Libros recomendados

Crítica literaria

LIBROS - 1

LIBROS - 1

Iago Fernádez

Unha de vaqueiros

Virtudes tanxenciais

Iago Fernández

Un anarquista conta a historia de Miguel Duarte, un rapaz galego que, na Barcelona de 1977, se involucra no movemento anarquista e remata por se implicar no caso Scala, unha operación de falsa bandeira. Aínda cando é certo que a historia, tematicamente, non abunda en tópicos, o máis rechamante da nouvelle é que está composta por tres capítulos que constan dun só parágrafo. Lamentablemente, o autor opta por unhas premisas argumentais e formais que lle impiden acadar o bo resultado que acostuma.

A recreación histórica é deficiente na medida en que se apoia excesivamente na emborcadura de referencias epocais. Mesmo o narrador semella consciente deste feito cando, na páxina 36, ironiza sobre os seus propios hábitos ao incluír nunha ladaíña de referencias históricas as medicións pluviométricas de Putxet e Drassanes, dúas zonas de Barcelona. En calquer caso, esta posible chiscadela ao comezo de O home sen atributos, de Robert Musil, fica nun brote illado de inspiración, pois o espallamento de referencias prosegue ao longo de bastantes páxinas. Logo, constatar que boa parte das ambientacións son tipicamente costumistas tampouco é que axude a desenferruxar a dimensión histórica do libro.

En canto ao apartado formal, os parágrafos xigantescos mesturan oracións subordinadas con espasmos espazotemporais e impresións subxectivas que emborranchan a narración sen achegar moito en troques: certamente, Ameixeiras é un estilista moi competente, pero en Un anarquista asume unha carga de lirismo superior ás súas forzas. Ao mesmo tempo, algunhas escenas son máis ben insulsas e os personaxes, malia posuíren características esperpénticas que os singularizan entre si, están feitos de arame e papel de periódico. Non é que os parágrafos esaxerados ou as narracións emborranchadas representen defectos formais per se (velaí os exemplos de Sebald, Faulkner ou Simon), senón que, cando menos nesta nouvelle, distan de se aproveitar dun xeito convincente.

Doutra banda, todos os capítulos conteñen suficientes mostras de laboratorio das virtudes descritivas de Ameixeiras como para que a lectura convide a revisar a súa bibliografía (principalmente, O cervo e a sombra). Lembro, por exemplo, a caracterización de personaxes secundarias coma Madame Arthur, que posúe unha “voz rouca de macho salmantino con plumas de marbrú” (páxina 27), ou a descrición dunha manifestación a través das percepcións de Miguel Duarte (páxinas 12 e 13).

Outro punto positivo é que a emborcadura de referencias remata por se concretar nunha intuición radial dos anos da Transición, época que, á marxe de Anatomía dun instante, de Cercas, continúa literariamente orfa.

UN ANARQUISTA (2024): Diego Ameixeiras, Vigo, Xerais, PVP. 16,62€

libro1

libro1 / fdv


Aos acordes de Grândola

Relatos para unha Revolución

Lucía Seoane

Como, desde logo, coñecen dabondo todas as lectoras e lectores de FARO DA CULTURA, o día 25 do pasado mes de abril foron cumprirse 50 anos da Revolução dos cravos, o movemento militar que determinou a fin da ditadura salazarista –se ben que nesa altura viñera ser xa Marcelo Caetano quen estivese á fronte dos destinos do país irmán, tras a enfermidade (1968) e morte de Oliveira Salazar (1970)– e mais o inicio dun novo período na historia de Portugal.

Pois ben; medio século semella tempo suficiente para levar adiante unha análise provista da suficiente distancia cronolóxica –mais non por iso exenta de rigor, nin que dicir ten, pero aínda fornecida sempre de simpatía polas xentes de alén Miño– para podermos contemplar con acougo e transparencia como foi que se artellaron os feitos que daquela transcorreron sobre as rúas e prazas de Lisboa, espertando primaveras sobre todo o país irmán e alimentando asemade os soños de todo o conxunto peninsular. E iso mesmo, un percorrido ao tempo documentado e emocional é o que nos vén ofrecer Tareixa Constela –correspondente do xornal El País en Lisboa desde xullo de 2021– nas páxinas do volume que estamos a comentar.

