“A dobraxe é unha ferramenta para educar”

Entrevistamos a Antón Rubal, a voz detrás de clásicos do Xabarín Club, coma Son Goku: “Os nenos xa non sentían como alleas certas palabras, certas expresións”

A dobraxe en galego que cambiou as nosas vidas.

A dobraxe en galego que cambiou as nosas vidas. / FARO

Traducir e dobrar unha serie é tráela xunto a nós, facela parte do noso día a día. Coa televisión abrimos as portas das nosas casas, pero tamén das nosas vidas, da nosa cultura. Moitos nenos dos 90, ademais, descubriron a lingua e a viviron dunha forma diferente do que ofrecían as escolas.

En xeral, as adaptacións ao galego desta “era dourada” da dobraxe cautivaron a grandes e pequenos, que viran reflexada na televisión a súa forma de falar (e non ao revés). Frases que quedaron nas nosas mentes, porque eran máis que traducións. Non é o mesmo un “Sayonara, baby” que un “A rañala, raparigo (e aínda que o primeiro tampouco foi unha tradución literal, o segundo ten moito máis que ver con nós).

Convertiron a Shin Chan nun neno de Galicia, un neno galego con moita retranca e cun humor moi noso. Pero tamén espallaron o galego a zonas e familias onde non se falaba tanto, onde o vocabulario estaba encorsetado pola constantes variacións da norma oficial e o léxico navegaba entre os castelanismos e a formalidade do libro de texto.

Viñamos dun mundo cunha soa lingua e unha soa canle, e atopamos unha televisión que falaba no noso idioma”. Así o conta Antón Rubal (1964) a voz detrás de Son Goku (Dragon Ball GT), Alain Delon, Ben Affleck, Daniel Craig... Falamos con el sobre a dobraxe e a forza educadora dos contidos audiovisuais.

Antón Rubal.

Antón Rubal. / Cedida

Por que a xente ten tanta nostalxia deses anos 90/2000? Que fixestes os actores de dobraxe nesa época para que non sexamos capaces de esquecela?

Poñer en valor un idioma, prestixiar a lingua e demostrarlle a xente que tamén valía para os contidos audiovisuais. Tivemos a fortuna de ser os primeiros en ofrecelos ao espectador, e a xente sentiuse orgullosa de que o audiovisual mundial tamén se escoitase na súa lingua.

Eu era nena nese momento, como se viu dende fora a irrupción do Xabarín Club? Erades conscientes do impacto que tiña sobre a cativada?

Éramos. E o vivíamos con moito agradecemento, incluso moitos anos despois sigo recibindo mostras de cariño. Para moitos rapaces que agora son adultos, o Xabarín foi un espertar da lingua e un espertar diferente. E agora o vemos como unha misión cumplida. Naquel momento sentíamos que eramos unha ferramenta para educar. Eu teño compañeiros na docencia que nos dicían “fixestes máis vos por espallar o galego coa dobraxe de series de animación que nós coas clases de gramática.”

E pode ser, porque o galego entraba a todas as casas por esa ventaniña que é a tele, mentres os rapaces tomaban o bocadillo de nocilla acompañados das Bolas Máxicas. Non era algo obrigado. Iso nos fixo sentir case docentes, como persoas que contribuimos modestamente a dar un paso importante no prestixiar da lingua.

Ao contrario do que pensa a xente, ninguén quere, admira e entende tan ben unha versión orixinal coma un actor de dobraxe

Cambiou a forma de falar nas rúas e nos colexios?

Posiblemente. Eu lembro unha vez, paseando polo casco urbano de Santiago cos meus fillos, escoitar uns nenos de 8 anos dicir “mira, una bolboreta”. Inmediatamente dixen: seguro que a escoitou no Xabarín. Estaba a falar castelán e o normal era irse á palabra “mariposa”. Pero a xente e sobre todo os nenos xa non sentían como alleas certas palabras, certas expresións.

