Opinión | Os Camiños da Vida

Europeísmo

Nos anos cincuenta do século pasado, Ramón Piñeiro intentou introducir o europeísmo como ideoloxema constituínte do galeguismo, sen dalo conseguido completamente. Fixo circular entre a militancia máis nova, maioritariamente universitaria, a consideración, ao parecer implícita no proxecto de unidade europea, dunhas “comunidades básicas diferenciais”, entendendo por tales as nacións europeo-occidentais que, coma Galicia ou Bretaña, carecían de estados propios. Estas, segundo Piñeiro, irían aflorando, protexidas e sen trauma, no seo da Europa unida que se estaba construíndo a partir da CECA e, logo, do Mercado Común.

Todo o que cheirase a nacionalismo foi eliminado da discusión nos círculos galeguistas controlados por Ramón Piñeiro. A alternativa que estaba en marcha (so a tutela dos EE UU, naturalmente) excluía calquer tipo de nacionalismo en Occidente. E Galicia como parte do Estado Español, entrou na Unión Europea e non se sentiu beneficiada por iso. “Mercado Común Europeo, ruína do pobo galego”, escribíase e repetíase como consigna.

Hoxe en día, a oposición crítica a UE está asentada en Galicia en amplos sectores sociais; pero pénsase, sen embargo, que hai que participar con firmeza nas institucións comunitarias como tamén fai o PCP. Así as cousas, no próximo xuño vai haber eleccións ao Parlamento Europeo no que Galicia, sen dúbida, estará representada.

Deputados e deputadas que defendan prioritariamente os intereses galegos son necesarios. O Mercado Común non fora beneficioso para o País e existen cuestións latexantes nas que é necesario insistir. E os asuntos de Galicia non poden estar fora das decisións medioambientais, lingüísticas, culturais, sociais ou de calquer tipo global que, naquel parlamento que non elixe gobernos, se tomen. En todo caso, convén recordar, nos organismos comunitarios, que a Europa real é moito máis ca a súa Europa, e que Borrell non nos representa a todos no seu sectarismo tendente ao belicismo.

Polo contrario, somos moitos os que desexamos que os nosos deputados e deputadas usen da escrita e da palabra na defensa dos intereses comúns de Galicia e favorezan todo o que supoña mellora nas condicións de vida e de traballo nos países que integran a UE. O que sempre esquence a política das dereitas, iso é o que están chamados a defender os nosos representantes.

Hai uns días que foron oficializadas as candidaturas para as eleccións ao parlamento Europeo, entre elas áchase a de Agora Repúblicas, converxencia electoral de ERC, EH-Bildu, BNG e Ara Més: en realidade, unha especie de nova Galeuzka de esquerda.

Suscríbete para seguir leyendo