Opinión | Segunda Feira

Poesía e Lenin

Imaxe de Lenin nunha manifestación do Primeiro de Maio.

Imaxe de Lenin nunha manifestación do Primeiro de Maio. / AP

Conmemora o mundo a morte de quen soubo usar da razón para transformar a sociedade en dirección da igualdade real: Vladimir Ilich Lenin (1870-1924). “O mundo vai cambiar de base / e poñerémolo ao revés”, declaraba unha versión galega que non chegou a ser totalmente aceptada. Mao Tse-tung prohibiu en China falar en “maoísmo” porque o seu pensamento non era senón marxismo-leninismo aplicado a unhas circunstancias. A moitos poetas secóuselles a boca e non lograron, por temor respectuoso, facer poesía a propósito de Lenin. Contribuirei cunhas notiñas verbo de dous poetas do século XX que si que puxeron nos seus versos o nome e a figura histórica de Lenin, tal vez coutando o propio respecto “A hora é xa / e comezo a falar de Lenin”. Con estas palabras inicia Majakovski o seu colosal poema ‘Lenin’, escrito e proferido perante as masas polo bolchevique en función de bardo do proletariado. Léoo en voz alta en tradución castelán de A. Herraiz (Edit. Radanga, Moscú, 1984). Xúntaseme Manuel Antonio co canto medieval de Igor asociado a un Píndaro imposible. Eis, pois, o eloxio xusto do que aboliu e forzou a dificultade e levou á vitoria as multitudes oprimidas. Vaiamos de Majakovski a este Occidente europeo que segue irredento hogano: Escocia. Alí está Hugh MacDiarmid, poeta “modernista” en inglés e en escocés xermánico que ben agradeceu as palabras nas que Lenin pide a libertade das nacións oprimidas e predica a súa autodeterminación incondicional. MacDiarmid foi divulgado en galego por Manuel Outeiriño (“A Trabe de ouro”, beizón, 33, 1998). O título dun poema é rompente: ‘The skeleton of the Future. At Lenine’s Tombe’. Nel, profetiza a Pasolini. E ceiba un lote de mineraloxía dura, cuase perfecta, luída pero en ningún caso até a preciosidade. Esta pedraría natural brilla sobre a neve: elementos básicos cabalgados de beleza en xesto de alto escola. Ese esquelete será a memoria poetizada de Lenin. Lendo MacDiormid ábrense ollos para ver que todo auténtico valor poético representa un milagre no mundo en modo materialista. Lenin debía saber algo diso cando, con Plekhánov, lle puxo “Iskra” (“faísca”) ao periódico do Partido Socialdemócrata de Rusia (bolchevique).

Suscríbete para seguir leyendo