Herba / A profecía do armadillo

Dúas novas estreas na BD en galego

Raquel López

“Muller de conforto”: eis o eufemismo empregado durante a ocupación xaponesa de Corea para definir a escravitude sexual á que estiveron sometidas moitas mulleres, e Herba é unha novela gráfica de non ficción que conta a historia dunha delas, Lee Okseon. Trátase da memoria real dunha sobrevivente que, durante o avance de Xapón pola Asia Oriental na primeira metade do século XX, acaba nunha base chinesa explotada polas tropas do exército xaponés; mais tamén de como resiste e como o “supera”. Herba é unha novela de Keum Suk Gendry-Kim (Jeolla, Corea, 1971) multipremiada e traducida a máis de dez idiomas, que xa se considera un clásico contemporáneo á altura de Maus (Art Spiegelman, 1986) e Persépolis (Marjane Satrapi, 2000), e que desde o pasado maio xa se pode ler en galego grazas á editorial Rinoceronte, que tamén publicou os outros dous títulos mencionados; a tradución débese a Alba Verea Pérez.

Herba/A profecía do
 armadillo

Herba/A profecía do armadillo / Raquel López

Estamos diante dun texto cru que conta con sensibilidade e detalle a vida tráxica dunha muller surcoreana cunha infancia definida pola pobreza, a fame negra e mais a explotación laboral, á que a invasión xaponesa converte nunha secuestrada violada diariamente polos soldados inimigos. O exército dispoñía destas mulleres como “subministros” de guerra para os seus soldados, empregando un termo, “muller de conforto”, co que se tentaba, repugnantemente, suavizar o feito; moitas delas morreron no proceso e o resto sobreviviron con danos psicolóxicos permanentes. A historia revisita a resiliencia da protagonista para narrar o seu retorno á casa despois do final da Segunda Guerra Mundial. Está baseada nas entrevistas da autora con Lee Okseon e, ademais da miseria desta, reflicte a dificultade e vergoña ao abordar temas tan duros e estigmatizados. Como lle pides a alguén que reviva cada horror só para poder facer unha novela gráfica?

Herba/A profecía do
 armadillo

Herba/A profecía do armadillo / Raquel López

O estilo gráfico da autora é moi plástico, tinta negra plana e pluma, expresiva e chea de emotividade contida. Recréase enormemente na beleza das paisaxes, simplificando os trazos dos rostros sen por iso perder forza na narración, pero evitando o melodrama. Unha narración honesta que foxe do abuso das emocións como recurso e consegue destacar a cousificación da protagonista (e do resto de mulleres) que pasaron por ese trauma sen centrar a indignación nas súas propias opinións. Tamén evita as mostras explícitas de violencia, xa que a historia é demasiado brutal. Por exemplo, a primeira violación que sofre Lee é contada a través dunha dobre páxina de viñetas completamente en negro. Esta sensibilidade e sutileza atravesan toda a narración, o que supón un esforzo sólido para evitar que un episodio histórico ominoso que aínda non foi resarcido caia no esquecemento.

En contraposición a este texto novela dramático, Rinoceronte tamén estrea A profecía do armadillo, de Zerocalcare (Arezzo, Toscana, 1983), pseudónimo do autor italiano Michele Rech, e con tradución de Moisés Barcia.

“Chámaselle profecía do armadillo a calquera previsión optimista fundada en elementos subxectivos e irracionais tomados como lóxicos e obxectivos e destinada a alimentar decepción, frustración e lamentacións polos séculos dos séculos, amén”. Un armadillo xigante representa a voz interior de Zerocalcare, que se revoluciona máis do habitual ao coñecer a morte dunha grande amiga da infancia, Camille. A través de entretecer recordos, o protagonista reconstrúe a súa vida mesturando traumas e alegrías contadas con grandes doses de humor.

A obra foi unha autoedición do autor, que distribuíu 500 exemplares entre todas as librerías de Roma que os aceptaron e tasmén a través de internet. Os dous protagonistas, el mesmo e a mais a súa conciencia Armadillo, agora xa icónicos, fixéronse virais e a editorial italiana BAO publicouno a toda cor, conseguindo vender miles de exemplares. É o descubrimento dun novo talento do cómic actual europeo. Xa en 2017 reeditouse en branco e negro, cunha nova premisa: o Zerocalcare de 2017 retrocede no tempo para falarlle ao seu eu de 2008, que está comezando a debuxar ese primeiro A profecía do Armadillo. Esa é a edición que publica Rinoceronte. Unha historia liviá e divertida que apoia nun estilo fresco e orixinal, clásico, entre “cartoon” e canalla.

Rinoceronte

Rinoceronte Editora é unha editorial nada en 2005 dos tradutores e editores Moisés Barcia Rodríguez e Penélope Pedreira. Está situada en Cangas.

Trátase dunha editora pequena, especializada en tradución, que tenta cubrir un sector minoritario e escasamente atendido dentro da tradución e a literatura en galego. Céntrase en obras actuais de interese universal, moitas veces publicadas inicialmente en linguas minoritarias.

Entre as súas coleccións, inclúen unha dedicada á novela gráfica, na que podemos atopar grandes long-sellers, os títulos “básicos” dun amante do cómic, que podemos gozar en galego grazas a eles. Títulos xa encumbrados como poden ser Maus (Art Spiegelman), Persépolis (Marjane Satrapi), Contrato con Deus (Will Eisner), Palestina e Gorazade, zona segura (Joe Sacco), Entender o cómic (Scott McLoud), Pyongyang (Guy Delisle) ou Fun Home (Alison Bechdel).