A dobraxe educa? As veces escoitamos falar do “eu o vexo en versión orixinal porque así aprendo inglés”

Por suposto, eu sempre fago referencia á profesora Elisa Fernandez Rei, de Filoloxía Galega na USC, que di que para os neofalantes non hai mellor para aprender como se fala o galego que ver series de animación coa nosa dobraxe. E que o diga unha catedrática de lingua galega é un orgullo.

É que as dobraxes son un exemplo non só de léxico, tamén de prosodia, de recuperación de termos, de entoación… cousas que nós intentamos coidar, primeiro porque os estándares da televisión o esixen, pero sobre todo porque somos un grupo de xente que traballa en galego e queremos coidar o idioma.

Prosodia, entoación léxico… tamén son exemplo de cultura?

Hai que reivindicar o traballo dos nosos tradutores, que fan un gran traballo, e quero levantar a bandeira da adaptación, dos que nos adicamos a facer que as cousas sexan comprensibles. Adaptamos sempre os textos ao noso falar. É imposible que unha película de astronaustas use termos enxebres, precisa termos técnicos, pero en todo o que podemos si nos coidamos de que a lingua reflicta a nosa forma de vida, defenda o noso pais e a nosa cultura. Non imos convertir Nova York en Santiago, pero si traer as nosas expresións, non copialas do castelán, usar as propias: non é o mesmo dicir “Que demos!” que “Manda carallo!”: a primeira é unha adaptación do castelán “Qué diablos”, pero a segunda achégase mellor ao que diría un galego.

"Temos unha páxina chamada Pipocas, que funciona da man da mesa para a normalización lingüística, na que indica que contido hai en galego en internet e onde o podes atopar"

Entón, se Son Goku fose galego, de onde sería?

Na dobraxe galega participamos dous actores, Julio Lorenzo e máis eu. E cando me tocou a min sempre pensei que sería vasco… Ao mellor todos eran galegos menos Son Goku.

Como definirías a dobraxe? Non unha definición técnica, senon todo o que supón e o que está detrás

Eu teño a sorte de impartir moita docencia de dobraxe, e sempre trasmito varias máximas aos alumnos. Sempre digo que un actor de dobraxe ten que coidar e respectar o contido orixinal. Temos que reflectilo noutra lingua, se podemos no 100%, se non no 99%. Todo o que poidamos achegar no noso idioma ao orixinal estaremos facendo un bo traballo.

Porque, ao contrario do que pensa a xente, ninguén quere, admira e entende tan ben unha versión orixinal coma un actor de dobraxe. Ninguén a defende máis, porque a vivimos, a entendemos. Nós dobramos a película en anacos de vinte ou trinta segundos, percibimos ata o menor detalle. Cando dobro a Ben Affleck vou frase a frase intentando escoitar como o di na versión orixinal, tratando de adecuarme o máis posible ao seu estilo.

A segunda idea que sempre defendo é que os actores non dobramos a boca do actor, dobramos os ollos. Temos que dobrar o seu estado de ánimo e o seu sentimento. Se o conseguimos, estaremos facendo una boa dobraxe

Que lle dirías a alguen que presume de “eu so vexo as series en versión orixinal”?

Bueno, pois estupendo. É unha sorte ter a capacidade de facelo. O meu fillo pequeno o fai, e paréceme marabilloso. En cambio o maior as ve dobradas. Tanto os subtítulos como as dobraxes son ferramentas. Hai quen pode ler a Shakespeare en inglés e quen non, pero a cuestión é poder achegarnos á súa obra. E non hai nada máis democrático que o mando a distancia. Cada un escolle a lingua que quere. A dobraxe en Galicia ten dúas funcións primordiais: a primeira, poñer en prestixio a lingua; e a segunda, traducir produtos que a xente non podería ver doutra maneira, ben porque non ten a capacidade de ler subtítulos, porque non quere ou comprende, ou xente como facía a miña nai, que calcetaba mentres escoitaba as películas: de vez en cando miraba á televisión, pero podía baixar a cabeza e atender a outra cousa sen perder o interese.

