Co 'Amuleto' dos Grampoder

Power pop, cheiros a hardocore, melodías e atmosferas

V. Neira

Co Amuleto dos 
Grampoder

LeRoi e Martin Wu / Aigi Boga

Xa quedaramos nós ben convencidos e moi prendidos daquelas dez suxestivas cancións que formaban parte de PM, o disco anterior dos Grampoder. E aquí voltan agora de novo á ruta dous anos despois: fano presentando un novo traballo, mantendo a mesma enerxía e outra vez cargados até as canizas desa mestura de power pop con moito cheiro a hardcore e gosto infinito por melodías enredadas en evocadoras atmosferas que todo o gobernan e remexen á volta de cada compás. Máis guitarreiros desta volta e soando máis urxentes e trepidantes nun exercicio a dúo no que a escoita abofé que non bota nunca nada de menos.

Velaí, daquela, LeRoi e MartinWu arredándose cada vez máis dos seus Homens a cada entrega e mergullándonos nunha estraña sensación de escuridade e luminosidade onde poñer o marco nos custa un mundo. Tamén apostando por sonoridades puramente orgánicas nesa textura rockeira que os dous músicos mamaron, coñecen e desenvolven con tal soltura e convicción e que agora devolven en dez cancións, nove de autoría propia e unha convincente versión do “Sueño con serpientes” –si, da autoría de Silvio Rodriguez– que nos enganchan dende a primeira escoita e que continúan deixando portas abertas para o seu posterior goce e reescoita. Falando da vida, do mundo, do amor, de mirarse ao espello, do irracional que todo se vira nesta roda da vida na que tantas veces o tedio ou a maldita dinámica das augas residuais nas que nos toca navegar poden levar o noso barco ás pedras.

Porque esste Amuleto funciónanos coma un reloxo, recórdanos que a vida vai enganchada do implacable segundeiro e que, por moito que perdamos a mirada entre o noso embigo e a sempre difusa liña do horizonte, o certo é que no medio é onde se xoga a nosa partida: o tempo como grande argumento de agobio e celebración. Mais non pensedes que falamos dun disco para escoitar rezando ou paseando pola beira chunga pois igual o propio é facelo cabeceando e mordendo distorsións mentres cargamos as pilas para saír aí fóra e repartirlle uns crochets ao mundo mentres bailamos na romaría. Préstanos o disco, claro, préstamos a aposta polo persoal, polo discurso propio, pola sonoridade atemporal e tan propia e pola total falta de botarnos azucre a mil edulcorantes nas cancións.

Gravado por Jacobo Iglesias e Adrián Longart nos Estudios Potemkin, en Compostela, este Amuleto por suposto que xa podedes atopalo nas plataformas de internet para a súa escoita aínda que o máis recomendable, dende logo, sería coller algunha das copias da limitadísica tiraxe en vinilo que, contan que fixeron, e poñelo a dar voltas no teu vello xiradiscos mentres enredas a vista nos recunchos gráficos dun cartón outra vez fantasticamente deseñado polo propio LeRoi.

The Cars: 40 anos de Heartbeat City

Un disco que está de aniversario, e ao que convén sacarlle o pó de cando en vez para poñelo a dar voltas nun bo plato: veñaí o Heartbeat City (1984) dos The Cars. Tratábase da súa quinta entrega discográfica e a banda bostoniana, a medio camiño entre a New Wave e unha evidente e convencida posición nese territorio de perda de sonoridades rockeiras, parecían convencidos de desfacer moitos teitos pop nunha especie de reinvención na que os timbres de Benjamin Orr e Ric Ocasek eran, á fin, o único elemento que parecía manter a liña Cars de discos anteriores e tan celebrados coma os iniciáticos The Cars e Candy-O.

Heartbeat City non foi tampouco unha volta de torca total pero si que é un deses traballos que probablemente defina moito do que pasou nos anos 80 e nesa expansión pop na que a música se desfacía de prexuízos até situacións nas que incluso bandas apegadas ao punk eran quen de baixarlles volume e distorsión ás guitarras para acomodaren o seu son a unhas radiofórmulas raíñas gurú do éxito e da popularidade baixo aquel particular concepto coñecido como AOR (Album-oriented radio).

En calquera caso neste 40 aniversario vaia se valoramos con altísima nota moitos cortes do traballo con temas tan tremendos e ben feitos como o “Hello again” ou “Magic” e coa inesquecible “You Might Think”. Busquen, por certo, o video orixinal polas canles de Youtube e disfruten da obra de arte en tres minutos tan xeniais e imbatibles que aínda a día de hoxe nos poñen en auténtico estado de efervescencia. Vamos, discazo.

Suscríbete para seguir leyendo