Entrevista | Alberto Pombo Doutor en estudos lingüísticos e literarios

“Xa nos anos 50 se fixeron cancións con poemas de Rosalía”

"O bravú era un xénero que, dalgunha maneira, nos deu dignidade, permitiunos acceder a un universo moderno"

Alberto Pombo.

Alberto Pombo. / FdV

En "Verso e acorde. Relacións entre literatura galega e música pop (1950-2000)", libro editado por Xerais, Alberto Pombo mostra os resultados dunha interesantísima investigación sobre as relacións entre a literatura e mais a música galegas dende mediados do século pasado ata o inicio do presente.

–O percorrido de "Verso e acorde" abrangue dende 1950 ao 2000. Por que o acoutou entre estas dúas datas?

–Porque o libro se centra na música pop, e por música pop enténdese todo o que non é música erudita, culta. O pop xorde precisamente nos anos 50, a través da gravación e comercialización en vinilo, que permite a reprodución en guateques, festas…e iso tamén vai aparecendo a mediados desa década na cultura galega. E o de marcar o final no 2000, débese a que é cando se produce o cambio de formato; é dicir, cando os formatos deixan de ser físicos, e comeza a era dos soportes dixitais.

–A maioría dos cantores de Voces Ceibes musicaron letras de poetas galegos. De onde veu o achegamento: dos propios cantores aos poetas ou dos poetas aos cantores?

–Cando aparecen Voces Ceibes, ano 1968, tampouco hai un grande coñecemento respecto de todo o que se producira antes da Guerra Civil, coas Irmandandes da Fala. De maneira que, por un lado, hai unha reivindicación dos autores do século XIX (Rosalía, Curros, Pondal…) e, por outro, xérase un contacto interxeracional con poetas como Celso Emilio Ferreiro e Manuel María, nomeadamente. Dende outra perspectiva, Voces Ceibes nace coa referencia de Setze Juzges, do que xurdira a Nova Cançó Catalá, pero aquí, cando revisamos a nosa produción literaria, decatámonos de que era moito maior que a deles, porque hai que pensar que no caso de Voces Ceibes o propio nacemento hai que atribuílo tanto a músicos como a escritores. Velaí estaba, por exemplo, Alfredo Conde. Voces Ceibes xurdiu coa vocacion de musicalizar textos antigos e pasados coas músicas que se escoitaban daquela, coas músicas modernas.

–No seu momento, cantantes como Andrés do Barro, Xil Ríos, Ana Kiro ou mesmo Juan Pardo non foron ben vistos pola “progresía” da época, e seguramente fose lóxico. Pero, co paso do tempo, non cre que cos seus discos eles fixeron máis pola popularización do uso de galego que os mesmos Voces Ceibes?

–En moitos casos, as carraxes tiñan que ver cos textos literarios, o conflicto parte de aí. E así, acontecía que Juan Pardo podía musicar a quen lle petara, sen que o molestase a censura, en tanto que Voces Ceibes e outros non pasaban esa mesma censura. Por outra banda, si que houbo un debate moi forte, moi intenso, primeiro con Voces Ceibes e despois co que se chamou Nova Canción Galega. Todo iso reflicte o que dis, e retrata a falta de normalidade na música galega daquel período. Dende logo, os artistas que citas fixeron popular o uso do galego, en non só no noso marco xeografico senón, en casos como o de Andrés do Barro, chegando incluso aos hit parades dos 40 Principais.

"Juan Pardo gravou e publicou un dos discos máis importantes da música galega, "Miña nai dos dous mares""

–O primeiro disco de Do Barro estivo producido por Juan Pardo.

–Por suposto, e ademais mesmo Juan Pardo gravou e publicou un dos discos máis importantes da música galega, "Miña nai dos dous mares", cunha produción sonora nunca vista antes na nosa canción.

–De quen se pode dicir que foi/foron o(s) pioneiro en engadirlle á música galega a etiqueta “celta”?

