FP E UNIVERSIDADES

Progresar xa non
é marchar, pero para quedar hai que formarse

Da biotecnoloxía á agro-róbotica, as aulas fanse eco dun agro en pleno proceso de transformación que require perfís cada vez máis cualificados: “Hai moitas oportunidades, pero tamén hai que ser máis competitivos”

Os alumnos de 1º de Ciclo Medio de Produción Agropecuaria do Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa posan coa colleita de Lúpulo 2023 na Finca-escola de Lupega.

Os alumnos de 1º de Ciclo Medio de Produción Agropecuaria do Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa posan coa colleita de Lúpulo 2023 na Finca-escola de Lupega. / Cedida

María Bueno

María Bueno

Aquel que queira desenvolver o seu futuro profesional nas consideradas grandes capitais tecnolóxicas abofé que pode facelo; pero sabendo que os seus coñecementos técnicos e científicos teñen percorrido, e moito, nun rural galego en pleno proceso de transformación.

As explotacións agrarias están a converterse en industrias alimentarias, a sacar partido da tecnoloxía e a dixitalización para mellorar en sostibilidade e eficiencia, e a requirir perfís cada vez máis cualificados para adaptarse ás esixencias da normativa e o mercado. 

Da biotecnoloxía a agroróbotica. Por haber, haiche de todo: tractores guiados por satélite, intelixencia artificial nas viñas e mesmo investigadores que están a falar coas patacas. Xa o adiantaba hai anos a expresión moderna de pueblo: ao final, o “futurista” ía ser vivir na vila. 

Progresar xa non é marchar, pero para quedar hai que estudar e isto ten o seu reflexo nunha cada vez máis ampla oferta formativa.

Unha revolución permanente

“Agora mesmo, existe unha gran demanda de profesionais no sector agrícola”

David Fernández

— Director do Instituto de Agro-ecoloxía do Campus Auga en Ourense

“Hai todo un marco europeo que busca facer a agricultura máis sostible e isto abre un campo de desenvolvemento moi importante”, responde neste sentido o director do Instituto de Agro-ecoloxía do Campus Auga da UVigo en Ourense, David Fernández Calviño, que describe “unha revolución permanente que se está a plasmar nas aulas” e exemplifica coa propia facultade ourensá, onde se contempla xa a posibilidade de incorporar un grao de sensórica aplicada a agricultura. 

Polo de pronto, as propostas como Enxeñaría Aeroespacial ou Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, súmanse tamén titulacións como o Máster en Operacións e Enxeñería de Sistemas Aéreos non Tripulados, que conta cunha optativa sobre a súa aplicación no ámbito agro-forestal e ambiental. Por isto, e porque “agora mesmo hai unha gran demanda de profesionais no sector”, Fernández anima a elixir carreiras relacionadas coa agricultura, aínda que tamén advirte: “Traballo vai haber, futuro xa é outro tema. Se non hai servizos e conexións, a xente vai marchar igual. De feito, pódese predicir o fenómeno contrario: que a xente viva nas cidades e vaia traballar ao campo. Eu xa coñezo persoas nesa situación”.

Traballar a terra xa non é o que era…

“O agrícola e o forestal están a vivir unha revolución coa chegada da IA e a robótica”

Rosa Romero

— Directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (Campus Terra)

Para contos de fadas están as películas. Non é cuestión aquí de romantizar o rural máis da conta, senón de plasmar as súas posibilidades porque habelas, hailas. A despoboación, os negocios baleiros ou a falta de servizos e conexións son problemas dos que hai que dar boa conta se queremos pórlle remedio. 

Pero sendo certos estes datos, non o son menos outros máis alentadores como a taxa de empregabilidade, superior ao 100%, da que gozan as enxeñerías técnicas Agrícola, Agronómica ou Forestal, tal e como resalta Rosa Romero, primeira muller directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo

Fai anos que o noso rural non se dá por aludido con termos como “atrasado” ou “baixa cualificación”, en palabras da profesora, que describe unha canteira de mozos “con vocación” que están a apostar por formarse para transformar as explotacións familiares con “resultados extraordinarios”. 

