Redes sociais e Idade Media

Novas tecnoloxías para o estudo das Cantigas

Portal de GloSabio.

Portal de GloSabio.

Judith R. Iglesias

As tecnoloxías da información e da comunicación están a cambiar radicalmente a nosa forma de achegarnos á cultura. Tamén o pasado se reescribe decote, da man dunha sistematización de datos que facilita labores inxentes. Novas visións e un ronsel de relecturas superpoñen capas de coñecementos; tecidos universais na procura de significados concretos, alén do xa escrito. E isto en eidos do máis diverso, como pode ser a nosa lírica medieval. Que relacións podemos establecer entre uns autores das cantigas e outros? De que xeito a tecnoloxía serve de base á investigación e divulgación histórica? Como resposta a estas preguntas, unha serie de novas aproximacións á temática poñen en valor as influencias e contactos dos cancioneiros que chegaron canda nós; nunha aposta por trazar dixitalmente as redes sociais da Idade Media.

Redes  sociais e
Idade Media

Portada de Redes socio-culturais da lírica galego-portuguesa. / FdV

Deste xeito, nos últimos meses viron a luz varios estudos que propoñen botar unha ollada atrás e configurar un cómputo global dunha época moi específica da nosa literatura; e, como é propio da rede, cun marcado carácter divulgativo. Accesible para quen queira saber máis, estamos a un click da confluencia social creativa e lúdica de cortes como a do rei Afonso X, O Sabio. Chegados directamente ao corazón dos séculos XIII e XIV, tres proxectos liderados pola Universidade de Santiago de Compostela poñen o foco na análise destas composicións literarias.

O primeiro, Redes socioculturais da lírica galego-portuguesa é “un portal dedicado ás relacións (...) entre autores do movemento”, tal e como podemos ler na súa páxina web; onde engaden que “ademais de brindar información literaria, histórica e biográfica sobre trobadores e xograres, aspírase a facilitar, de maneira pioneira no ámbito da literatura medieval galego-portuguesa, novas perspectivas”. Dirixido pola doutora Déborah González, membro do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago, ofrece unha representación gráfica das referencias que uns autores fan dos outros, coa finalidade de amosar o seu contido para ampliar o coñecemento sobre os mesmos e as circunstancias de creación e recepción das Cantigas.

O resultado permite ilustrar a vida das cortes que viviron o canto trobadoresco. Así, pon especial énfase nas tenzóns, subxénero lírico das cantigas de escarnio e maldicir que consiste nunha peza dialogada entre dos autores; normalmente, un trobador e un xograr. Tendo en conta que as clases sociais de ambas figuras son diferentes, estas cancións tiñan unha finalidade lúdica e, entre diálogos e debates, constitúen unha interesante crónica social da época.

E, se falamos de novas propostas, GloSabio preséntase como unha “ferramente dixital de información actualizada e contrastada sobre topónimos e antropónimos mencionados nas Cantigas de Santa María”. Cun nome que alude directamente ao impulsor deste repertorio, o rei Afonso X, a investigación vai esta vez da man do investigador posdoutoral, Manuel Negri, co propósito de “entender mellor o contexto de produción das Cantigas, así como a referencia de personaxes e/ou lugares históricos que, por agora, non son máis que nomes propios faltos de contido”.

Con todo, as Cantigas xa tiveron o seu pequeno espazo na rede nos anos 90; nun intre no que Internet apenas comezaba a amosar o seu potencial. Falamos de MedDB, a base de datos da lírica profana galego-portuguesa que puxo en liña as edicións críticas de referencia das composicións trobadorescas e que aínda segue en funcionamento. Coa vontade de completar este espazo, chegou no 2020 PalMed, unha web que ofrece a transcrición paleográfica das Cantigas. É dicir, unha transcrición literal que, ademais, engade información sobre caracteres que poden dificultar a lectura, como o sistema de abreviaturas empregado polos distintos copistas dos códices.

Estas bases de datos, que prometen unha actualización constante dos seus contidos grazas ás novas tecnoloxías, son aínda os primeiros pasos dun longo e prometedor traxecto. Da man de fórmulas innovadoras coas que facer fronte ás diferentes cuestións, a lírica medieval devén exploirada agora a través dunha óptica máis ampla, sistemática e accesible; redefinindo, deste xeito, os espazos baleiros e difusos da nosa historia literaria.

E agora, que novas achegas aportará?

Lírica dixital. Unha guía de viaxe cara ás Cantigas

A dixitalización de todo este contido fai accesible un patrimonio que sempre estivo máis vencellado ao estudo académico. E, se ben serve de base para os investigadores e estudantes, configura un portal aberto a todo aquel que teña interese. No caso de GloSabio, atopamos ademais un dicionario dixital; unha guía de viaxe na procura dos milagres aos que se fai referencia nas Cantigas de Santa María.

Con escenarios e protagonistas moi diversos, o repertorio recolle tradicións anteriores á da súa propia creación, a través de estudos que mesmo poderían ampliar as fontes das que se nutriron os textos. Así, a gran presenza de topónimos europeos, concretamente de Francia e Inglaterra, ilustrarían a vontade das Cantigas por seguir o ronsel de milagres da Virxe María, como unha tradición literaria. Asemade, aparecen topónimos de Oriente Medio, onde xurdiu o culto; e da propia Península Ibérica.

Como lembran no sitio web de GloSabio, “As Cantigas de Santa María foron obxecto de moitos estudos, cada un baixo unha distinta perspectiva: procedementos narrativos, modelos musicais, tradición manuscrita e aspectos métricos e retóricos”, mais non dos nomes propios e topónimos nelas mencionados; e menos, dun xeito sistemático. Polo momento, só queda esperar a ver que novas portas se abrirán. Cal será o seguinte paso? E é que, cando falamos de novas tecnoloxías e cultura, unha cousa é clara: as preguntas son inevitables.