Saltar al contenido principalSaltar al pie de página
COSTA A COSTA - ESPECIAL FORMACIÓN

IES Plurilingüe A Paralaia: 40 anos ao servizo da educación pública en Moaña

A clave do seu éxito está no bo ambiente e o traballo en equipo de todos os integrantes da comunidade educativa

Varios cans da Protectora de Animais do Morrazo 
atoparon familias de adopción grazas ao seu paso polas aulas.

Varios cans da Protectora de Animais do Morrazo 
atoparon familias de adopción grazas ao seu paso polas aulas. / IES Plurilingüe A Paralaia

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

O IES Plurilingüe A Paralaia leva 40 anos traballando na mellora da formación académica e persoal do alumnado de Moaña. Centro pioneiro na localidade en programas como o Plurilingüismo, o programa de dixitalización da ESO (E-Dixgal), o bacharelato de excelencia STEMBach ou os Erasmus+ e a FP Dual nos ciclos formativos, que fan da súa comunidade educativa un espazo de convivencia, inclusión, aprendizaxe, innovación, cooperación e emprendemento.

A mellora da convivencia, constitúe un dos seus sinais de identidade. Desde o Equipo de Convivencia coordínase a formación e accións de profesorado e alumnado co obxectivo de xerar un clima favorable na aula para o traballo e o desenvolvemento das capacidades dos estudantes. Os Contratos Programa ofrécenlles a posibilidade de financiar a formación do profesorado nas prácticas restaurativas que axudan a traballar as emocións do alumnado e a integrar o grupo-clase.

Baixo a coordinación do Departamento de Orientación, mediadores, alumnado mentor e cibermentores axudan o resto de compañeiros a fornecer estratexias e a resolver os conflitos. O Equipo de Igualdade traballa na creación dun espazo de respecto, con actuacións prioritarias en prol da non discriminación das mulleres e do colectivo LGTBI. E o centro conta tamén cunha Unidade de Acompañamento e Orientación Familiar e Persoal (UACO) desde a que se traballa para reducir o absentismo e o fracaso escolar.

As señoras de Ensinanzas Básicas Iniciais están integradas 
nas dinámicas do IES.

As señoras de Ensinanzas Básicas Iniciais están integradas 
nas dinámicas do IES. / IES Plurilingüe A Paralaia

No centro tamén se traballa a inclusión cun amplo programa de atención á diversidade que inclúe: apoios con profesorado de Pedagoxía Terapéutica, agrupamentos, desdobres, programas tanto de diversificación, como de enriquecemento curricular... co que se pretende formar alumnado competente e darlle a todos e todas as mesmas oportunidades.

A aprendizaxe significativa constitúe outros dos eixes principais do centro. O emprego de metodoloxías activas e motivadoras como as aulas invertidas ou a aprendizaxe por proxectos en determinadas materias da ESO, a aprendizaxe servizo nos ciclos formativos, a metodoloxía CLIL nas linguas estranxeiras ou o uso de ferramentas informáticas (aulas virtuais, Edpuzzle, emprego de impresoras 3D...) que procuran ao alumnado destrezas e habilidades para progresar no coñecemento.

Viaxe a Pena Trevinca do alumnado de Proxecto Competencial de 3.º ESO.

Viaxe a Pena Trevinca do alumnado de Proxecto Competencial de 3.º ESO. / IES Plurilingüe A Paralaia

Conciencia social

A través dun amplísimo programa de actividades complementarias, o centro busca a colaboración con organismos, empresas e as ONG locais (COCAN Intervenciones, Casa da Mocidade, Protectora de Animais do Morrazo, Centro de día Apreixo, AFAMO, Cáritas Moaña...) co obxectivo de favorecer unha conciencia social no alumnado.

Unha interacción coa contorna que serve á súa vez para promover o emprendemento entre o alumnado do centro a través de programas como DepoEmprende da Deputación de Pontevedra, no que o alumnado de 4.º da ESO deseña e fai realidade unha cooperativa, ou o programa eMprende, promovido por Ayuda en Acción e o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións e dirixido aos ciclos formativos, que traballa na formación, orientación e emprendemento do alumnado participante e no que o IES é un dos centros pioneiros a nivel nacional.

Contorna e emprego

A maiores do emprendemento, a interacción coa contorna tamén se produce proporcionando traballadores cualificados ao mercado laboral. Os ciclos formativos das familias de electricidade e electrónica, fabricación mecánica e administración e xestión que se ofertan no centro contan, na actualidade, cunha altísima empleabilidade. Desde o centro se dá resposta ás ofertas de traballo que trasladan as empresas, quedando vacantes algunhas delas por falta de estudantes na bolsa de emprego.

Logo de corenta anos de historia, o IES Plurilingüe A Paralaia segue a traballar na procura dun espazo de convivencia, respecto e traballo en equipo que permita a mellora das competencias profesionais e persoais do alumnado.

Tracking Pixel Contents