Veciñanza

Redondela pon en marcha o Plan Municipal de Voluntariado

Realizaranse campañas informativas e charlas para fomentar a participación

l. c.

O Concello de Redondela pon en marcha o Plan Municipal de Voluntariado logo de aprobarse en pleno o regulamento municipal de voluntariado. A concelleira, Pilar Martínez, explica que este programa ten por obxectivo “concienciar á cidadanía na importancia de colaborar en accións de voluntariado para conseguir unha sociedade máis xusta e solidaria”. Para iso é necesario que desde o Concello, como administración máis próxima, “se informe sobre que é o voluntariado e as vías de participación que existen”, sinala a edil.

A partires de agora desde o goberno local promoverase o voluntariado con campañas informativas e charlas que fomenten a participación da cidadanía no tecido asociativo. O Concello achegará á veciñanza todas as vías de participación voluntaria “de forma que cada persoa poida actuar no ámbito da súa preferencia”.

Poderán facer voluntariados todas as persoas maiores de idade, e as menores a partir dos 16 anos autorizadas polos pais, nais ou titores.

O abano de actividades que pode abarcar o voluntariado é moi amplo: de acción social, de carácter sociosanitario, dereitos humanos, da infancia, das persoas con discapacidade, igualdade de xénero, educativas, loita contra a pobreza e a exclusión social, culturais, de ecoloxía, científicas, protección civil, deportivas ou de lecer e tempo libre entre outras moitas. Pilar Martínez pon o foco especialmente nas persoas maiores “especialmente as que viven soas, porque o labor do voluntariado pode xogar un papel moi positivo”. Con todo, advirte que “non se trata de suplir a labor dos traballadores e traballadoras” senón de “complementar” as funcións dos profesionais con outro tipo de actividades de ocio ou acompañamento por parte do voluntariado.