Igualdade

As baionesas cantan “Con voz propia”

A actividade desenvolveuse no Multiusos de Sabarís

D.P.

O Multiusos de Sabarís acolleu a pasada semana o acto de clausura do programa “Con voz propia”, posto en marcha pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, a través do Centro de Información á Muller.

Tratouse dunha intervención psicopedagóxica na que a práctica vocal (coral e solista) é empregada para incrementar o empoderamento das mulleres, na que participaron varias veciñas do municipio.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a directora do CIM de Baiona, Elena

Otero, acudiron ao acto de clausura no quel que coñeceron de primeira man o traballo levado a cabo polas participantes, baseado nas habilidades de canto e empregando o método de Maga de Voz. Empregáronse tamén neste programa moitos recursos da musicoterapia, a danzaterapia e a dramaterapia para fomentar a libre expresión, o arraigo e o empoderamento do corpo e a voz.

A cabalo entre a terapia e a aula de música común, o programa combinou as estratexias propias da docencia convencional do canto cun enfoque musicoterapéutico, facendo da expresión musical un vehículo para a expresión emocional.

Este proxecto parte da presunción de que a aprendizaxe do canto pode incrementar a seguridade e a confianza, axudando no autocoñecemento e a autovaloración, e favorecendo a inclusión e mellorando a autoestima.