Non o inventamos nós, mesmo Buñuel fixo dobraxe de cine en español. É unha ferramenta que está ao servizo da xente, e eles son os que deciden se a usan ou non. Cando a xente non necesite a dobraxe, esta desaperecerá.

"É unha ferramenta que está ao servizo da xente, e eles son os que deciden se a usan ou non. Cando a xente non necesite a dobraxe, esta desaperecerá"

Non queremos dicir que calquer tempo pasado foi mellor... A cativada ten oco na programación galega? Existen contidos infantis e xuvenís en galego?

A plataforma Xabarín (xabarin.gal) ten moito contido do que antes se emitía en televisión. Aínda non é moi coñecida, pero sempre a describo coma un Netflix en galego, e xusto acaban de estrear varias series. 

Sen ir máis lonxe eu mesmo veño de dirixir a dobraxe de tres longametraxes que se poden atopar aí (unha delas estivo nominada a Mellor Película de Animación no 2011). O contido existe, pero hai que saber buscalo.

 E para rematar, que recomendacións audiovisuais podes facerlle a cativada?

Depende da idade. Se é moi pequeño, recoméndolle dúas series: Super 4 e Ideafix (as aventuras do can de Obelix). Para algo máis maiores, “Agatha a miña veciña detective”, unha serie danesa, moi orixinal. Ambas están na plataforma Xabarin, pero temos que promocionar o que facemos para Netflix, HBO e Prime, onde tamén hai dobraxe en galego. Na última temos Os Aneis do Poder, que é nin máis nin menos que a serie do Señor dos Aneis, e fixemos a versión galega que quedou francamente ben. É un luxo poder escoitar galego nestas plataformas. Non só dobramos para a TVG.

Se buscas, o contido aparece. Temos unha páxina chamada Pipocas, que funciona da man da mesa para a normalización lingüística, na que indica que contido hai en galego en internet e onde o podes atopar.

Manuel Arca.

Manuel Arca. / Cedida

Dun that’s right a un Aí falaches!

Manuel Arca Castro é un deses profesionais encargados de traducir o contido audiovisual que vemos nas nosas televisións. Da súa man recibimos series como Merlí ou Detective Conan, e tamén películas como Annie Hall ou Flashdance.

Antes de nada, como diferenciarías a tradución da adaptación?

Pois diría que son case inserapables unha da outra; normalmente, falamos de tradución para nos referir a unha operación que consiste en verter un texto escrito nunha lingua a outra, preservándolle o estilo e a variedade expresiva. Os textos, en tanto que produtos orixinados nunha sociedade determinada, están impregnados de marcas culturais, e aí entra o labor de adaptación co obxectivo de achegar certas referencias escuras para o público da versión traducida, de modo que o receptor do texto orixinal e o do texto na nosa lingua experimenten as mesmas sensacións. Fóra destas dúas fases está o axuste, que normalmente leva a cabo o director de dobraxe e que consiste en modificar o texto traducido para adaptalo aos movementos labiais e corporais dos personaxes da pantalla.

"Como tradutores, andamos coas orellas moi abertas para escoitar a xente falar e tratar de recrear nos textos a naturalidade e espontaneidade que imprimen os textos orixinais"

A linguaxe da rúa inflúe na linguaxe que escoitamos nas series ou ao revés?

Inflúe, inflúe. Non hai máis que pensar que, a consecuencia de que hoxe o groso das producións audiovisuais infantís se oferte en castelán, os nenos galegos adoptaron os tempos compostos e as pronuncias con ene alveolar en contextos que de toda a vida se resolveron con ene velar (unh-amigo → unamigo). 

Nós, como tradutores, andamos coas orellas moi abertas para escoitar a xente falar e tratar de recrear nos textos a naturalidade e espontaneidade que imprimen os textos orixinais.

