Dende a fiestra

Os dereitos de ler poesía

O escritor mexicano Octavio Paz.

O escritor mexicano Octavio Paz. / FARO

Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

O meu amor a Latinoamérica non ten límites. O meu amor á súa literatura é un trazo esencial da miña personalidade lectora. Non podo concibir o acto de ler, sen a presenza de escritoras e escritores hispanoamericanos no meu día a día.

E México está presente en min a través da súa cultura en xeral e na literatura en particular. Autoras e autores como Juan Rulfo, Carlos Fuentes, Octavio Paz, Juan José Arreola, Elena Poniatowska, Ángeles Mastretta, Brenda Navarro ou Bárbara Jacobs, entre outros, forman parte importante das miñas necesidades lectoras. Mesmo cheguei a pescudar na figura de Sor Juana Inés de la Cruz, talvez a primeira escritora mexicana e hispanoamericana alá polo século XVII.

Recoñezo que teño especial interese pola figura de Octavio Paz. Sinto por el respecto e admiración polo talle intelectual que posúe. O seu legado intelectual é unha das grandes achegas de México á humanidade. Ensaio e poesía son os puntos centrais dese legado porque a súa vida foi sempre de poesía.

Sobre ela, encántame a frase coa que afirma que “cada poema é único. En cada obra latexa, con maior ou menor grao, toda a poesía. Cada lector busca algo no poema. E non é insólito que o atope: xa o levaba dentro”.

Sabias palabras que comparto completamente. Porque de poesía quería falar neste artigo. E de poesía dirixida ao lectorado en xeral.

En 2017 fun convidado a participar na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Ciudad de México. A experiencia foi fermosísima e moi enriquecedora para min. Buligaba un interese enorme pola palabra escrita. Dentro dese evento, impartín un obradoiro poético para escritores e escritoras novos, recitei compartindo nun fermoso espazo da Feira e dei unha conferencia sobre a poesía na escola para máis de seiscentos docentes, que atendían cun interese profundo todo o que alí se dicía. E sentín a súa calor, o seu agradecemento, o seu agarimo, que se traduciu ao final en apertas, fotos e sinaturas. Foi algo inesquecible que me emociona ao lembralo.

Hai uns días dei en internet cun interesantísimo blog mexicano de lectura crítica e xornalismo. Dedicado á literatura infantil e xuvenil, Linternas y bosques, é un espazo independente e libre que intenta ampliar mundos. E ben que o consegue.

Nel publican unha declaración dos dereitos universais da poesía, cuxo autor é Bernard Friot, un poeta e narrador de LIX en Francia e director artístico do Junior Poetry Festival, a quen lle gusta lembrar o que dicía o escritor e fotógrafo francés, Denis Roche: “A pesar da opinión común, a poesía é o xénero máis doado, o máis aberto”. Este é o espírito que me move a reproducir aquí este manifesto que busca que a poesía sexa máis accesible para todas e todos.

Co fondo da voz de José Alfredo Jiménez, un trobador que a través de sinxelas cancións e de situacións cotiás expresadas con moito sentimento e inspiración, foi capaz de chegar indiscriminadamente ao corazón, non só das xentes máis humildes, senón ao fondo dos intelectuais, tentarei condensar este interesante decálogo poético.

  • No primeiro punto, lemos que “cada persoa ten o dereito de ser recoñecida como poeta, xa que todo ser humano que fala posúe unha relación poética coa linguaxe”. Impresionoume esta afirmación porque levo dicindo dende sempre que “Todos somos poetas”.
  • No segundo punto afirma “que toda persoa ten o dereito de experimentar a poesía como xénero sinxelo e aberto e, polo tanto, máis democrático”. Eu engado que non só as elites culturais teñen ese dereito.
  • No terceiro punto fálanos Friot de que “un texto convértese en poesía só cando se le coma tal”. A maxia da lectura.
  • O cuarto di que “toda persoa ten o dereito de aprender a ler poesía de maneira libre e creativa. A lectura é un acto tan creativo como a escrita e son os lectores os que deciden como interpretar o poema”.
  • No quinto, Friot salienta o dereito de cada persoa a acceder de maneira gratuíta á poesía a través dunha oferta diversificada. As bibliotecas son un exemplo, pero tamén lecturas públicas ou publicacións entre outras máis.
  • No sexto refírese ao dereito de cada persoa a coñecer o repertorio da poesía popular como elemento esencial común e acceder ao patrimonio poético relacionado co seu idioma de orixe.
  • No sétimo fálanos Friot do dereito de coñecer o patrimonio poético de todas as culturas e idiomas, pois a poesía reflicte unha experiencia humana común.
  • Nos puntos oitavo e noveno afirma que toda persoa ten o dereito de ser iniciada na escrita poética e de coñecer e utilizar os recursos poéticos da linguaxe fóra dos poemas, tanto oralmente como por escrito: prosa narrativa, textos dramáticos, publicidade, cancións e o discurso político.
  • E remata este manifesto Bernard Friot dicindo que “toda persoa ten o dereito de rexeitar e criticar a poesía, coa única condición de respectar sinceramente aqueles que non compartan a súa opinión”.

Se o lemos con atención, chegaremos á conclusión de que a poesía enxalza o ser humano, faino máis reflexivo, máis libre, máis rico e, estou seguro, máis feliz.

Suscríbete para seguir leyendo