Organizado esencialmente en tres partes –“Revolución”, “Antes da Revolución” e “Despois da Revolución”–, Abril é un país non só nos achega, como indica o subítulo, os heroísmos descoñecidos daquela altura senón así mesmo pequenas e grandes anécdotas –heroicas, melancólicas, abraiantes... , eis, por exemplo, “Ninguén sabe que os soldados non saben disparar”, “Unha evasión no Chrysler do ditador” ou “O Goberno fai folga”– diversos aconteceres, maiores e menores, que, no seu conxunto, acaban por conformar unha crónica vívida, unha narración fresca, redactada co mellor estilo xornalístico e, en fin, un relato que non só han de apreciar aqueles próximos aos sucesos descritos mais aínda toda persoa que teña unha mínima curiosidade por achegarse a un episodio singular na historia de Portugal pero así mesmo nesoutra da Europa occidental. En fin, un volume altamente recomendable polo seu rigor, estilo e accesibilidade.

ABRIL É UN PAÍS (2024): Tareixa Constenla, Pontevedra, Kalandraka, PVP. 18,05€

PORTADA ok.indd

PORTADA ok.indd / FdV


Galicia e as urnas

Motivos para reflexionar

Xosé Feixó

Galicia reducida, publicada por Morgante editora, é unha obra de Rodri Suárez (A Coruña, 1974), xornalista e asesor político, na que intenta atopar explicación ao voto galego, cambiante nas eleccións autonómicas fronte ás xerais e municipais, se ben cada unha coas súas particularidades. Para o autor, nas autonómicas dáse case un monocultivo dominante da dereita, mentres que as esquerdas gañan considerable terreo nas locais e estatais.

Partindo da análise tradicional –desde a perspectiva da esquerda, claro está– que case sempre se fixo dese comportamento electoral, dominada pola visión vitimista, de rede clientelar e de dominio mediático, dándolle menos importancia aos escenarios político-culturais, e poñendo o foco nas cidades motores do país, Vigo e A Coruña, trata de explicar que acontece e que camiño lle cómpre a unha viraxe cara ao galeguismo progresista do século XXI, afastado do centralismo compostelán e xacobeo, de talante conservador.

A partir do bulicio do debate nas redes sociais, o autor vai tecendo vías de comunicación, con moitos datos certeiros e reais: participación en cada proceso, abstención, sentido do voto territorial... chegando a conclusións como que as cidades son responsables do 44% dos votos perdidos pola esquerda nas autonómicas e que a desmobilización do electorado progresista é o que fai posible os sucesivos gobernos do PP. A iso habería que engadir fenómenos como o imaxinario da terra, postos de manifesto en estudos como os realizados polo profesor Manuel Gago,: nun deles, arredor de que é Galicia para os rapaces, Gago vén concluír que estes non identificaron o mundo no que viven a diario con Galicia, senón que o país vén conformar para eles algo que fica realmente fóra dos límites da súa cidade. Con certeza, interesantes motivos para reflexionarmos.

GALICIA REDUCIDA (2024): Rodri Suárez, Cangas, Morgante, PVP. 16,15€

libro3

libro3 / FdV


Divertido e emocionante

Con amor polos animais

María Navarro

Pensando na rapazada e tendo en conta o seu amor polos animais, Ledicia Costas obsequia o lectorado cunha nova colección que ten a Curriño como protagonista, un can que se fai influencer grazas a que a súa dona Elisabeth o inclúe en todas as súas publicacións, non hai post sen o can e non hai escea que non conteña a imaxe de Curriño ben acicalado para que luza impecable… mais nunha desas tomas arriscadas todo cambia e o glamour que caracterizaba as súas aparicións convértese nun pesadelo para o protagonista desta serie que vén de iniciar Xerais recentemente.

A aventura que emprende o can influencer é moi diferente a aqueloutras experiencias previas vividas na súa casa de tres plantas, cun amplo xardín, sala de cine, sete cuartos de baño, piscina e vistas ao mar. Agora ha de contentarse con ter os mellores amigos, aínda que estea cheo de lama e manchado de herba.

As narracións nas que participan animais resultan sempe atractivas. Se xogan coas coordenadas dos humanos, aumentan o engado e se aparece o factor sorpresa, o éxito está asegurado, porque non hai nada máis atractivo ca xogar coa imaxinación para causar admiración e abofé que a viguesa nisto é unha auténtica meiga: inspírase na realidade, olla o que está ao seu redor, inclúe aspectos emocionais comúns e dispono todo de tal forma que a lectura das súas creacións obran a maxia de converter a vida cotiá nun relato extraordinario no que non falta un interesante trasfondo pedagóxico.

As ilustracións de Mili Koey que acompañan o relato permiten tamén unha lectura divertida e emocionante ao achegar dinamismo e frescura combinando perfectamente trazo e cor. De certo, Curriño vainos facer e repensar a realidade. Xa estamos agardando a nova entrega.

CURRIÑO O CAN INFLUENCER (2024): Ledicia Costas (Ils. Mili Koey), Vigo, Xerais, PVP. 10,40

libro4

libro4 / FdV

Suscríbete para seguir leyendo