Entrevista | Cuchus Pimentel Músico. Guitarrista flamenco

"A 'Movida' foi o Holocausto da música en Vigo"

“Tocar flamenco en Galicia é políticamente incorrecto. A min insultáronme na prensa, na radio... e na TVG ata me fixeron burla”

Cuchus Pimentel,  un amor ó flamenco e á guitarra

Pedro Fernández

Salvador Rodríguez

Salvador Rodríguez

Cuchus Pimentel é, seguramente, un dos casos máis atípicos da historia da música en Galicia, ata o punto de que el mesmo xa que ten asimilado, con humor, que o consideren un “raro” cando, no seu entender, “os raros son os outros”. Nacido en Palencia en 1959, disfrutou da sua infancia en Lugo e, xa mozo, trasladouse a Vigo, e todo debido aos destinos profesionais do seu pai, o mestre Xesús Alonso Montero, ex presidente da Real Academia Galega, e un dos intelectuais máis sobranceiros da cultura galega contemporánea. O que aconteceu con Cuchus foi que de noviño namorouse dunha “muller” para toda a vida: unha muller chamada Flamenco á que leva mais de corenta anos tocándolle a guitarra.

–Que xurdiu primeiro en Vde., a vocación musical ou o desexo de ter unha guitarra?

–Desde que tiña cinco ou seis anos, xa lle dixen a miña nai que o mellor agasallo que podería facerme era unha guitarra. E conseguino, malia que era unha guitarra de xoguete, pero así empecei eu.

–Non me dirá que daquela xa quería ser Vde. unha estrela do rock, que era o que se estilaba naqueles tempos.

–En Lugo naquela época non se estilaba nada

–E que tocaba naquela guitarra?

–Eu empecei con Tino Prados no Círculo das Artes tocando todo o que me ensinaba, que basicamente eran os acordes da guitarra e, logo, decatándome que alí non aprendía nada, aos nove anos de idade meus pais conseguíronme un mestre particular, máis axeitado e máis eficaz, vaia!

–E foi aí cando se meteu na música clásica.

–Claro! O profesor era o que sabía tocar, eu aínda non, pero a el non lle falaras de rock, nin de jazz, nin de folk… El ensinaba música clásica e iso foi o que aprendín, porque ademais eu tampouco sabía nin de rock nin de nada.

–Vde. o que quería era tocar a guitarra… e veña!

–Claro, eu quería tocar a guitarra porque unha vez vin a un rapaz tocar o “Romance anónimo” na televisión, e dende aquela converteuse na miña teima: a toda costa, quería aprender a tocar o “Romance anónimo”.

–E despois…

–Pois despois de saber tocar esa peza díxenme: “Ostras, tamén podo tocar outras cousas! Non me vou quedar aquí xa!”.

–Nin sequera hoxe en día é doado facer carreira como solista de música clásica en Galicia. Confésolle que empecei a ter noticias súas a través do mundo do jazz, naquela pequena eclosión que houbo en Vigo a principios dos 80. Introduciuse no jazz por gusto ou porque sentiu que era onde podía encaixar mellor?

–Daquela ninguén facía o que facía eu, de maneira que me dei conta de que se quería facer unha carreira profesional na música tiña que meterme aí, no jazz, que ademais era o que tocaban os meus colegas máis achegados.

Cuchus Pimentel: "A 'Movida' foi o Holocausto da música en Vigo"

Cuchus no grupo Saffron, que reuniu algúns dos músicos pioneiros do jazz en Vigo. / FDV

–Entón non foi por gusto personal.

–Non, pero vaia, o jazz gustoume e aínda me gusta, aínda que o meu sempre foi o flamenco. Sempre, sempre…

–E intúo que, á “movida” de Vigo, nin quixo chamar nin o chamaron.

–Non, non. A chamada “movida” foi o Holocausto da música en Vigo, e o peor é que ainda seguen aí, pedaleando. Pero isto que é? E por enriba o ano pasado déronlle a Medalla Castelao a Siniestro Total, que barbaridade! Para min que o público de todos eses grupos é parvo. Pero, que puñetera graza tiña iso do "ayatolah” e demais parvadas?

