Coa Biblia Kennicott

Unha obra mestra galega en Oxford

Colofón da Biblia  Kennicott.

Colofón da Biblia Kennicott. / FdV

Hai poucos meses a Bodleian Librery da Universidade de Oxford publicou un volume dedicado á Biblia Kennicott, a Biblia xudía da Coruña, un manuscrito propiedade desa biblioteca universitaria. O libro, que leva por título The Kennicott Bible. A Masterpiece of Jewish Book Art, foi editado por Katrin Kogman-Appel, con colaboracións de Javier del Barco e María Teresa Ortega-Monasterio. Trátase dunha publicación que une o rigor científico e a riqueza de ilustracións, conformando unha achega de especial relevancia para a comprensión dunha parcela importante da miniatura europea baixomedieval e divulgación dunha parte da historia e da arte galegas non abondo coñecidas.

Estamos perante un manuscrito excepcional que é, para alén do seu valor artístico, o máis relevante testemuño da vitalidade das comunidades xudías na Galicia medieval, poboacións espalladas por todo o territorio galego, vivindo illadas ou formando núcleos organizados e á que pertencía Isaac de Braga, comitente da obra. Chámase Biblia Kennicott polo nome do cóengo que recomendou a súa compra en Oxford no século XVIII. O libro fornécenos unha notábel información xa que está datado en 1476 na cidade da Coruña, sabéndose que foi copiado por Moses ibn Zabara e miniado por Joseph ibn Hayyim.

Este manuscrito é a biblia hebraica máis ricamente iluminada no contexto peninsular baixomedieval e nela podemos percibir, combinados, motivos cristiáns, islámicos e populares. En xeral, a arte do códice ten débedas evidentes co plateresco hispánico, con trazos mudéxares, o que se pon de manifesto especialmente nos arcos que enmarcan as distintas páxinas do Sefer Mikhlol, un tratado gramatical hebreo inserido no volume, e tamén nos espectaculares trazados con motivos xeométricos. O manuscrito tivo un modelo coñecido: a chamada Biblia de Cervera, realizada entre 1299 e 1300, probabelmente en Cervera del Río Alhama (La Rioja), e actualmente propiedade da Biblioteca Nacional de Lisboa.

As coincidencias teñen que ver coa aparencia xeral, semellante en ambas, e tamén na disposición, encadramentos decorativos e algunhas miniaturas, como a que ilustra a historia de Xonás e a balea. Máis relevante é aínda a coincidencia en programas decorativos. O denominador común máis rechamante é a inclusión de ilustracións narrativas e figurativas. O iluminador de Cervera, chamado Joseph Hatsarfati, e o da Coruña, Joseph ibn Hayyim, rompen coa tradición antifigurativa, característica das biblias hebreas peninsulares. Tamén é notábel que ambos os pintores asinen as súas obras en colofóns artisticamente deseñados, unha acción non habitual entre os iluminadores medievais, a maioría dos cales ficaron no anonimato. Os dous colofóns son ben semellantes, co deseño zoomórfico e antropomórfico de letras.

Coa Biblia Kennicott

Asalto de gatos a un castelo na Biblia Kennicott. / FdV

Entre nós a obra xa era coñecida desde un traballo do historiador Emilio González López que en 1967 publicou un artigo na revista Grial, dando información dun estudo sobre o manuscrito do hebraísta Cecil Roth. Este último, que analizou pormenorizadamente o volume, sinalou que Joseph Ibn Hayyim preferiu utilizar en xeral elementos decorativos, como debuxos de enleado entrelazamento e drôleries -un tipo de iluminacións decorativas nas marxes dos manuscritos que desenvolven unha escena de fantasía máis ou menos cómica, alleas ao texto- con imaxes de bestiario, en especial dragóns. É de subliñar aínda a grande habilidade do iluminador para representar animais, especialmente paxaros, e figuras humanas, entre as que é excepcional a, xa citada máis arriba, de Xonás engulido por unha balea.

Ibn Hayyim, un artista excepcional

Moi literario, e ben característico da cultura coeva, é o gusto pola realización de escenas de fábulas, como un oso tocando unha gaita ou o ataque que realizan gatos armados a un castelo defendido por ratos. Con todo, como é característico na cultura xudía, é ben importante o acento posto no verbal, estando a palabra, sobre todo a palabra, no centro do mundo.

Finalmente, cómpre subliñar que estamos perante unha obra excepcional tamén no contexto histórico máis inmediato de realización, xa que as biblias peninsulares do século XV son en xeral modestas. Este feito fai aínda máis salientábel a personalidade de Joseph ibn Hayyim, un artista de moi notábel calidade que combinou unha variedade de fontes –Biblia de Cervera, influxos centrouropeos, tradicón das biblias hebreas peninsulares– para crear un libro ricamente miniado, de carácter único, nun contexto, o galego, sen tradición anterior rastrexábel de manuscritos hebreos iluminados, nin unha escola á que se poida constatar relación. Estamos, pois, perante un testemuño senlleiro e serodio dunha florecente tradición peninsular do libro xudeu, que fora especialmente rica nos séculos XIII e XIV. Obra dun artista orixinal, coñecedor desa tradición que el vai modificar elaborando unha mestura única e motivos e formas artísticas apenas dezasies anos antes de expulsión dos xudeus en 1492, contexto máis que probábel de saída do manuscrito do noso país.

Suscríbete para seguir leyendo