E TI, QUE PENSAS?

Sen porteiro vixiante nin limpeza axeitada

Sen porteiro vixiante nin limpeza axeitada.

Sen porteiro vixiante nin limpeza axeitada. / E.Elements

Opinión: Camino Vázquez*

O FARO EDUCA pon este espazo ao servizo da voz de docentes e familias. Se queres participar, podes enviar un correo a contacto@faroeduca.es co asunto “E ti? Que pensas?” e o teu nome e apelidos. 

Dende o 11 de outubro, no CEIP Plurilingüe O Pombal non contamos con porteiro-vixiante, polo que o profesorado, ademais da labor docente, ten que levar a cabo algunhas das actividades do mesmo (abrir e pechar o centro, atender a apertura de portas cando veñen suministros, repoñer material hixiénico…) o que vai en detrimento da labor educativa, prioritaria para nós, pero que dadas as casuísticas expostas anteriormente se dificulta notablemente. A día de hoxe, infórmasenos dende o Concello que se nos asigna un porteiro-vixiante, so dous venres neste mes de maio.

Por outra parte, a empresa concesionaria de limpeza ven realizando unha labor moi deficiente, ao substituír ao persoal de baixa con persoal que fai a limpeza de exteriores. Este feito afecta tanto á limpeza das aulas, dos aseos, como do centro e do comedor. Non se limpan os patios nin se baleiran as papeleiras coa frecuencia correspondente, nin os cristais das ventanas, nin o pulido do chan. 

Estas anomalías foron postas en coñecemento do Servizo de Mantemento do Concello de Vigo e da empresa concesionaria, en reiteradas ocasións. A resposta que se nos da é que se está a traballar para resolver esta situación.

Ante as nosas queixas, mantivemos unha reunión coa empresa encargada do servizo de limpeza que nos comunicou que estará máis pendente do noso centro e que retoman a limpeza semanal dos patios.

Recentemente atopámonos con diferentes dependencias dun dos edificios do centro cheas de formigas; non só no chan, senón tamén nos materiais do alumnado (bandexas, lapiseiros, andeis…). O equipo de control de plagas acode ao centro dúas semanas despois.

A riqueza da escola pública está na acollida dun alumnado diverso que reflicte a realidade social do momento, acollida que precisa de persoal docente e non docente. Coa redución de persoal, neste caso porteiro-vixiante, e as carencias do servizo de limpeza, non estamos limitados á hora de dar unha resposta educativa de calidade?

*Camino Vázquez é directora do CEIP Plurilingüe O Pombal

 [Actualizado]