Abril en Portugal

50 anos da Revolução dos cravos

Grupos de manifestantes percorren Lisboa exhibindo caraveis en apoio ao MFA.

Grupos de manifestantes percorren Lisboa exhibindo caraveis en apoio ao MFA. / FDV

Despois da Revolución do 25 de abril de 1974, o novo goberno portugués levou a cabo unha campaña de publicidade destinada ao público español co lema “Tan cerca e tan diferentes”. Un slogan que un humorista catalán –penso que foi Jaume Perich- replicou ben axiña cun “España e Arxentina: tan lonxe e tan semellantes”. Hoxe, malia a común vixencia da democracia e da pertenza á UE, España segue de costas a Portugal.

Cincuenta anos despois de que o MFA esfarelase o réxime salazarista, pouco espazo queda para a saudade daqueles feitos. Porque, a realidade sempre é teimosa, acontece que se a valentía daqueles militares si derrubou unha ditadura, non podía, porén e por diversos motivos, erguer logo unha república socialista. En primeiro lugar, porque o obxectivo principal do MFA era acabar coa guerra colonialista e para iso, a única ferramenta era a democracia. Un movemento, ese dos militares comprometidos, que excedía culturalmente a media que naquela xeira alguén podería atopar nos cuarteis de Portugal e de España.

Unha evidente eiva que tiña o colonialismo portugués –máis alá da súa perversión intrínseca– radicaba en que formaba parte dos esquemas da Guerra Fría. Despois do golpe liderado por Nasser en Exipto (1954), a independencia de Alxeria en 1962 e o derrocamento do rei Idris de Libia por Gadafi (1969), a influencia soviética en África pasou a ser considerable, cousa que favoreceu a aparición de diversas guerrillas de liberación nas colonias portuguesas, Namibia e Rodesia. A rexión –coa Sudáfica do apartheid no papel de xendarme– era o bastión que para Washington conviña preservar. Por iso, ninguén esperaba que cando –á maneira de ensaio– unha columna militar saíu o 16 de marzo de 1974 do cuartel de Caldas da Rainha, as cousas irían ocorrer como despois foron. Dous días antes, António de Spínola e Francisco da Costa Gomes non acudiran a unha convocatoria da cúpula militar portuguesa. Dous homes que nos meses que seguiron á Revolución de Abril xogaron papeis diverxentes sobre como tiña que ser o réxime nacente.

Non esquezamos que había apenas sete meses que o goberno dos Estados Unidos intervira en Chile dando pleno apoio á sublevación do exército contra a presidencia democrática de Salvador Allende. Despois de abril de 1974, cando a facción esquerdista resultaba hexemónica no MFA, Washington puxo as luces de emerxencia porque non podía aturar unha nova Cuba e, ademais, desta vez no continente europeo e nun país membro da OTAN (en xogo estaba a base de Lajes, nos Azores). E para iso, o presidente Gerald Ford –por consello do subdirector da CIA– nomeou a Frank Carlucci embaixador dos EE. UU. en Lisboa.

Imposibilitada unha solución á maneira Pinochet, Carlucci –con oitenta axentes de intelixencia brasileiros e co concurso imprescindible da RFA, con Helmut Schmidt (SPD) na chancelaría de Bonn– moveu ceo e terra para que o moderado Mário Soares –fronte ao pétreo e prosoviético Álvaro Cunhal– fose o vencedor das eleccións constituíntes de xuño de 1975. En paralelo, emerxeu –contra o PCP– un estraño PCTP/MRPP cunha propaganda e uns murais que ningún outro partido portugués era capaz de facer.

Desde o primeiro día da caída do Estado Novo, o conxunto de forzas democráticas (políticas e militares) foi consciente de que o imperio colonial estaba liquidado. Pero o risco, á vista da intervención norteamericana, era que tal inercia fose aproveitada para impulsar uns movementos independentistas nas illas Azores e na Madeira, teledirixidos desde Washington. E iso xa tocaba territorio da metrópole, polo que de forma inmediata lles foi concedida a autonomía rexional, un pecado gravísimo nun país tan unitarista como sempre foi Portugal.

No verán de 1975 había, pois, dúas lexitimidades: a da asemblea constituínte, con Mário Soares á fronte, e a do Consello da Revolución, guieiro do chamado “Proceso Revolucionario en Curso.” O país estivo ao borde da guerra civil. A mobilización da extrema esquerda e do chamado “Grupo dos Nove” a prol dun golpe militar comunista foi contestada por un contragolpe do sector democrático do MFA, liderado polo xeneral António Ramalho Eanes, elixido finalmente como o primeiro presidente democrático en xuño de 1976.

Suscríbete para seguir leyendo