Falaba con Antón Rubal sobre esa influencia, de como era consciente nos 2000 do impacto do Xabarín na forma de falar dos nenos. Como o ves ti?

Diría que si. Estudado non o teño, mais estou convencido de que a palabra bochecha se popularizou a raíz da congratulada tradución de Shin-chan asinada por María Alonso Seisdedos.

Dobrar e traducir é traer ese contido a Galicia? (falabamos tamén de que Shin Chan parecía un neno tan galego coma calquera de nós). É dicir, a nosa idiosincrasia tense en conta na tradución?

Tense en conta, claro, porque a lingua é un produto cultural. Ollo, porque isto non quere dicir que haxa que traducir a un galego choqueiro e hiperenxebre; ao contrario: de natural, cómpre traballar sempre con respecto ás connotacións semánticas e á expresividade en que se recoñecen os máis dos galegofalantes.

As adaptacións e dobraxes en galego teñen unha base de fans e defensores xigantesca, cal é o motivo dese éxito?

Pois supoño que a calidade das producións orixinais, o coidado dos profesionais que se encargaron de traelas ao galego (aos que hoxe teño a sorte de considerar compañeiros) e a vontade dunha televisión pública por cumprir co principio para o que foi creada: a difusión e a normalización da principal manifestación da identidade de Galicia como pobo, a súa lingua.

Que conforma unha tradución coherente e atractiva? Expresións, códigos, entoación…

Todo. Se o texto orixinal é coherente e atractivo, así debe ser a súa tradución. A premisa, claro, parece básica, pero velaí están os retos, as dificultades de desmontar e reconstruír peza por peza a obra audiovisual que confeccionaron con moito esforzo outras persoas, recreando o xeito de falar de todos e cada un dos personaxes da ficción que integran a tal obra.

Que fai máis pola lingua, unha lectura de A Esmorga ou un videoxogo traducido ao galego?

Ambos os produtos teñen o seu público e fanlle o seu ben á cultura, pero que dúbida hai de que canto maior sexa o alcance dunha obra, maior será a súa incidencia na sociedade. 

"Para traducir, cómpre moita humildade porque, ao cabo, recreamos un traballo asinado por outras persoas"

Non falamos da mesma forma que escribimos, como se traduce neses casos?

Non sei que farán outros, pero eu levo moi abertas as orellas pola rúa e ando tomando notas seguido no móbil ao que sinto unha fórmula ou expresión que non usaría espontaneamente. No meu móbil tanto teño anotadas unha educadísima fórmula de agradecemento que lle sentín a un octoxenario do Saviñao («Agradecido moito de vostede») como un comentario de carácter etílico que me fixo unha amiga respecto dunha terceira persoa («levaba unha melopea criminal»). Así, cando me enfronte a personaxes ao caso, terei máis recursos para afinar na tradución, non?

Como definirías a tradución? Non unha definición técnica, senon todo o que supón e está detrás dese traballo

Hai que ter moita, moita, moita sensibilidade e nada, nada, nada de soberbia nin de prexuízos. Para traducir, cómpre moita humildade porque, ao cabo, recreamos un traballo asinado por outras persoas. Iso non quere dicir que os tradutores non sexamos autores dos nosos textos, porque somos autores por lei e por dereito propio. Non por manido é menos certo: nós non traducimos palabras, senón sentimentos e intencións comunicativas encadradas en contextos específicos. E non por manido deixa de ser un bo exemplo para ilustrar isto que digo: un That's right! pódese traducir tranquilamente, segundo o contexto, por Aí falaches! ou Aí estás ti! 

Podes facer unha recomendación de contido en galego para a rapazada? Para cativos e para algo máis mozos.

Pois animaríaos a exploraren o amplo e variado catálogo de producións dobradas e subtituladas das aplicacións AGalega, Xabarín, Netflix e Amazon Prime Video.