Currículo

Radiografía das novas optativas da Secundaria galega

As aulas da comunidade sumarán tres materias o vindeiro curso. Son: “Cultura Financeira”, “Intelixencia Artificial para a Sociedade” e “Tecnoloxías Intelixentes”

Galicia estreará o vindeiro curso tres novas optativas para Secundaria

Galicia estreará o vindeiro curso tres novas optativas para Secundaria / SHUTTERSTOCK

María Bueno

María Bueno

“Cultura Financeira” e “Intelixencia Artificial para a Sociedade”, na etapa de ESO; e “Tecnoloxías Intelixentes”, en Bacharelato. Son os nomes das novas optativas que teñen previsto incorporar as aulas galegas o vindeiro curso 23-24. Tres materias enfocadas á mellora das competencias financeiras e da intelixencia artificial, que queren contribuír ao reforzo dos currículos académicos do ensino secundario obrigatorio (ESO) e de Bacharelato co obxectivo de ir un paso por diante das necesidades do futuro e preparar aos alumnos nas necesidades formativas do mañá

Cultura financieira

  • Curso: 3º de ESO. 
  • Carga horaria: tres sesións lectivas semanais.
  • Currículo: partindo do coñecemento e a comprensión dos conceptos e riscos financeiros, no currículo da materia abordarase o desenvolvemento de habilidades, motivación e confianza necesarias para tomar decisións financeiras responsables e racionais, non só enfocadas á mellora individual, senón tamén a lograr o benestar financeiro da sociedade a través do fomento de patróns de consumo sustentables no tempo.
  • 4 Bloques temáticos: diñeiro e transaccións; planificación e orzamento; a xestión bancaria das finanzas persoais;e educación ao consumidor.

Intelixencia Artificial

  • Curso: 4º de ESO. 
  • Carga horaria: tres horas semanais.
  • Currículo:  no marco da Estratexia Galega de Educación Dixital 2030 e co obxectivo de perfeccionar as competencias dixitais, introdúcense aspectos da Intelixencia Artificial para formar ao alumnado como futuros usuarios. Trátase de adquirir, a través dun enfoque transversal, coñecementos desta disciplina para que desenvolvan habilidades críticas e relevantes para o seu futuro.
  • 4 Bloques temáticos: que é a intelixencia artificial, o impacto da intelixencia artificial (ética, sustentabilidade e aspectos legais), áreas da intelixencia artificial (percepción e actuación, representación e razoamento, aprendizaxe automático e interacción natural); e aplicacións de intelixencia artificial (como a robótica autónoma ou a internet das cousas).

Tecnoloxías Intelixentes

  • Curso: 1º curso de Bacharelato. 
  • Carga horaria: catro sesións lectivas.
  • Currículo: esta materia vaise centrar na aprendizaxe automática desde unha perspectiva de programadores de sistemas intelixentes. Brindará ao alumnado coñecementos específicos como a preparación de datos para adestrar sistemas,pero tamén competencias transversais como a resolución de problemas. 
  • 4 Bloques temáticos: coñecementos básicos de programación; o axente intelixente (áreas da IA como son a percepción, a actuación, a representación, o razoamento e a aprendizaxe); e o impacto da intelixencia enfocado ao uso dos datos (consideracións éticas, aspectos legais e cuestións de sustentabilidade).
María José Soto , directora e profesora de Economía do Instituto As Barxas de Moaña.

María José Soto , directora e profesora de Economía do Instituto As Barxas de Moaña. / Faro

[object Object]

María José Soto

Directora e profesora de Economía do Instituto As Barxas de Moaña

“Eu téñoo clarísimo: teñen que saber tomar decisións para captar recursos de cara a satisfacer as súas necesidades e facelo de forma racional, ética e sostible; coñecer cales son os seus dereitos e obrigas e estar concienciados coa importancia dun consumo responsable, con espírito crítico; e todo iso hai que sementalo na escola”, responde María José Soto sobre a necesidade de introducir este tipo de nocións nos centros, independentemente do nome da materia — “Chámalle Cultura Financeira ou chámalle Economía Básica” — .

Cre que 3º da ESO representa unha gran etapa para facelo, “cando os rapaces empezan a usar produtos bancarios, sobre todo online”. “Consumen moito ocio a través de internet, onde compran extensións de xogos, pero teñen moi pouca información sobre prevención”, relata a mestra, que apunta á ciberseguridade como outra temática chave a tratar no mundo de hoxe. Di que todas estas mensaxes poden calar entre os mozos e que, de feito, fano se se lles poñen exemplos prácticos, que lles toquen: “Este curso, díxenlles que si coas súas propostas eran quen de reducir o consumo de luz, facíamos unha excursión. Pois vaia se a baixaron!” 

Senén Barro, Director CiTIUS - Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC

Senén Barro, Director CiTIUS - Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC / faro

[object Object]

Senén Barro

Director CiTIUS - Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC

A IA chegará ás aulas galegas en forma de optativa o vindeiro curso e para Senén Barro isto é “unha moi boa nova, sen dúbida, moi boa”. Con todo, cre que é só o principio e anímanos a ser máis ambiciosos no futuro: “O ideal sería que non nos conformaramos con limitar a presenza desta ferramenta a un compartimento estanco ou a unha soa materia, senón que pouco a pouco a integrásemos en todas as disciplinas de xeito que cumprise unha dobre función. Por unha banda, facilitaría unha mellor e máis atractiva aprendizaxe das materias que están na vida de cada neno, e, pola outra, aprenderíamos a relacionarnos cos conceptos, os procesos e mesmo os malos usos da IA, pero de xeito natural e aplicado”. O experto non só se amosa convencido de que precisamente a Educación será un dos ámbitos máis impactados pola irrupción da Intelixencia Artificial nas nosas vidas, senón que cre que, ademais, a súa chegada axudará a resolver a que ten sido unha das grandes aspiracións do sector durante anos. Cre que a personalización da formación vaise ver favorecida pola chegada de Apps deseñadas especificamente para ese fin coa colaboración dos mestres e fala de “Asistentes persoais da aprendizaxe”.