–Pois tiveron unha carreira musical de corenta anos en primeira liña.

–E déronlles a Medalla Castelao! Iso é un sacrilexio. Puideron darlla a un compositor de música clásica, a unha orquestra, a unha banda de música… pero, darllo a un grupo de punk? O punk é a antimúsica, e ademáis por definición. Iso non pode ser. Estamos nun país onde todo está moi mal.

–Vde. sempre dixo que, en realidade, era máis natural que un galego fixese flamenco do que se dedicase ao rock.

–Claro! É unha cuestión xeográfica, cultural e ata de sentimento. Aínda que a xente non o crea, a música galega está a carón do flamenco. Vén todo da mesma raíz, que é a música ibérica: acaso a xota non está en todas partes? Esa é a miña teoría, e gran parte do flamenco vén da xota. Son músicas que colleron diferentes camiños, pero que comparten a mesma raíz.

–E por iso dixo Vde. o do rock?

–Pois si. Porque en realidade o que é raro é que haxa cincocentos grupos galegos facendo rock pero, en cambio, resulta que o raro son eu, porque estou só, evidentemente (rí).

–Unha etapa moi importante na súa traxetoria foi cando asistíu as clases de Manolo Sanlúcar, un dos deuses da guitarra flamenca…

–Fun as súas clases durante moitos anos, e tamén tiven oportunidade de ir a súa casa, porque el ofreceume ir alí para vivir e estudar con el, pero rexeiteino. Porque eu tiña que traballar, naquela altura xa cumprira corenta anos e, claro, había que buscarse a vida. Non me podía permitir o luxo de quedarme na casa de Manolo Sanlúcar tocando a guitarra.

–Naquela época si que puido digamos que entrar non eido flamenco de verdade…

–Non te creas. Aquel, en realidade, era o mundo dos estudantes, sobre todo dos estranxeiros que querían a aprender a tocar a guitarra flamenca: rusos, finlandeseses…que saben eses do flamenco? Eu teño o convencemento de que o flamenco estranxeiro non é flamenco, teño viaxado moito e confirmado que, os flamencos, se non son españois, non son flamencos. Ao mundo flamenco, ao de verdade, accedín cando me fun a vivir a Madrid e contactei cos verdadeiros profesionais cos que traballei toda a vida, e que algúns son hoxe premios nacionais: a bailaora e coreógrafa Olga Pericet, o guitarrista Manuel Millán….eu acompañei ao mellor do mundo flamenco, porque eu son un acompañante, non son un solista…Aquí en Galicia non me queda máis remedio que ser un solista porque non hai máis, nin quen cante nin quen baile…Vinme abocado a ser solista sen querer, porque eu non quero tocar solo a guitarra, eu estou farto de mín, nin me quero escoitar…Pero si que quero escoitarme en interacción con outro, pero a mín só, non.

–Onde está o segredo do flamenco?

–Hai moita xente que toca a guitarra flamenca, pero moi pouca que toque flamenco coa guitarra. E isto último é o que eu intento facer.

–E cal é a diferencia?

–A diferencia estriba en que a guitarra flamenca é un instrumento en si mesmo, igual que o pode ser a guitarra de jazz, de rock ou de música clásica. Son instrumentos específicos para tocar determinados estilos. Pero non por tocar a guitarra flamenca eres un flamenco. Mesmo en Galicia hai moitos que tocan a guitarra flamenca, pero guitarristas flamencos…eu creo que son o único, así que no é que sexa mellor que nadie, senón iso: que son o único. É que o pior que lle pasa ao flamenco é o intrusismo profesional. Aquí en Vigo hai profesores que ensinan guitarra flamenca e non saben o que é a guitarra flamenca. E a min isto enérvame! Faime dano! Porque están destrozando á xente. Para chegar a ser alguén na guitarra hai que estudar desde moi novo, e estudar a fondo, con bós mestres, pero se estudas con xente que non sabe…E en Vigo pasa isto! Nesta cidade hai moito inculto musical.