“O agrícola e o forestal están a vivir unha revolución coa chegada da intelixencia artificial e a robótica, como por outra banda todos os sectores científicos, pero neste caso coa necesidade engadida dunha mellor xestión do chan e dos recursos hídricos”, describe deste xeito Romero unha tendencia que se reflicte nas titulacións tradicionais, con programas que “non teñen nada que ver hoxe co que eran hai 15 anos”, pero tamén na posta en marcha de novas titulacións que dan boa conta de por que, como dirían os vellos, traballar a terra xa non che é o que era. 

De feito, que o único Grao en Robótica que se imparte en Galicia estea no Campus Terra de Lugo non parece unha casualidade, como tampouco que conte cunha especialidade en Agro-robótica. 

Aquí hai campo para todo!

“Xa non basta con coñecer como funciona o campo. É precisa unha formación transversal”

Luis García

— Director da Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia

“O rural non debe concibirse como un mero lugar de extracción de materias primas, senón como un espazo no que caben tamén a produción e a distribución”, afonda pola súa banda Luis García, director da Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia, que aglutina os tres Centros de Promoción Rural da comunidade.  

Desde esta perspectiva, non dubida á hora de falar dun rural con futuro: “Cambiou moito e a un ritmo acelerado. Xa non é un lugar monolítico, senón un espazo poliédrico en canto a potencialidades e sinerxías”. “Aquí hai campo para todo”, engade no sentido literal e metafórico para describir “un laboratorio de experiencias e innovación que se estende ao longo dos 30.000 quilómetros e 53 comarcas da comunidade”. 

“Hai 30 anos, había 100.000 ganderías de leite; hoxe temos 5.700 e, nos próximos anos, quedaran 3.000, pero que van producir o 50% do leite nacional”, exemplifica para ilustrar o proceso polo que as explotacións familiares estánse a transformar en empresas creadoras de emprego directo e tamén dos “moi valiosos” postos indirectos

E para iso xa non basta con coñecer como funciona o campo, defende, senón que é precisa unha formación transversal e dinámica encabezada pola xestión empresarial, que teña en conta todas as innovacións e que estea en contacto constante coas empresas e a contorna. 

Cada semana hai unha movida

Un rural vivo do que dan boa conta os centros de promoción rural de Fonteboa (Coristanco), Piñeiral (Arzúa), e A Cancela (As Neves), onde, conta García, “cada semana hai unha movida”.

Cursos, xornadas técnicas, foros profesionais, visitas… Todas as semanas modifican o seu horario para achegarse a novas ideas: softwares de miniaturización de gando, recuperación de variedades tradicionais, selección xenética e benestar animal, adaptación a normativas vixentes, e os exemplos poderían seguir e seguir.  

“Partíamos dunha situación na que progresar era marchar da aldea”, recorda o experto para describir o presente como “un proceso de transformación e crecemento sostido no tempo”, que se está a apuntalar a través da formación e dos programas de dinamización e emprendemento. 

“A sostibilidade e a tecnoloxía están creando novas oportunidades, pero temos que seguir traballando ata que deixe de ser noticia que hai mozos que emprenden no rural”, despídese García desde as EFA, unha opción referente para a formación de valor engadido para o campo, pero non a única. 

Son moitos os centros da comunidade nos que segue a crecer a aposta pola FP, estudos que actualmente están cursando uns 65.000 galegos, con taxas de emprego que, no caso da FP Dual, superan o 97%; e onde contamos cunha ampla e variada oferta de ciclos medios e superiores nas familias agraria, industria alimentaria ou enerxía e auga, por poñer só algúns exemplos. 

Ti tamén queres quedar aquí? Estuda! Será por opcións.

Miguel e Tamara Fernández Losada dirixen Gandería Palmeiro en Lugo xunto aos seus pais.

