Medio ambiente

A Cañiza inicia a terceira campaña de trampeo contra a velutina

O Concello reparte 70 botes de líquido atraente para eliminar as raíñas

Xuntanza cos apicultores para o reparto de material.   | // D. P.

Xuntanza cos apicultores para o reparto de material. | // D. P. / d. p.

d. p.

O Concello vén de adquirir e repartir 70 botes de líquido atraente para eliminar as raíñas. O alcalde Luis Piña reuniuse na Casa de Cultura con apicultores locais para facer entrega do material. Segundo explicaron nesta xuntanza, cada bote contén 500 mililitros de produto para disolver en litro e medio de auga e, con estes dous litros de líquido atraente poderanse crear oito trampas de xeito que os 70 botes entregados permitirán colocar na contorna un total de 560 trampas.

Esta iniciativa reúne a máis de 40 apicultores profesionais e non profesionais da Cañiza, todos dados de alta no rexistro apícola da Consellería de Medio Ambiente, que suman un censo de máis de 3.000 colmeas, e ten como obxectivo capturar ás raíñas velutinas para evitar que aniñen e se poida reducir o impacto e a merma na abella autóctona.

Segundo informaron ao alcalde, os apicultores estenderán o produto máis alá das súas propias colmeas, abarcando máis terreo para que a campaña sexa máis eficiente.

Esta campaña da continuidade á iniciativa do goberno local, de marzo de 2021, de axuda a esta rama produtiva do sector primario, que fabrica un mel moi valorado pola calidade da flora de media montaña do municipio da Paradanta.

Ademais, o pasado mes de febreiro, o alcalde asinou a adhesión do Concello a un novo Convenio e protocolo coa Vicepresidencia 1ª e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a FEGAMP para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte a vespa asiática velutina para o ano 2024.

Este programa de vixilancia recolle as actuacións necesarias para a contención e seguimento da velutina e inclúe actividades relacionadas coa detección precoz de niños mediante avisos a través do 012 e o control e eliminación/neutralización de niños sempre que sexa posible.