Opinión | Os camiños da vida

Nomear os castelos

A fortaleza de Valença, tras un derrubamento

A fortaleza de Valença, tras un derrubamento / Ricardo Grobas

No corazón da nosa Idade Media incrementáronse os castelos e os burgos fortificados, e puidéronse dotar de nomes nos que transparecía o carácter soberbio da clase señorial. Apareceron nomes novos, como canta o significado oculto de Nóvoa, Nóbula. Algúns castelos galegos recibiron nomes franceses, máis prestixiados militarmente ca os occitanos ou provenzais. E foron moitos os Rocha aquí e acolá. Os Rocha e as Rochela son hoxe máis ca os Roca na toponimia galega. Aínda que no Nomenclator Oficial se resiste un, moi poético e occitano, Rocamador. Os franceses de Simon de Montfort foran os vencedores da guerra de Occitania chamada “Cruzada dos Albixenses”.

Por iso, o castelo que coroa a acrópole de Lemos chamouse, en francés, Monforte; e aí o está. Vivo, literariamente, segue o fantástico Castroforte del Baralla, de Torrente Ballester. Pensemos na poderosa Rocha Forte do arzobispo compostelán que, prepotente, se alzaba naqueles arrabaldos de Compostela onde a UPG ultimou o seu programa autodeterminista de 1964.

Houbo, e non lonxe dalí, unha Rocha Branca, xa desfeita, que aparece no século XV, en tempos de gótico florido, no relato feroz de Xohán Rodríguez do Padrón. En Occitania (agora, si) houbo un castelo de Mermanda cuxo nome foi imitado no dominio catalán de Milmanda, que produce bos e moi graduados viños brancos na rexión do Penedès. E, onda Celanova e sobre o río Tuño, aínda loce o que resta do castelo de Milmanda, ou, Alcácer de Milmanda, que chamou a atención de Curros e que ten todo o ar dunha importación onomástica da orixinal Mermanda. Se pasamos o Miño no seu tramo derradeiro e desde a Ribeira do Norte, sentiremos que aquilo segue sempre a ser Gallaecia.

A fortaleza e vila de Valença oufánase dun nome que ecoa en variantes por toda a Europa románica e sempre referido ao propio valor estratéxico. Pero esta nosa Valença do Minho non sempre se chamou así. O seu nome medieval e primitivo foi Contrasta, que parece tirado dos versos do Orlando Furioso onde Ariosto trata de “castelli incantati”. Algo da sustancia novelesca que habita o nome morto de Contrasta aínda pervive, a pesar das fortificacións racionalistas, modelo Bauvan, que deseñara no século XVIII un enxeñeiro militar Champolimaud que casara con fidalga miñota e se fixo portugués por razón de amor. Un saúdo para Pedro Sánchez, desde o espírito de Galeuzka republicana que nos transfere Castelao desde a Historia.

Suscríbete para seguir leyendo