Cinema

"¡Salta!": un xénero atípico

Fotogramas dunha sobresaínte dramedia

Fotograma de "¡Salta!" (2023).

Fotograma de "¡Salta!" (2023). / Héctor Paz Otero

Héctor Paz Otero

Reflexionaba Jean Mitry no seu fabuloso Estética e psicoloxía do cine sobre a particularidade da imaxe fílmica: está obxectivamente presente pero, non obstante, supón a existencia desoutra imaxe dunha realidade ausente, dunha certeza pasada da que ela soamente é representación. Ausencia e pasado: eses dous termos que condensan a esencia da arte cinematográfica revélanse como a pedra angular da historia que narra a fabulosa, emotiva e ocorrente ¡Salta!, a primeira longametraxe de Olga Osorio.

Enmarcada nun xénero atípico dentro do panorama español —cine fantasioso con doses de humor refinado e próximo a unha fórmula familiar aínda que con propostas moito máis distinguidas que as ofrecidas pola “factoría” Segura—, a realizadora lucense crea unha longametraxe cuxa semente ofreceu os primeiros froitos a modo de curtametraxe sete anos atrás: Einstein-Rosen. A fita técese, entón, arredor dunha fábula na que os “buracos de verme” lle permiten a un dos protagonistas, un mozo de dez anos, desafiar a lóxica do espazo-tempo para aterrar así, desde a nostálxica década dos oitenta, no ano 2022, onde se atopa co seu irmán maior preto dos corenta e arrecunchado nunha vida lánguida por mor dunha serie de avatares: a desaparición da nai, do irmán, a súa tartaruga e mais o alzhéimer da súa avoa. Con estes ingredientes de partida, Olga Osorio procura un achegamento do espectador á historia grazas a un sabio proceso de dobre identificación. Primeiro, unha identificación diexética que xorde do personaxe maior cara o seu irmán pequeno, en parte motivado polo sempiterno desexo humano de regresar á nosa infancia. E segundo, unha identificación entre espectador e mais os dous protagonistas, neno e adulto, fundidos como se fosen unha única figura que condensa de seu os anhelos que reforzan a asociación proxectiva do público, e, deste xeito, trasladar cara ambos personaxes as propias tendencias persoais. De aí que, aínda que a película resulte moi recomendable para un público infantil, son máis ben os espectadores próximos á idade do personaxe maior os que mellor poden asimilar intelectual, e sobre todo emocionalmente, as rugosidades do relato fílmico.

As cousas non son como en realidade foron, senón como un as recorda. A nostalxia da nosa infancia non é outra cousa máis que a nostalxia dun mesmo, do que foi no seu día fronte a un presente que, na maioría dos casos, non resiste á comparativa cun recordo da nosa nenez. De aí que o cativo chegado dunha etapa pretérita funcione, a ollos do seu irmán máis vello, como a materialización dunha ausencia que baleirou a súa vida, e tamén dun pasado feliz. Se o menor viaxou cara o futuro, o maior acometeu un salto cara o pasado grazas ao encontro con seu irmán, acompañado polo espectador que tamén emprende un “salto” cara os anos oitenta.

A propia directora recoñece a influencia de E. T., o extraterrestre (Steven Spielberg, 1982) na xénese desta historia, presente sobre todo nesa aura de dramedia que se acada xa desde un sobresaínte guión —co-escrito en colaboración con Araceli Gonda, responsable dos argumentos de 18 comidas (Jorge Coira, 2010), a serie Hierro e a última entrega de Cuñados (Luis Avilés, 2024)— no que se logra combinar drama e comedia acadando unha mestura que suscita a segregación das glándulas lacrimais ao tempo que os beizos esbozan un sorriso; iso si, sen caer en ningún momento no menosprezo á intelixencia do espectador, distinción da cal non poden presumir aqueloutros produtos familiares. Trátase, certo é, dunha película fantasiosa, pero sempre cun tratamento serio. Un dos pasaxes máis sublimes ten lugar cunha referencia proustiana a partir da emotiva historia dos bolos de leite, que ilustra a forza dun recordo e a capacidade que posúe o sentido do sabor para excitar “saltos” no tempo.

Na imaxe grande: fotograma de ¡Salta! (2023). Abaixo: a directora cinematográfica Olga Osorio.

A directora cinematográfica Olga Osorio. / Héctor Paz Otero

[object Object]

Olga Osorio —directora, guionista, docente e fotógrafa— é unha cineasta que, circunstancias da vida, formalizou un bautismo tardío: rodou a súa primeira curtametraxe en 2015, cando contaba corenta e tres anos de idade. ReStart, así se titulaba a curta, tivo a súa estrea dentro da sección oficial do Festival de Sitges, e viaxou por un centenar de festivais de todo o mundo (París, Nova York, Londres, Boston...) acadando numerosos premios e recoñecemento. A partir desta data, e cunha regularidade pouco frecuente no panorama do audiovisual galego, non deixaría de filmar.

Un ano despois firmou a xa citada Einstein-Rosen, proxecto xerminal da súa longametraxe ¡Salta!, que igualmente se estreou en Sitges e foi presentada en máis de 250 festivais internacionais. Mouras (2017) foi o terceiro proxecto, e acadou un recoñecemento inmediato grazas á súa presenza no ScreamFest de Los Ángeles. Tinder time (2018) e Cuestión de autoridad (2019), supoñen as dúas últimas curtametraxes antes de lanzarse á aventura da longametraxe cun proxecto no que estivo traballando máis de seis anos.

No seu curriculum vitae figuran varios premios Mestre Mateo grazas á realización de varios videoclips, Garden’s Road e Buscando a Superfana, e ao traballo de produción en 3-1=0, curtametraxe dirixida por Juan Galiñanes.

Suscríbete para seguir leyendo