Mellor con literatura

A tradición oral do país dos mil ríos

Porque as nosas letras beben dos nosos regatos, celebramos o 17 de Maio coas lendas, adiviñas, contos e cantigas vencelladas aos cursos fluviais: “Achegarnos ás intrahistorias da contorna é coñecernos e querernos a nós mesmos”

O proxecto ‘O Noso Lagares’ do Ceip Politécnico non só pon en valor a ribeira viguesa, senón que se serve do seu curso como leito inmellorable para achegarnos ao patrimonio lingüístico, etnográfico e cultural da nosa cidade

O proxecto ‘O Noso Lagares’ do Ceip Politécnico non só pon en valor a ribeira viguesa, senón que se serve do seu curso como leito inmellorable para achegarnos ao patrimonio lingüístico, etnográfico e cultural da nosa cidade.

O proxecto ‘O Noso Lagares’ do Ceip Politécnico non só pon en valor a ribeira viguesa, senón que se serve do seu curso como leito inmellorable para achegarnos ao patrimonio lingüístico, etnográfico e cultural da nosa cidade. / CEIP Politécnico de Vigo.

M.B

“É que a maioría non o sabe!” 

Non sabe, por exemplo, que é precisamente dos cantes e bailes que se facían nos muíños de onde vén o termo “muiñeira”, e que de aí xorde a famosa copla galega que nos di “unha noite no muíño, unha noite non é nada; unha semana enteira, esa si que é muiñada”

Cóntase incluso que o propio Tacatacaram-tacaran-tan tan típico do seu ritmo vén do ruído que facía o gran de millo ao pasar pola segorella. 

Tampouco coñecen, por exemplo, que á zona da Feixa chamámoslle así por crecer ao carón dunha fervenza, ese salto onde a auga parece “ferver” e que goza na nosa lingua dunha privilexiada sinonimia, ao que tamén coñecemos como cachón, cacheira ou freixa (e a lista suma e segue ata case o infinito).

Aínda máis descoñecido para moitos é que a obra cume da nosa literatura e que iniciou o Rexurdimento, eses imprescindibles Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, foron impresos no Casco Vello de Vigo con papel da antiga fábrica “La Cristina” no ano 1863, precisamente asentada preto do Lagares para aproveitar a forza desta parte do curso do río. 

“Esta información non só é súper valiosa, senón que dá sentido ás cousas, fainos sentir mellor”

“Moitos non o saben, pero todo isto teñen que coñecelo”, retoma Kike Estévez, titor e mestre de Galego no IES Politécnico de Vigo, que nos hipnotiza con estas e outras moitas intrahistorias da nosa contorna mentres reivindica “a nosa tradición oral como unha forma de coñecernos a nós mesmos, de querernos; de pór en valor a nosa cultura e de sacarnos da ignorancia”. 

“Esta información non só é súper valiosa, senón que dá sentido ás cousas, fainos sentir mellor”, engade. 

E se algo ten inspirado lendas, adiviñas, contos e cantigas no chamado ‘País dos mil ríos’, eses son os cursos fluviais e os muíños, lavadoiros, pozas, lagoas… xurdidos ao seu pé. 

Con eles queremos celebrar este 17 de Maio as nosas letras, esas que, da boa conta Estévez, levan toda a vida bebendo dos nosos ríos. Que mellor fío condutor entón que os leitos fluviais galegos para promover a lingua cunha actividade de coñecemento do medio, de vida saudable e de activismo social; que nos permite achegarnos ao léxico da flora e fauna do noso bosque de ribeira, ademais de aprender a elaborar proxectos documentais ou promover a observación filosófica a través do sendeirismo. 

Cada un dos 51 puntos de interese cultural da ribeira do Lagares foi asignado a un estudante para que o investigara.

Cada un dos 51 puntos de interese cultural da ribeira do Lagares foi asignado a un estudante para que o investigara. / Ceip Politécnico de Vigo

Seis mestres, catro materias e 51 puntos de interese

Todos estes elementos están presentes no proxecto ‘O Noso Lagares’, no que o alumnado de 1º da ESO e de 1º de Bach do IES Politécnico de Vigo leva traballando ao longo de todo o curso xunto a Estévez e outros cinco mestres máis. 

Unha aposta que non só pon en valor o río Lagares, senón que se serve deste curso de auga como leito inmellorable para achegarnos ao patrimonio lingüístico, etnográfico e cultural da contorna viguesa. 

Enmarcado no programa da Xunta ‘Proxecto Ríos’, a iniciativa implica a participación de catro materias: Proxecto Competencial, Bioloxía, Lingua Galega e Filosofía; e inclúe tres excursións con actividades a distintas zonas do río Lagares, co acompañamento de persoas coñecedoras da contorna fluvial coma Paco Bañobre (ADEGA); e do activismo cultural, coma Xosé Couñago. 

Tras investigar cada un dos 51 puntos de interese cultural da ribeira do Lagares que lle foron asignados (primeira avaliación) e profundar na flora e fauna da ribeira (segunda avaliación), os estudantes están traballando agora na creación de lendas e contos para cada un dos lugares seleccionados no mapa, achegándose así á caudalosa tradición oral galega vencellada aos cursos fluviais. 

Coma guinda final do proxecto, non só farán un programa de radio e unha exposición no centro, senón que actualizarán cada un destes puntos en Google Maps coas fotos e información obtida e actualizada por eles mesmos para que todos poidamos gozar das vantaxes que supón coñecer de preto a historia da nosa contorna, ademais de engadir as súas lendas e cantigas. 

“Están saíndo relatos fantásticos, que mesturan os seres mitolóxicos galegos como os trasnos con elementos modernos como as redes sociais e os móbiles”, valora Kike Estévez, que engade: “Os rapaces están encantados e non hai mellor camiño para a aprendizaxe significativa que crear”.