Na ESO, os xoves son 
os novos venres!

A aposta competencial da Lomloe avanza nas aulas viguesas con iniciativas como “Venres en Proxectos”, que leva a co-docencia a Secundaria

O (cada vez menos) asombroso é que a mesma metodoloxía coa que aprenden “non só máis, senón tamén mellor” é tamén coa que mellor o pasan

Un momento de "Venres en Proxectos" no Colexio Apóstol de Vigo.

Un momento de "Venres en Proxectos" no Colexio Apóstol de Vigo. / Cedida

M.B

Non hai tanto que na materia de tecnoloxía nin sequera se falaba de ordenadores, adicábamos o tempo a montar aparellos de madeira. 

Hoxe, engadido o apelido “dixital”, son moitos os alumnos e alumnas que antes de rematar a ESO xa saben programar placas bases ou artellar circuítos eléctricos. 

Pasamos de xogarnos a vida dos compañeiros coas pistolas de silicona a correr o risco de pasarnos de potencia e volver tolos aos robots do aula. 

Sempre haberá anécdotas, iso non cambia, pero todo o demais si; e faino cada vez máis rápido. 

“Nos tempos nos que vivimos, o alumnado precisa familiarizarse coa programación cunha visión multidisciplinar”, di Alberto Gómez - Naveira, que engade: “Ao fin e o cabo, falamos de pensamento computacional, que non é outra cousa que seguir unha serie de pasos lóxicos para chegar a un obxectivo”. 

Graduado en Ciencias do Mar e máster en Robótica e programación aplicada ao aula, o mestre de 27 anos imparte Tecnoloxía e Matemáticas nas aulas da ESO do Colexio Apóstol, onde están a piques de despedir o seu primeiro curso con “Venres en Proxectos”. 

Dous momentos dos “Venres en proxectos”

Un momento de "Venres en Proxectos" no Colexio Apóstol de Vigo. / Colexio Apóstol

Nesta pioneira iniciativa, como na vida, as asignaturas non se conciben como entes aillados, senón que precisan unhas de outras para poder avanzar. Por iso, o venres de cada semana, o alumnado xúntase no espazo conxunto do taller para recibir a docencia de tres profesores, á súa vez ao fronte de tres materias distintas. 

O traballo organízase a través de dous proxectos interdisciplinares por trimestre: un de sociais (que aglutina Historia, Lengua e Lingua) e outro de ciencias (con Bioloxía, Tecnoloxía e Educación Plástica), cada un coa súa respectiva temática. 

Unha iniciativa non exenta de retos, pero que está a superar expectativas no seu primeiro ano de implantación e que serve para ilustrar tanto a chegada da Lomloe ás aulas como as posibilidades que ofrece a aprendizaxe competencial e interdisciplinar máis alá de Infantil e Primaria. 

Como a vida mesma

“Nunca traballara desta forma. Cando se propuxo, pareceume moi boa idea, pero tamén moi valente”, conta Gómez-Naveira, que forma parte do grupo de ciencias —xunto as profesoras Paloma Calvo, Cristina Barriga, Noelia Carballeda e Irene Valverde—, do que xurdiron ideas ben interesantes que mesmo levaron dous premios na segunda edición do festival científico ao aire libro de Vigo ‘CinVigo. Ciencia na rúa’, celebrado o pasado abril. 

Unha aposta que achega ao alumando a situacións máis próximas ao seu futuro persoal e laboral e que pon todos os coñecementos adquiridos ao servizo dun mesmo obxectivo, fomentando tamén a superación das dificultades, a xestión da frustración ou o traballo en equipo

O (cada vez menos) asombroso é que a mesma metodoloxía coa que aprenden “non só máis, senón tamén mellor” é tamén coa que mellor o pasan: “Están todo o tempo traballando de forma manipulativa, pasáselles voando; de feito, moitas veces preguntan: Pero xa é hora? Para eles, o chegar o xoves é como se fose o venres, considérano parte da súa fin de semana”. Que maior razón para apuntarse a esta metodoloxía que o xeito no que logra motivar ás adolescencias.