Opinión | EL BOLETÍN DEL DIRECTOR

De festa

O director de FARO, Rogelio Garrido, analiza os temas claves da actualidade desta semana

El director de FARO, Rogelio Garrido, analiza los temas claves de la actualidad de esta semana

El director de FARO, Rogelio Garrido, analiza los temas claves de la actualidad de esta semana / FDV

Cando penso que estou no despacho que hai medio século ocupaba Álvaro Cunqueiro, as pernas comezan a tremer. Ser director de FARO é unha responsabilidade e unha honra. Mais sentir que na nómina dos meus antecesores atópanse figuras coma a don Álvaro ou Manuel Cerezales -tan diferentes, tan iguais-, pois que queren que lles diga, dame vertixe. Que diría Cunqueiro se entrase pola porta? Buff, mellor deixémolo pasar.

Lémbrome especialmente de Cunqueiro os 17 de maio, Día das Letras Galegas -adicadas este ano a Luísa Villalta-, pois o fabulador mindoniense encarna o compromiso de FARO coa nosa cultura. El nunca foi un xornalista ao uso, de buscar novas, dar exclusivas. Non foi nin quixo selo. El era doutro mundo. Máis de tascas que de patear rúas. De contos que de novas. De fantasías que de números. De rir que de denunciar. As anécdotas que escoitei a conta del na redacción son surrealistas, pura maxia como a das súas novelas. O abraiante é que as vividas no FARO eran pasmosamente certas. 

Imagen

El boletín del director

Si quieres recibir este análisis de la actualidad cada viernes en tu correo tan solo debes activar este boletín en nuestra página web

Me apunto

Como estraño ao meu querido Armesto Faginas -en tempos secretario de don Álvaro e despois tamén director de FARO-, cando recreaba, entre bágoas de risa, a un Cunqueiro coñero, que traducía ao castelán pés de fotos de linguas das que non tiña nin papa. Facíao a ollo! Un Cunqueiro anárquico, xeneroso e xenial. As veces, cando chegaba o momento de enviar o xornal á rotativa, alguén decatábase de que quedara pendente unha páxina. Entón don Álvaro, sen perder a compostura, dicía: “Deixádeme un ratiño”. Poñíase diante da máquina de escribir -tacatacatataaaaa…- e producía unha xoia. Dese xeito publicáronse non poucos “enveses”. As posibilidades de que Cunqueiro dirixise hoxe un xornal son cero. E se o fose, duraría un suspiro. Mais sería un suspiro inesquecible. Canto daría eu por estar ás súas ordes! De xornalismo non aprendería moito, pero da vida, das letras e de todas esas pequenas cousas que hoxe tan pouco cotizan… de todo iso recibiría un mestrado. 

Cunqueiro en su despacho de Faro de Vigo

Cunqueiro no seu despacho de Faro de Vigo. / Magar

Cunqueiro non é unha excepción no FARO. En 170 anos de historia, polas nosas páxinas pasaron as mellores plumas en lingua galega. E tamén outras que escribiron historias galeguísimas aínda que en castelán. Non é tempo da saudade, mais aquí estiveron e están todos os que son algo nas nosas letras. O galego goza de boa saúde no FARO, aínda que haxa unha ampla marxe de mellora.  Sabemos das nosas eivas e tentaremos cubrilas, pero é un orgullo contar á fronte da nosa armada ao mariscal Xosé Luis Méndez Ferrín, o máis senlleiro novelista, poeta, ensaista… O número un. FARO escríbese con F de Ferrín.

Mais Ferrín non está só. Ao seu carón temos a fortuna de contar con xente como Ledicia Costas ou Antonio García Teijeiro, premios nacionais; co meu querido Manolo Bragado, editor, escritor e sabio; con Pedro Feijoo, un neto de xornalista de FARO que xa non escribe novelas, senón best sellers… Ou con Moncho Pena, factótum do FARO DA CULTURA, único suplemento xornalístico adicado aos nosos creadores, que por certo entregamos hoxe.

Para rematar, deixenme que lles confese o meu orgullo polas novas voces que aporta esta casa. Nomeadamente, Mar Mato e Carmen Villar, dúas xornalistas talentosas que posúen unha grande sensibilidade literaria e poética. E tamén o excelente traballo que fan os xornalistas das nosas edicións de O Morrazo, Deza-Tabeirós, Pontevedra, Arousa ou Ourense na proxección da cultura galega, para darlle visibilidade a creadores  ou colectivos. Todos eles e elas contribúen a reforzar un dos piares do noso ADN: a defensa de Galicia, comezando pola sua lingua. A nosa. Feliz Día a tod@s!

Suscríbete para seguir leyendo