–Decataráse Vde. que está a ser bastante políticamente incorrecto.

–O feito de tocar flamenco aquí xa é por sé mesmo políticamente incorrecto. A mín insultáronme na prensa, na radio, na televisión…ata fixeron bulra de min, incluso quenes pensaba que eran meus amigos!

–Pódeme citar algún caso de bulra?

–Pois mira, ainda lle teño gardada unha a Morris, o actor. Se un día o topo na rúa, recordareille aquelo de “Farruquito” co que quixo ridiculizarme na TVG…pagado polo PP.

–Cando Vde. fixo adaptacións de pezas tradicionais galegas á guitarra flamenca, e ademáis gravou e editou un disco, iso era flamenco?

–O único que fixen foi, simplemente, reunir unas pezas moi populares e buscarlles o xeito para que puidera tocalas eu. Nin nada máis, nin nada menos.

–Pero, insisto: iso era facer flamenco?

–Eran paus flamencos, pero non era flamenco porque o flamenco non se canta en galego, o flamenco en galego non pode ser.

–O 19 de decembro de 2006, Vde. e o cantaor Delio Rodríguez interpretaron o himno galego no mesmísimo Parlamento de Galicia. E armouse unha polémica de moito c….xa sabe. Pasados os anos, que visión ten Vde. daquel acontecemento?

–Pois a mesma que tiña daquela e que me fartei de explicar sen que ninguén me fixese caso. Para quen queira botar unha ollada, eu ainda teño por escrito aquel arranxo que fixen da música, seguindo estrictamente a partitura orixinal. Que era o que había que facer, porque o Himno de Galicia non se pode tocar cunha gaita, segundo eles mesmos din.

–Eles? Quenes son eles?

–Os que me criticaron, os mesmos que din que o himno hai que tocalo nun acto oficial seguindo a partitura, que ao cabo foi o que fixen eu sen que eles se enterasen. E non, eu non toquei flamenco cando interpretei o himno, non utilicei ningunha técnica específica da guitarra flamenca. De feito, interpreteino coma se estivese tocando cunha guitarra clásica, e podo demostralo. A verdade é con aquelo pasáronse comigo nas críticas, ata houbo quen dixo que eu tocara o himno por bulerías…Iso é de analfabeto musical!

–Ademais de acompañar a artistas flamencos, Vde. tamén ten tocado con outros que non fan flamenco. En que xeito é distinto acompañar a un cantaor flamenco de facelo con cantantes como Uxía, Rasha, María Salgado…?

–Un cantaor flamenco nunca sabes por onde che vai saír, porque canta de inspiración. Os outros pois, vaia, sempre cantan igual, cínguense á canción, esa é a diferencia esencial. Un cantaor nunca sabe o que vai cantar, canta o que lle apetece no momento ou que lle sae.

Cuchus Pimentel: "A 'Movida' foi o Holocausto da música en Vigo"

Coas cantantes Uxía, Rasha e María Salgado. / FDV

–E que ten que facer entón o guitarrista?

–O guitarrista ten que estar diante dél para levalo por onde quere ir.

– Poucos saben que é Vde. licenciado en música tradicional. É a música tradicional a “mater” da música clásica, como di David Russell?

–Si, estou totalmente dacordo. Sen música tradicional non existiría a música clásica. De feito, houbo épocas na música clásica nas que só se facían danzas populares, no Barroco nomeadamente.

– De todo canto bó se pode decir de Paco de Lucía, qué e o mellor que diría Vde.?

–En que sentido?

–Como músico.

–Paco de Lucía foi o músico máis grande que deu España, sen dúbida. Eu até o poño por enriba de Manuel de Falla. Paco xa é un deus, e a súa influencia mundial na música é xigantesca, terrible, impresionante.

