Escultura

Alfaia en pedra

O cruceiro do Balneario de Mondariz

Vista frontal do cruceiro do Balneario de Mondariz.

Vista frontal do cruceiro do Balneario de Mondariz. / Alberte Reboreda

Alberte Reboreda

Admiramos o cruceiro figurado do Balneario de Mondariz desde que eramos nenos. Ao seu pé brincamos, tiramos fotos familiares ou buscamos perspectivas e encadres artísticos do contexto monumental no que se insire, pero nunca, ata o de agora, foramos quen de coñecer quen era o seu autor. Unha pista, gravada no plinto do monumento, axudounos ao mestre canteiro Manuel Sestelo e mais a quen isto escribe, a desvelarmos o enigma: “Raúl C. C.”, que se corresponde coas iniciais do escultor e santeiro vigués Raúl Comesaña Covelo (1933-1999).

O noso cruceiro foi erguido a mediados da década de 1960, cando a propiedade do Gran Hotel levou a cabo unha serie de “obras de mejora” no balneario, en palabras de Paredes Pardo (2011), que destaca que a obra de Comesaña foi erixida “donde antes había una edificación destinada a servicios higiénicos, que fue suprimida”. Segundo o mesmo autor, naquela altura o contratista do establecemento era Jesús Álvarez González, que foi concesionario da súa explotación entre 1961 e 1967. Malia que o que fora Cronista Oficial do Concello sitúa no ano 1967 a erección do noso monumento, o certo é que unha postal editada por Seix Barral en 1966 xa ten como protagonista unha instantánea desta fermosísima cruz figurada. Por desgraza, o incendio de 1973 acabou coa documentación que nos axudaría a revelar todos os detalles.

Estamos convencidos que este cruceiro é “grupo escultórico religioso para Mondariz” ao que se refire Fernández Sotelo (2012) no libro que dedicou ao escultor cangués Manuel Coia Franco, colaborador de Raúl Comesaña en diferentes obras, entre elas esta da vila termal ou a monumental virxe que coroa a igrexa das Carmelitas do barrio vigués das Travesas.

O cruceiro do Balneario sitúase sobre unha plataforma granítica que cobre o regato de Valdecide, ao pé do acceso principal que une o parque coa horta do establecemento, compartindo eixe visual coa Fonte da Gándara, e en paralelo á fachada do Gran Hotel. Labrado integramente en granito, a peza érguese sobre unha dobre grada octogonal que serve de base a un varal estriado en forma de tronco que, xa no seu arrinque, acolle tres grandes figuras: no centro un Santiago peregrino sedente que mostra os seus pés nus, caracterizado con cabaza, bordón, sombreiro e cunchas de vieira. Ao seu lado, dúas mulleres vestidas con manto, axeonlladas e descalzas (unha delas cos brazos cruzados sobre o peito e a outra coas mans unidas en actitude de oración), que se inspiran na imaxinería popular galega, a mesma que chanta as súas raíces nas miniaturas medievais de devotas que pregan e rezan.

No rexistro intermedio represéntase, a un tamaño inferior, a Adán e Eva separados por unha serpe (a representación do maligno) que ascende enroscada polo varal. Ela cobre o seu sexo coa man esquerda, mentres que coa dereita apreixa un froito (a Biblia non menciona que sexa unha mazá, senón o froito dunha árbore). El, pola contra, tapa a face coas dúas mans, avergoñado por verse espido e arrepentido por contradicir o mandato divino.

Alfaia en
pedra

Raúl Comesaña no seu estudio, nos anos 60. / Arquivo

Coroa o conxunto un capitel de planta rectangular e esquinas redondeadas soportado ilusoriamente polas cabezas de catro querubíns con ás. Na cimeira, unha singular cruz latina “forte e maciza”, escribe Fernández de la Cigoña (2007) en forma de nube bulbosa na que pena un Cristo crucificado cun cravo en cada man, pero cos pés libres e sen feridas. A feitura desta cruz recorda vagamente á que Asorey tallou no monumento dedicado a San Francisco en Santiago de Compostela, de forma case piramidal e cun tronco vertical que excede con moito a anchura e sección clásica dun madeiro.

O conxunto escultórico permítemos inferir que, malia á súa xuventude (cando labra esta obra Comesaña tiña uns 32 anos), o noso escultor domina a labra do cruceiro tradicional, así como a súa iconografía. Ese dominio permítelle introducir personaxes dun tamaño que supoñen unha innovación no repertorio, máis propios do canon da escultura imaxineira que do clásico dos cruceiros tradicionais. Outra das conclusións que nos ofrece é o dominio da anatomía e da expresión corporal das imaxes. Boa proba disto é que, nunha entrevista publicada en 1962, Comesaña manifestaba a súa admiración pola “anatomía e expresión nas obras dos grandes imaxineiros casteláns, galegos, levantinos e andaluces”.

Raúl Comesaña Covelo

Raúl Comesaña estudou na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo a mediados do s. XX, o mesmo centro no que exercería de profesor na década de 1980. Tamén cursou estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid. Aprendeu analizando a obra do grande escultor levantino Mariano Benlliure, “ao que estudei detidamente a través das súas estatuas, “pasos” de Semana Santa, obras de museo e outras realizacións do grande mestre” afirmaba na mesma entrevista. Pero nas súas obras pesa, sobre todo, a súa formación na escola de Imaxinería Granda de Madrid, unha recoñecida empresa de arte sacra e imaxinería fundada en 1891 que aínda está activa na actualidade.

Na década de 1960, cando se erixe este cruceiro monumental do Balneario, Raúl Comesaña acadara xa o segundo premio de escultura en pedra e o primeiro de terracota e xeso da primeira edición da Exposición de Artistas Noveis de Vigo. Esa fama de bo escultor explica que, naquel tempo, o noso artista fose contratado como retratista polos grandes empresarios da industria olívica (Jesús Freire -construtor naval de Bouzas-, Javier Sensat Curbera -fundador de Casa MAR-, o armador Jesús Gestoso, o empresario pesqueiro Julio Vieira, o contable Albino Grela, o empresario panadeiro Angel Reboreda, etc.) para lles facer bustos.

“Son o mellor” (escultor) “de Galicia mentres outro non demostre o contrario, por rapidez e calidade”, dicía Comesaña de si mesmo nunha entrevista publicada en 1966. “A pedra é o material que prefiro. E de todos os tipos de pedra, a máis dura é a que máis me satisfai” concluía.

Suscríbete para seguir leyendo