Cinema

Nani Matos presenta no seu pobo a súa nova curta

“Antes de que se poña o sol” logrou xa cinco premios

l. c.

“Nunha reunión familiar, catro irmáns deben tomar unha decisión e non todos están de acordo”. Así é a sinopse da nova curta do guardés Nani Matos. “Antes de que se poña o sol” foi presentada nun lugar especial para o seu director, en Camposancos, no pobo en que naceu. Actualmente, Nani reside en Pontevedra pero mantén unha estreita relación coa Guarda e o Baixo Miño.

Esta curtametraxe, que fala dos conflitos familiares entre pais e fillos adultos, un drama familiar ambientado no mundo rural que nos achega ao difícil que é aceptar o paso do tempo e respectar as decisións dos demais, estreouse o 30 de xuño no Teatro Principal de Pontevedra. No pequeno percorrido que leva xa acadou 5 premios e preto de 20 seleccións en festivais como o Internacional de Cortometrajes de Berriozar, en Navarra; o Internacional de Cine Social de Toledo ou mesmo o Primavera do Cine, en Vigo, onde acadou o Premio á Mellor Curtametraxe. Neste mes de outubro estrearase internacionalmente no Festival de Cine de Hendaia, en Francia.

Nani Matos é actor, director e guionista e “Antes de que se poña o sol” supón a súa cuarta curtametraxe. En 2009 dirixiu “Dies dei”, “Flores para Amalia” en 2013 e “Lurna” en 2016.