e sección coral). O compositor alemán partiu doutras obras súas e tal vez dalgunha influencia allea como Mozart (Ofertorio en re menor, “Misericordias Domini”, 1775).

Beethoven non só quería transcender o estilo do neoclasicismo (xa con medio século de traxectoria) senón tamén a hexemonía que a música italiana (xa que logo, Rossini e as súas óperas) estaba a exercer. Pensada para ser estreada en Berlín, as peticións recibidas desde Austria fixeron que a súa primeira execución tivese lugar en Viena, concretamente no Theater am Kärntnertor, coa asistencia das máis salientables personalidades da corte Habsburgo. Para tal circunstancia, o compositor formou unha orquestra como antes nunca necesitara. Foi un éxito malia a presenza dun Beethoven xa profundamente xordo e dos poucos ensaios do conxunto.

Partitura orixinal da "Novena Sinfonía" que custodia a Biblioteca Estatal de Berlín.

Partitura orixinal da "Novena Sinfonía", que custodia a Biblioteca Estatal de Berlín. / José Manzaneque / Efe

Xa vimos como era o primeiro movemento. O segundo (que alterna el “Molto vivace” e o “Presto”) dá paso a un fragmento máis calmado (en diversos tons, “Adagio” e “Moderato”), precedido por un scherzo que modificaba o esquema das sinfonías compostas ata aquel momento. Segue o cuarto movemento, novamente dinámico (“Presto”, “Allegre”, “Andante”) que inclúe a sección vocal co poema “An die Freunde” de Frederich Schiller, coñecido como “Oda á Alegría”.

Emerxencia do romanticismo alemán

A elección non era casual. Este poeta, dramaturgo e editor -morto case vinte anos antes-, formou parte do clasicismo do círculo de Weimar e, con Goethe, liderou a emerxencia do romanticismo alemán. O poema elixido non so representaba a emerxente identidade alemá -traspasando os estritos límites prusianos- senón tamén a necesidade de reconciliación despois das guerras napoleónicas que o Congreso de Viena establecera. Incluso, para resaltar a importancia do poema, o propio Beethoven escribiu -para que fosen cantadas por un barítono solista- as palabras “Oh, amigos, non eses tons! Entoemos outros máis agradables e cheos de alegría!”.

Ademais, a elección de Schiller era asumir o espírito do Sturm und Drang (‘trebón e emoción’) que quería rachar coas formas cortesás a prol da liberdade individual. E co esquema da súa Novena Sinfonía, Beethoven exercía de facto a súa liberdade persoal. De acordo con esta vontade, o Consello de Europa (ao que seguiu a Unión Europea) adoptou en 1985 unha versión feita por Herbert von Karajan como himno de Europa.

Suscríbete para seguir leyendo