–Pois ten nome e apelidos. Esa etiqueta creouna Nonito Pereira. Foi unha estratexia comercial deseñada por el, pensando no que había en común coas chamadas músicas atlánticas. Concretamente, Nonito utilizouna por primeira vez para referirse ao álbum "Fonte do araño" de Emilio Cao. E, logo, como ese disco tivo moita repercusión, abriuse unha porta pola que pasaron Luar na Lubre, Milladoiro…e así ata os nosos días.

–Ademais de Os Resentidos, en plena movida viguesa, vostede cre que habería que reivindicar e colocar no sitio que merecen os grupos do chamado bravú, incluso como referentes dos grupos de hoxe en día que utilizan o galego ?

–E que eu pertenzo a esa xeración! O bravú era un xénero que, dalgunha maneira, nos deu dignidade, permitiunos acceder a un universo moderno, contemporáneo, de vangarda, conectando con bandas como Mano Negra ou o propio Manu Chao. E ademais, e isto é básico, sen perder a esencia da nosa identidade. Hai que ter en conta que Xurxo Souto é unha das voces pioneiras de todo isto e foi quen conseguiu artellar, baixo a etiqueta bravú, un xantar que aglutinou moitos grupos galegos nunha altura na que non había wassaps nin internet.

–Mais o bravú non destacou pola súa relación coa literatura…

Non, claro, pero iso debeuse probablemente a que querían rachar co anterior para facer un produto diferente, e porque tamén indicaba unha certa naturalidade; eles creaban festas moi contemporáneas e vivenciais.

–Malia que houbo escepcións.

–Si, Os Xenreira musicaron a Ramón Cabanillas e Os Diplomáticos de Montealto a Celso Emilio Ferreiro, pero pouco máis.

"Foi o crítico musical Nonito Pereira quen "inventou" a etiqueta celta para o folk galego"

–A que cantautores destacaría Vd. como letristas ao longo do periodo que abrangue no libro?

–É que tampocuo me centrei neles, xa che digo. A miña investigación parte de textos literaios xa escritos. Pero, vaia, en 1968, por exemplo e dentro de Voces Ceibes, xa atopamos a Vicente Araguas. E se imos á contemporaneidade, atopamos bandas como Ataque Estampe (nutrida por un monllo de escritores.) Pero tamén encontramos a Mero (A Quenlla) ou a Eloi Caldeiro (Brath). De hoxendía podemos citar a Lucía Aldao, e iso sen falar doutras propostas poéticas que inclúen música, como poden ser as de Antía Otero, Rosalía Fernández ou Iolanda Castaño con Tender a man.

–Calificaría vostede a Amancio Prada como o cantor que deu a coñecer en toda España a figura literaria de Rosalía de Castro?

–Non, pero iso non quere dicir que lle quite méritos. Hai que ter en conta que nos anos 50 xa se lle poñía música a poemas de Rosalía, como foi o caso de Antoñita Moreno, que musicou “Negra Sombra”. Amancio Prada, dende logo, tamén a difundiu no circuíto español, pero no foi o primeiro. Moito antes, por certo, tamén o fixeran as corais .

–Pódese dicir que a canción de taberna é un xénero xenuinamente galego?

–A música de taberna está conectada coa música popular e, dentro dela, temos verdadeiras alfaias literarias. Trátase, o seu, dun repertorio popular puído, traballado, e sen dúbida literario.

–Hai quen fala con saudade dos tempos do vinilo e do CD pero, acaso a chegada de Internet foi o mellor que lle podía pasar ás cancions galegas para que fosen coñecidas en todo o mundo?

–As redes permiten a viralidade, a divulgación, facer chegar produtos locais nun panorama global, e iso é o que está a acontecer agora con Baiuca (que triunfa en Alemaña e Estados Unidos), con Tanxugueiras, etc...formas musicais galegas que adquiren toda a rotundidade e fan que a música galega sexa un fenómeno internacional, que non coñece limitacións nin fronteiras.

Suscríbete para seguir leyendo