Historia

As “pedras da memoria” chegan a Galicia

Catro “stolpersteine” conmemorarán aos veciños de Redondela represaliados durante o nazismo

Momento do acto.   | // D.P.

Momento do acto. | // D.P. / D.P.

D.P.

O paseo da Xunqueira, ás portas do Multiusos, acolleu o pasado 27 de xaneiro o acto de homenaxe aos veciños de Redondela represaliados nos anos 40 e que acabaron no campo de concentración de Mauthausen. Antonio Piñeiro Otero, José González Vázquez e Olimpio Míguez Pazos foron asasinados neste campo de exterminio nazi, e Alejandro Lafuente Pose foi liberado polas tropas aliadas en maio de 1945.

O Concello de Redondela, en colaboración co Colectivo Republicano, celebrou este acto coa presentación do libro da historiadora e escritora María Torres “De Redondela a Mathausen” e a colocación de catro “stolpersteine”, lastras da memoria, coas inscricións das catro vítimas redondelás.

Estas lousas de latón, cuxo nome en alemán significa “pedra na que tropezar”, foron ideadas polo artista alemán Gunter Denmig en 1990. En cada unha das lousas atópanse os datos dunha persoa represaliada polo nazismo, e xa hai máis de 100.000 pezas en 27 países.

Redondela, primeiro municipio galego en acollelas, forma agora parte do maior monumento descentralizado do mundo.

Marcos Lareira, presidente do Colectivo Republicano, agradeceu o apoio do Concello e afirmou que Redondela vivíu “un día histórico” coa colocación dos Stolpersteine.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que con este acto a instancia do Colectivo Republicano, Redondela “fai xustiza coa memoria destes catro veciños represaliados que estaban no esquecemento”. Advertíu que “se esquecemos o horror que supuxo o nazismo corremos o risco de que se repita”. Para Rivas é unha obriga “defender cada día a liberdade, a igualdade e todos os valores que representa a democracia”.

Pedro Vieitez, do Colectivo Republicano, advirte que son tamén mostras de fascismo cotiá sucesos que se dan en Redondela “coa sabotaxe do monumento aos asasinados polo franquismo no Alto da Concheira, a misoxinia de borrar o nome das asasinadas pola violencia machista no paseo da Xunqueira ou a desfeita da exposición Mulleres Conquistadoras”.

No acto participou a escritora María Torres, que asinou exemplares do seu libro e a poeta Andreia Costas, que fixo partícipe ao público dos miles de vítimas que aínda quedan por ser recoñecidas. O acto contou tamén coa presenza da concelleira de Cultura Rita Táboas e o concelleiro de Infraestruturas Roberto Villar. A música correu a cargo de alumnas do Conservatorio Municipal.