A Basella aborda as diferentes visións do turismo

Un grupo de rapaces prepara para “21 días en galego” un vídeo sobre o crecemento experimentado por este sector nos últimos anos

Un fotograma do vídeo sobre o turismo na comarca elaborado polas alumnas do IES A Basella.

Un fotograma do vídeo sobre o turismo na comarca elaborado polas alumnas do IES A Basella. / A. G.

A. G.

A hiperturistificación é un neoloxismo que apareceu na lingua para definir aqueles entornos que están sometidos a unha presencia masiva de visitantes, o que supón uns beneficios económicos para o pobo, pero tamén unha serie de contratempos que non son precisamente cuestións baladís, como que se dispare o prezo da vivenda ou as dificultades para moverse por eses concellos. Iso é algo que os municipios da comarca do Salnés e, sobre todo, Vilanova e A Illa, están comezando a experimentar.

Foi esta situación a que levou ao equipo de biblioteca do IES de A Basella, con alumnos de Vilanova e A Illa, a preparar un proxecto interdisciplinar no que se falase do impacto dun turismo salvaxe e analisalo desde diferentes puntos de vista. O formato sería o vídeo, os xornalistas os propios alumnos e o destino final o programa 21 días en galego, que impulsan os Equipos de Normalización Lingüística e no que hai que presentar un vídeo sobre o instituto e cunha temática determinada.

Con quince alumnos de terceiro da ESO, os rapaces esforzáronse en localizar a persoas do seu entorno que puidesen aportar diferentes puntos de vista para enriquecer o debate: é bo ser un destino turístico masificado? Nese vídeo, duns seis minutos de duración, os rapaces achéganse a persoas do sector hosteleiro que defenden a riqueza que o turismo xera nunha comarca como a nosa; a veciños que soportan cada verán os atascos e as dificultades para circular pola que é a súa terra ou a representantes de colectivos como Arousa en Transición que abogan por un turismo sostible e non polo actual, demasiado estacionalizado e nada planificado. Tampouco faltou a visión dun experto en macroeconomía, como é o mestre da Universidade de Santiago Melchor Fernández Fernández.

Todos eles dan a súa visión sobre este fenómeno que, salvo na pandemia, nunca deixou de medrar nestes dous municipios, sendo un recurso xerador de riqueza moi importante, pero tamén creando problemáticas como a invasión de praias adicadas ao marisqueo ou danos en espazos naturais, por non falar de que se disparen os custes das vivendas, o que obriga aos habitantes deses lugares a ter que buscar outro sitio no que vivir por non poder afrontar ese custe, quedándose vacíos eses pobos. Todos eses puntos de vista reflíctense claramente nun vídeo de apenas seis minutos de duración, con imaxes dos dous concellos e coas rapazas facendo preguntas nun formato como o do programa “Callejeros”.

Xabier Márquez, un dos mestres que colaborou neste traballo que desenvolveron os rapaces de terceiro da ESO apuntaba onte que o tema elixido “é algo do que os rapaces comezan a ser conscientes, do impacto que o turismo está provocando nos seus concellos, Vilanova e A Illa, pero tamén son conscientes de que hai moita xente que vive diso, incluso as familias de varios destes rapaces; a nós o que nos interesaba con este traballo é que ofrecesen unha visión xornalística da situación, tocando a todo tipo de xente, e cremos que o acadaron”. Aínda que non se reflicten todos estes termos no vídeo, os rapaces que estiveron traballando este proxecto profundizaron en termos como a consecuente hiperturistificación, turismofobia ou turismo sostible, vendo que non só son palabras de maior ou menor dificultade para pronuncialas, senon que agochan un significado moi concreto sobre os niveis que está acadando a comarca no que a visitantes se refire.

Foi case un mes dun intenso traballo, que comezou co deseño do guion, a grabación das imaxes e, finalmente, a montaxe. “Quizais o que menos nos levou foi grabar as imaxes, porque os rapaces tiñan moi claras as preguntas que ían a facer”, explica Márquez. Ademáis, este tipo de proxectos non son para nada alleos ao centro, xa que levan facéndoos moitos anos e con diferentes temáticas grazas ao equipo de biblioteca, moi activo, que posúen.

Suscríbete para seguir leyendo