A ciencia galega ten canteira!

Máis de 5.400 alumnos e alumnas déronse cita durante as tres xornadas de Galiciencia, na que non faltou o tradicional concurso de proxectos, ademais de actividades, talleres e espectáculos deseñados para achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos

A nova edición de Galiciencia, centrada na madeira, reuniu a máis de 5.000 estudantes e un centenar de proxectos de toda Galicia.

A nova edición de Galiciencia, centrada na madeira, reuniu a máis de 5.000 estudantes e un centenar de proxectos de toda Galicia. / Galiciencia

R.V

Galiciencia, a maior feira científica da comunidade, volveu un ano máis ao Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense, desta vez baixo o lema “Mellor, de Madeira”, para espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato. 

Máis de 5.400 alumnos e alumnas déronse cita durante as tres xornadas do evento, na que non faltou o tradicional concurso de proxectos, ademais de actividades, talleres e espectáculos deseñados para achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido.

O concurso de proxectos

Desde unhas gafas de realidade virtual para que as persoas con discapacidade auditiva poidan sentir a música, un método que emprega a intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas, un peluche deseñado para calmar os ataques de ansiedade, ata unha máquina recreativa elaborada con madeira.

De que o enxeño das novas xeracións non ten límites e de que a ciencia galega ten boa canteira deu boa conta o centenar de proxectos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda Galicia presentados á feira, onde puidemos ver propostas moi variadas e de campos tan diversos como agricultura, bioloxía, física, medio ambiente, comunicación, música, robótica, tecnoloxía… ademais da madeira, protagonista desta edición.