Dende a fiestra

De bibliotecas persoais

Algúns dos libros da biblioteca do autor.

Algúns dos libros da biblioteca do autor. / FARO

Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Estou sentado na miña biblioteca. Todo é silencio ao meu redor agás as palabras dese músico australiano, Nick Cave, a quen levo escoitando varios días seguidos en puntos diferentes da miña casa. Agora, cunha luz tenue que crea un espazo idílico, escóitoo na biblioteca persoal, que tanto amo. Esta biblioteca é para min unha catedral de luz e de soños, de vieiros e horizontes mariños que conforman a miña vida. Soa unha fermosísima canción, Waiting for you, que demostra unha vez máis o talento dese compositor, capaz de atoparlle beleza á melancolía. Nick Cave consegue achar a inspiración nos intres máis duros e tortuosos da existencia e a parte máis nostálxica desa existencia chega a ser a base fundamental da súa obra.

Estou na biblioteca, si, aínda que dous andares forman unha biblioteca persoal repartida por varias habitacións. Pouco a pouco, dende que a paixón lectora se apropiou de min, fun construíndo ese edificio literario que marca os meus días. Milleiros e milleiros de volumes de todos os xéneros poboan as paredes e van comendo espazo a quen habitamos esta casa. As paredes, claro, cos seus andeis, pero tamén comezan a aparecer columnas de libros apoiadas no piso, demandando un lugar para descansar cada vez máis escaso.

Non quero pensar no futuro, nin sequera, no máis próximo. Eu preciso estar rodeado de libros. Libros que che chiscan un ollo agardando que lles prestes atención; libros que se entristecen cando pasas por diante e non reparas neles; libros que tremen de emoción no momento en que son escollidos para seren lidos; libros que calan, que soñan, que falan en voz alta, que reclaman o teu agarimo.

Así é unha biblioteca persoal: un milagre afectivo de amor ás palabras que fortaleceu unha personalidade que se foi transformando a través dos anos. Unha parte ben grande da historia de min mesmo atópase entre andeis e moreas de libros.

Walter Benjamin sinalou que a biblioteca é un lugar para a memoria. Concordo con el porque nesa memoria se encontran as miñas eivas, os meus degoiros, os meus logros, as miñas dúbidas, as miñas alegrías. Sensacións que fun gozando e sufrindo a través de tanta boa literatura.

Eu non concibo o meu día a día sen a biblioteca persoal. Di Alberto Manguel no seu precioso libro Mientras embalo mi biblioteca, que “hai certos lectores para os que os libros existen no momento en que os len, e logo como recordos das páginas lidas, pero que poden prescindir das encarnacións físicas dos libros”. E fai alusión a Borges, concretamente, que posuía unha biblioteca duns poucos centos de libros. Mesmo acostumaba a regalar varios deles aos seus visitantes. Eu sería incapaz de facer tal cousa. Só con pensalo sinto arrepíos. Lembro o moito que padecín cando, por razóns de espazo, tiven que facer unha expurgación bibliotecaria en dous momentos da miña vida. Custoume desprenderme de bastantes títulos. Os amigos e amigas viñan á casa e ían collendo de dúas maletas os títulos que lles interesaban. Ás veces nin miraba o que collían, pois tiña medo de arrepentirme.

As bibliotecas persoais poden concibirse como testemuños do que o propietario leu, gozou e se formou; testemuños duns desexos irrefreables de saber, de pensar, de reflexionar. Uns libros que agardan o momento excelso de descansar nas mans lectoras e sacudir a quen os colle con cariño. Os libros dunha biblioteca persoal significan a esperanza do desfrute a través de historias, diarios, poemas, ensaios, biografías e demais xéneros da ampla literatura que temos ao noso alcance.

A biblioteca persoal non entra en confrontación coas bibliotecas públicas -faltaría máis- nin coas escolares. Cada unha ten a súa función, en ningún caso, excluínte. Son unha parte, talvez máis propia, do desexo de ler, de saber, de emocionarse en lugares diferentes pero complementarios.

Teño unha biblioteca extensísima. Non o nego. Son moi feliz nela. Segue aumentando para desgraza do espazo familiar. Non se trata, nin por asomo, de alimentar o ego, senón un instrumento para coñecer mellor o mundo que me rodea e o mundo de meu.

Son consciente de que, nin en moitas vidas, podería ler todos os libros da biblioteca. E, como di Umberto Eco, “ é como debe ser, porque unha biblioteca persoal debe ter a maior cantidade posible de coñecemento que se descoñeza”.

Volvo con Eco cando di que “é unha parvada pensar que tes que ler todos os libros que mercas. Non se pode criticar aqueles que compran máis libros do que poderán ler. Hai cousas na vida para as que precisamos ter sempre unha chea de suministros, mesmo se só chegamos a usar unha pequena cantidade. Se consideramos os libros unha menciña, entendemos que é bo ter moitos na casa no canto de poucos. Se tes unha doenza e queres sentirte mellor, elixes o libro axeitado. Seguro que vas mellorar. O libro non é un produto de consumo. Os que aman os libros, saben que un libro é calquera cousa menos unha mercancía”. Non o pode deixar máis claro.