Nova vida para o Hollywood clásico

O retorno ás pantallas das estrelas de antano

Jason Isaac como Cary Grant na serie 'Archie' (2024) .

Jason Isaac como Cary Grant na serie 'Archie' (2024) .

Lois Alcayde Dans

No antigo Hollywoodland, hoxe sen o land ao final, vilas decadentes e palacios de aire sureño –xeira español, xeira italiano– poboaban os outeiros que rodean a cidade de Los Ángeles. E é que ás veces esquecemos que Hollywood é un barrio. E nese barrio, no medio do esplendor dos novos ricos do celuloide, agromaron historias detrás das pantallas que o audiovisual recupera para o público de hoxe, encandilado aínda dos vestidos de Givenchy postos por Audrey Hepburn, do sorriso e das ombreiras de Katharine Hepburn ou da percha e mais o bigote de David Niven. Aquelas estrelas foron a aristocracia emerxente da comunicación de masas dende os anos 20 e a mirada penetrante de Rodolfo Valentino. Non atopou a nova Roma imperial que era América mellores embaixadores que tales damas e cabaleiros da sétima arte, capaces de namoraren nun musical, entristeceren nun drama e faceren rir cos primeiros slapstick de Buster Keaton, Chaplin ou os Irmáns Marx. Hoxe, series e filmes súmanse ás biografías que apareceron nos anos 1980 arredor de figuras senlleiras daquel cinema. Os entendidos refírense xusto a esa década pola aparición do VHS e o novo interese polo cinema clásico, cada vez máis accesible grazas ás plataformas e a dixitalización dos contidos.

Cary Grant, xa mencionado, foi un deles. A nova serie Archie, recén dispoñible en Filmin, é unha produción británica que conta co protagonismo de Jason Isaacs no papel do galán por unanimidade deste xénero, sen desmerecer outros competidores como Gregory Peck, Gary Cooper ou, noutro rexistro, Humphrey Bogart. Isaacs é un Cary Grant enteiro, capaz de emular os seus manierismos e manías e o seu adquirido acento midatlantic. Este, por certo, un tipo de acento “neutro” e artificial moi explotado por Hollywood nos anos 30 e 40, con guías de como aprendelo, incluso, no que se pretendía mesturar o toque posh da clase alta británica coa nasalidade americana, xerando así un xeito que fora recoñecible para a maior parte do mundo anglófono. Xunto cunha notable Laura Aikman no papel de Dyan Cannon, unha das moitas mulleres da vida de Grant, de nome orixinal, Archie Leach, a serie entra na intrahistoria de dor familiar dun dos sorrisos máis recoñecibles do branco e negro e, logo, do technicolor.

Nova vida  para o
Hollywood
clásico

Joanne Crawford / Jessica Lange. / FdV

Mais non está só o caso de solitarios protagonistas, senón tamén de duros enforntamentos. A serie Feud, dirixida por Ryan Murphy (coñecido por American Horror Story) e dispoñible en Disney + recrea, na súa primeira tempada, a sonora rivalidade entre dúas divas da época dourada de Hollywood: Joan Crawford e Bette Davis. Un enfrontamento que foi explotado pola propia industria cinematográfica para xerar morbo na audiencia, algo que se deu, sobre todo, na promoción previa do filme Que foi de Baby Jane? Na rodaxe, varias veces estivo a película a piques de non saír adiante pola violencia, incluso física, que se adicaban unha e outra actriz. O mellor da peza, ademais da coidada ambientación, é a suprema destreza de Jessica Lange como Joanne Crawford e Susan Sarandon como Bette Davis.

Imposible esquecer, tampouco, o cabelo loiro dunha Grace Kelly, logo a Súa Alteza Serenísima, Gracia de Mónaco, en filmes como Atrapa un ladrón, xunto con Cary Grant, baixo a dirección de Hitchcock ou na imperdible A ventá indiscreta, tamén do cineasta británico, xunto a Jimmy Stewart. A actriz e logo princesa tivo o seu momento de recuperación na interpretación acertada de Nicole Kidman en Gracia de Mónaco, do 2014, malia o sinsabor da cinta no seu conxunto e a intranscendencia da narración, que só se salva por unha Kidman capaz de realizar esta tarefa difícil, pola distancia esencial do propio personaxe a interpretar en si.

Máis preto de nós temos, no mundo das series, a marabillosa Arde Madrid, en Movistar +, dirixida por Paco León, na que se recrea a Villa e Corte na que Ava Gardner quixo quedar dende os anos 50. Unha urbe de poder ditatorial e tamén de liberación etílica ás noites, ao xeito de saída de prisión, cunhas interpretacións notables de Debi Mazar (esta, como Ava Gardner), Paco León e Inma Cuesta. A serie pivota sobre unha muller desexosa de liberarse no paradoxo dun país pechado, pero aberto ao seu capital e ás súas boas relacións cos políticos e alta sociedade capitalina da época, gostosos de contaren nos seus salóns coa protagonista de iinesquecibles filmes como A condesa descalza, con Humphrey Bogart, ou Mogambo, con Clark Gable.

Nova vida  para o
Hollywood
clásico

Ava Gadner / Debi Mazar / FdV

Unha serie sobre a creación dun filme

Para os que gostamos das metahistorias, das historias sobre historias, estamos de sorte se ese gusto vai acompañado da devoción por certas cintas. Unha delas, confeso que a miña favorita entre todas, O Padriño, é o eixo central da serie The Offer, dispoñible en Amazon Prime. Nela nárrase todo o proceso que tivo que pasar Francis Ford Coppola (porque non dicilo, un completo viacrucis) para conseguir rodar esta grande película. O cineasta sufriu un acoso e derribo non só por parte dos directivos da Paramount da época, senón da mafia italoamericana en Nova York, sobre todo a familia Colombo, que quixo coñecer que se estaba a contar das familias italianas asentadas na Gran Mazá adicadas a particulares negocios. A cousa, ao final, xa sabemos, saíu máis que ben ao final.

Suscríbete para seguir leyendo