Entrevista | Bieito Alonso Historiador

“Frank López foi un anarquista apaixonante”

En 'Inimigos ás portas. Frank Lçopez e o anarquismo global' (Galaxia), Bieito Alonso amósanos un material extraordinario que nos achega á figura deste personaxe histórico.

O historiador Bieito Alonso.

O historiador Bieito Alonso. / C. PARDELLAS

–A do anarquismo (ou máis ben o dos galegos anarquistas) é unha temática que ten tratado Vde. noutros libros anteriores. A que se debe a súa “devoción” por esa ideoloxía?

–Non é que eu teña un interese específico no mundo dos anarquistas; polo que teño interese como historiador é polo que foron as emigracións e, nomeadamente, a dos galegos a América no período que vai dende finais do XIX ata os anos 30 do século XX. O que acontece é que, dentro deste amplo abano, atopei cun terreo pouco investigado: o do papel que xogaron os galegos nos movementos sindicais dos países aos que emigraron. Daquela empecei a atopar certos fitos, fundamentalmente vinculados ao mundo do mar, e descubrín que había un fío por onde tirar e, de xeito moi destacado, o protagonizado polos anarquistas.

–Todas esta serie de persoas que emigraron a América, fixéronse alá anarquistas?

–A maioría destas persoas non eran anarquistas cando se foron de Galicia, entre outras razóns porque moitos incluso emigraron de nenos. O que aconteceu foi que, ao encontrarse coa vida moi dura dos emigrantes alá, acabaron por facerse anarquistas. Pero iso non foi unha casualidade, senón que, dentro deses grupos nos que eles se movían, había xente implicada con esa ideoloxía. En Estados Unidos, por exemplo, había un núcleo anarquista catalán bastante pequeno, pero asentado, no que os rapaces novos albiscaron unha luz para resolver a súa situación, porque aínda que os salarios era máis altos que en España, as condicións de traballo eran moitísimo máis duras, sobre todo no caso do mar. Pero, por poñer outro exemplo, o caso da Arxentina era distinto, porque alí foi un proceso máis complexo, no que tiveron moito que ver os anarquistas italianos, e que abranguía varios sectores. Son mi escasos aqueles que dende aquí xa marcharon cunha ideoloxía anarquista definida.

–E a que responde que se incorporasen ao anarquismo?

–Eu coido que se tratou dunha cuestión de identidade, sentíanse non tanto identificados co país de orixe nin co de acollida, senón con esa colectividade que representaban os obreiros de todo o mundo. E nisto ten moito que ver co feito de que a maioría deles emigraran de moi noviños.

–A diferenza da súa bra anterior, Anarquistas galegos en América, que é un libro colectivo, neste céntrase nun protagonista, Frank López. Por que o elixiu precisamente el?

–Porque foi un personaxe sorprendente, apaixonante. Cando eu comecei a investigar as pegadas dos anarquistas galegos en Estados Unidos, atopei unha fotografía dun home moi ben plantado e vestido, cuxo nome era Frank López. Pero, claro, non tiña nin idea de quen era nin a que se dedicaba, mais o curioso foi que, consultando otras documentacións, volvíame aparecer o tal Frank López, ou un dos seu alias (José Marinero) e ademais en contextos moi difererentes aos que eu tiña imaxinado. Ata que, chegado un momento, empezaron a cadrarme as cousas, e foi cando xa o asociei a un dos xornais anarquistas en lingua española que circulaban nos Estados Unidos. Pero cando me sorprendín moito foi cando descubrín que este home formou parte do comité de defensa no proceso aos anarquistas italianos Sacco e Vancetti.

–Que relacións tiña López con eles e, en xeral, cos anarquistas italianos en Estados Unidos?

–Os italianos necesitaban a alguén que espallase a propaganda para defender a Sacco e Vancetti ao mundos falantes hispanos e portugueses. Quen era a persoa adecuada para esta misión? Pois, evidentemente, escolleron a Frank López, porque el tamén tiña moi bos contactos cos anarquistas arxentinos, cubanos e brasileiros.

–E logo apareceron máis datos sobre Frank….

–Resultou que existe un dossier sobre o que foi o seu proceso de deportación. E nese proceso, recollido documentalmente, figuran interrogatorios dos xuíces nos que se pode dicir que Frank conta a súa vida. E logo atopei outra vía de información nos informes que facían os axentes secretos que o seguían e que pertencían a unha axencia que calificaría como antecedente do FBI. Con iso todo fun compoñendo un cadro cuxo resultado é o dun personaxe apaixonante que, ademas, me permitía facer contexto coa realidade dos anarquistas españois en Estados Unidos naquela época, durante os primeiros trinta anos do século XX.

–No anarquismo había (hai) varias correntes ideolóxicas. En cal delas se aluiñaba Frank López?

–Frank aliñábase co anarquismo organizado, isto é, oaqueles que pensan que se os traballadores non se organizan, no será posible conseguir a revolución libertaria: iso si, marcando diferenzas cos marxistas, xa que os ácratas consideran o sindicato como o instrumento fundamental da loita obreira. Daquela, Frank López situaríase dentro desta última corrente, na que se consideraba que non debería haber soamente un sindicalismo anarquista, senón un sindicalismo aberto a todos os traballadores que quixeran incorporarse. O que pasa é que hai outra vertente da organización, que é a que atingue a proliferación dos grupos anarquistas. E iso é moi interesante porque o sindicalismo anarquista organizado potencia a existencia destes grupos. López tamén está de acordo con isto, e precisamente iso levarao a un enfrontamento amargo cos anarquistas máis individualistas e mesmo cos da súa propia corrente (acusárono de ser un leninista con linguaxe anarquista).

– Como foron os últimos anos de Frank/Alberto Martín (o seu outro alias)?

–A partir de finais dos anos 20, a el depórtano (incluso chega a Vigo) pero moi pouco despois regresa clandestinamente aos Estados Unidos. Foi cando adoptou o nome de Alberto Martín pero, nesa altura, o anarquismo que el axudara a difundir, estaba en momentos moi baixos, xa que fora especialmente reprimido. Daquela perdeu ese vínculo sindical porque só quedaban grupiños enfrontados entre si, que se dedicaban fundamentalmente á propaganda. Nesa altura el xa non quere saber nade deles, alónxase dese mundo, aínda que segue vinculado sobre todo cos anarquistas cubanos e arxentinos, pero afástase da comunidade española. Seguirá, iso si, colaborando con publicacións anarquistas do exilio que se publican en México e, nos anos 50, reaparece dunha maneira moi curiosa, pois resulta que se relaciona cunha muller anarquista xudeo-ucraniana coa que casa. E como ela era unha activista moi potente, velaí como volvemos ter Frank/Alberto en primeira liña…pero por pouco tempo: a parella rompe e dende ese intre pérdense noticias sobre a súas actividades ata que, xa nos derradeiros días da sua vida, reaparece a súa sinatura en dúas publicacións: no libro “Breve historia del movimiento obrero americano” (que se publicou despois de que el falecera) e un opúsculo sobre Sacco e Vancetti que se publicou en Arxentina. Faleceu dun infarto nun hospital en Brooklyn, e así remata a súa historia.

Suscríbete para seguir leyendo