Miguel e Tamara Fernández Losada dirixen Gandería Palmeiro en Lugo xunto aos seus pais. / Cedida

“Traballo sobra. O que falta é xente”

Miguel Fernández Losada - Enxeñeiro Agrónomo e socio de Gandería Palmeiro

“Si no, traballo sobra eh?”, ri Miguel Fernández, de 29 anos, que explica que no rural “falta xente, pero traballo hai’: “A formación é necesaria para quedarse, xa non só pola mecanización ou a xestión dos recursos, senón tamén polo traballo burocrático, que require dun coñecemento técnico moi importante”. Conta que xa lle gustaban o medio rural e os animais e que por iso decantouse por ir facer Agrónomos a Lugo, onde foi seleccionado como bolseiro do Ministerio e fixo un Doutorado en xestión de xurros. Despois, decidiu voltar á explotación familiar e aplicar todo o aprendido para “tecnificar os procesos e aumentar a capacidade produtiva” de Gandería Palmeiro. Do único que ten queixa é da pouca vida social no rural. Cre que a tendencia a despoboación vai seguir. Aínda así, parécelle unha decisión moi acertada formarse para traballar ou emprender no rural: “Traballamos moito e temos moita responsabilidade, pero eu vivo máis tranquilo ca nunca: traballo para min, estou xerando un patrimonio, estou continuando o legado dos meus avós e estou todos os días coa miña familia en lugar dun fin de semana ao mes”.

“Ao ter os coñecementos, non requires tanto de terceiros”

Rubén Rodríguez - Enxeñeiro Agrícola e emprendedor

“Os meus pais son agricultores de toda a vida e a min gústame o campo. Decidín quedarme e vivir da agricultura”, conta Rubén Rodríguez, que estudou un Ciclo Superior en Xestión e Administración de Empresas Agropecuarias e, de aí, deu o salto a Enxeñaría Agrícola no Campus Auga de Ourense. 

Unha formación que lle permitiu transformar a empresa familiar en Xinzo, onde reduciron a produción para apostar por un produto de calidade, ademais de abrir a Froitería Aruso de Ourense, e onde hoxe sérvense de aplicacións móbiles para usar moitos menos produtos fitosanitarios. 

“Ao ter os coñecementos, non requires de asesores externos e podes tomar ti as decisións”, comenta Rodríguez, a quen lle interesa o mundo da investigación e, de feito, segue a colaborar coa universidade a través de varios proxectos en campos como o uso de leguminosas como abono, a rotación de cultivos ou a redución das doses de produtos fitosanitarios. 

“Hai emprego e hai e oportunidade, pero hai que estar formado”, conclúe Rodríguez, que describe como os cambios producidos polas novas normativas teñen como consecuencia un aumento da demanda de enxeñeiros, aínda que tamén matiza que isto “require estar, non só especializado, senón tamén ter experiencia” e que, ademais, “tenche que gustar”. 

“Cada vez hai que ser máis competitivo”

Rafael e Saúl Amarelle - propietario de O Carrizal, entre as maiores produtoras de leite de galicia 

Rafael Amarelle (46 anos) estudou un Ciclo Superior de Xestión e Administración de Empresas Agropecuarias no Centro de Promoción Rural de Fonteboa, a mesma institución académica na que vai empezar a cursar a ESO o seu fillo Saúl (12 anos), que despois quere facer o CS de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal. 

Desde que Amarelle pai se formou, a granxa familiar pasou das 40 vacas á friolera de 330. Pode que por iso vexa como unha “moi boa sinal” o interese do seu fillo por estes estudos.

“Hai futuro, pero tamén hai que ser cada vez máis competitivo, máis grande, con maior capacidade de adaptación ás novas normativas”, reflexiona e engade: “Cada vez hai que estar máis preparados: as novas tecnoloxías son unha realidade, hai moito ordeño e sistema de alimentación robotizado, pero tamén plans de abono, de redución de fitosanitarios, analíticas de chan ou libros de medicamentos…Pensa que hai cinco ou dez anos non existía nada diso”.