–Como diciamos antes, Vde. estivo con Manolo Sanlúcar, e hai quen defende que este pouco tiña que envexar de Paco…

– Paco está por enriba de todos por moitas razóns, non hai color. Eu penso que o sobresaínte de Manolo foi o seu labor didáctica, ata o punto de que o valor que hoxe se lle da á guitarra flamenca débeselle a Manolo Sanlúcar, porque todos os grandes guitarristas que están hoxe no máis alto pasaron pola súa casa: Vicente Amigo, Chicuelo…todos.

–Se vivir da música e residir en Galicia está moi complicado, que decir se o músico é flamenco. Pero Vde. sempre tivo a súa “base” de Vigo…

–Si, pero eu levo toda a vida viaxando e vivindo en moitas partes, porque aquí non me ven buscar ninguén.

–Porén, na década dos 90 e principios do 2000, había concertos seus cáseque cada fin de semana, sobre todo en pubs e salas de concertos…

–Si, pero case sempre tocando solo. Eu vivín vinte tantos anos en Madrid, e logo en Barcelona, e despois en Mallorca, e en Sevilla…E iso por non citar as viaxes a Xapón, México…onde estiven temporadas moi longas.

–Seguramente en Vigo, hoxe en día moi poucos coñecen a sua traxetoria. Cre que aquí non se lle valora?

–Para estar valorado nunha terra na que valoran a Siniestro Total…ata prefiro non estar valorado! Estou como dios tal e como estou, que ninguén me faga caso nin fale de mín…porque falan dos malos e eu véxome salvagardado tal e como estou. E dígoche a verdade. A mín valóranme en Madrid, en Sevilla…para que quero que me valoren aquí, que non saben nada…?

–É que esta é a súa terra.

–É a miña terra pero o non ser profeta na túa terra semella ser unha cousa moi positiva.

Cuchus Pimentel: "A 'Movida' foi o Holocausto da música en Vigo"

Cuchus, na súa casa de Vigo. / Marta G. Brea

–Qué lle debe o flamenco aos xitanos?

–Os xitanos son grandes intérpretes, cantan e tocan moi ben, pero ata ahí chegan. Non son creadores nin creativos ainda que, claro, non son unha raza intelectual, son xente de andar pola rúa…

–Nin sequera Camarón de la Isla?

–Camarón fixo o que fixo…malia que, pensándoo ben, quizais lle fixera moito dano ao flamenco.

–En que senso?

–Debido a súa imaxe de drogadicto…iso fíxolle moito dano á propia imaxe do flamenco. Agora, no aspecto musical, ahí non teño nada negativo que decir. De feito hai xente que lle criticou o facer fusión do flamenco co rock (nomeadamente con aquel disco revolucionario, “La leyenda del tiempo”), e é certo que fixo fusión, pero con coñecemento de causa e moi ben acompañado musicalmente.

–O seu mellor disco e o seu mellor concerto ainda están por vir?

–Eu non paro de facer discos…para outros artistas. O meu mellor disco foi o que publiquei fai tres anos, “Por mi camino”, e mellor que ese non o vai a haber máis porque xa non podo, teño dificutades na man para tocar como eu quixera. Pero ese disco foi resultado de 35 anos de traballo, de estar en contacto e traballando co ambiente flamenco máis exquisito do mundo. Non, non é un disco feito nunha semana nin un mes, o proceso de gravación xa levou máis de dez anos, de 2009 a 2021. Como agora se poden facer discos na casa, estiven permanentemente traballando nél porque, como decía o artista Miguel Ángel, “as obras nunca se acaban de facer, abandóanse”…Ata que chega un momento no que te dis “isto teño que deixalo xa”, entón o abandóas e pasas a outra cousa.

–E en qué “outra cousa” está traballado Vde. agora?

–Estou traballando nun proxecto que, por certo, non é flamenco, senón sobre un texto inédito de Xosé Neira Vilas. Xa teño compostas dez cancións diferentes coas mesma letras en diferentes estilos: flamenco, clásico, bossa nova, blues…E non te podes nin imaxinar o choio que da! Levo xa seis anos con este proxecto, convertiuse nun reto personal.

Suscríbete para seguir leyendo