Deporte

Atletismo épico

Polas soidades do corredor de fondo

Fotograma de "A soidade do corredor de fondo" (Tony Richardson, 1959).

Fotograma de "A soidade do corredor de fondo" (Tony Richardson, 1959). / Arquivo

A competición deportiva, dun ou doutro xeito, sempre acompañou a condición humana. Desde os concursos de caza ata o dominio de certos animais, pasando polo corte de toros ou o levantamento de pedras, como entre nós conservan os vascos. Os gregos foron os primeiros en organizar unha competición plural en Olimpia que, entre outras cousas, establecía unha pausa nas guerras. Un modelo continuado polos romanos, incluso co concurso de elementos mecánicos (velaí a célebre carreira de cuadrigas de Ben Hur).

Pero coa emerxencia da burguesía –reflexionaba Manuel Vázquez Montalbán en 1972–, esta procurou unha vía para acadar a gloria, reservada á aristocracia. E fíxoo grazas ao deporte, quer de maneira colectiva (co fútbol, por exemplo), quer individual, que non contemplaba a dimensión profesional. E foi desta maneira como se restauraron os Xogos Olímpicos en 1896, co principio de que o importante era participar, como estableceu o barón Pierre de Coubertin.

Entre as disciplinas deportivas individuais que non precisan ferramentas, o atletismo de carreira é a raíña. Desde a velocidade pura –ata os 400 metros– á resistencia, como serían os 5.000 e 10.000 metros en pista e a maratón (42,2 km) fóra dun estadio. Pero mentres nas disciplinas rápidas os velocistas teñen os adversarios á vista, nas distancias longas os atletas corren dalgún xeito contra eles mesmos. Máis aínda no caso da maratón, cando nas rúas non sempre hai público que anime. É o que se chama a soidade do corredor de fondo, expresión que en 1959 colleu Alan Silitoe para unha novela, levada ao cine tres anos despois por Tony Richardson: un preso, Colin Smith, pode optar á súa redención se corre deportivamente.

Maratón, proba raíña

O deporte de resistencia –pedestre ou mecánico– leva implícito un número limitado de eliminatorias, caso de que as houbese. Así, en atletismo solo hai unha carreira de maratón, que nas competicións de disciplinas plurais adoita ser a proba final, alén das de marcha. E os vencedores son sempre un dos reis dos campionatos.

O primeiro atleta que acadou a categoría de lenda nas distancias longas foi o finlandés Paavo Nurmi. Xa nos xogos de Anveres (1920) gañou tres medallas de ouro (10.000, campo a través individual e por equipos) e outra de prata (5.000). Despois de obter diversos récords mundiais, en París (1924) chegoulle a consagración: ouro en 1.500 e 5.000 (carreiras disputadas cunha diferenza de unha hora), campo a través (individual e equipos) e 3.000 (equipos). Malia a súa idade, nos xogos de Amsterdam (1928) aínda gañou dous ouros e unha prata. En 1932 foi excluído dos xogos de Los Ángeles por unha escura acusación de cobrar por unha carreira.

Atletismo
 épico | ARQUIVO

Emil Zátopek. / AP Photo

Na gloria dos elixidos sucedeulle, xa nos anos de recuperación da guerra mundial, Emil Zátopek, alcumado “a locomotora checa”. Nos xogos de Londres (1948) gañou un ouro e unha prata pero foi nos de Helsinki (1952) cando tocou o ceo, con ouro nos 5.000, 10.000 e maratón. Un atleta de lenda que porén, polo apoio dado a Alexander Dubcek, en 1968 foi expulsado do exército e do Partido Comunista e relegado ao ostracismo.

O atleta checo foi sucedido no podio de Melbourne (1956) polo ucraíno Vladimir Kuts nos 5.000 e nos 10.000. Estes triunfos fixeron que fose adoptado como símbolo dos éxitos da URSS fronte as campañas de boicot pola recente invasión soviética de Hungría.

Dominio africano

Finlandia dominou as competicións olímpicas en larga distancia en pista no período anterior á Segunda Guerra Mundial. Pero xa desde os xogos de Roma (1960) foron africanos os dominadores: os marroquís Brahim Bouhayeb, Khadid Skah, Said Aouita e Hicham El Guerrouj, o keniano Naftali Temu; os etíopes Haile Gebrselassie e Kenisha Bekele; ou somalí nacionalizado británico Mohamed Farah, dobre vencedor en 2012 e 2016. E na proba raíña, no maratón, desde Roma (1960), onde venceu o mítico etíope Abebe Bikila, o dominio africano resulta incontestable ata as recentes vitorias do keniano Eliud Kipchoge en Río de Xaneiro (20126) e Tokio (2020).

Na imaxe grande: Alejandro Gómez Cabral (1967-2021). Arriba: fotograma de A soidade do corredor de fondo (Tony Richardson, 1959). Abaixo:  Emil Zátopek.  | RICARDO GROBAS

Alejandro Gómez Cabral (1967-2021). / Ricardo Grobas

O galgo de Zamáns

A Federación Galega de Atletismo foi fundada en Vigo en 1921. Despois da disolución en federacións provinciais en 1958, foi restaurada en 1984. Na historia do atletismo galego, ata a recente aparición de Ana Peleteiro (gañadora entre outras probas dunha medalla de bronce en triplo salto nos Xogos de Tokio de 2020), o mellor atleta galego foi un fondista vigués, Alejandro Gómez Cabral (1967-2021), alcumado “o galgo de Zamáns”. Plusmarquista xuvenil español en diversas distancias, xa en categoría sénior foi campión de España de 10.000 metros en diversas ocasións. Participou na final dos en 5.000 nos Xogos de Seúl (1988) e nas de 10.000 en Barcelona (1992) e Atlanta (1996). Tamén tivo unha actuación salientable nos Campeonatos de Mundo de Tokio (1991) e no maratón dos europeos de Budapest (1998) e Múnich (2002). No cross europeo de 1995 gañou a medalla de ouro por equipos e a de prata individual. Tamén foi un salientable corredor de maratóns e medias maratóns (prata por equipos no mundial de 1996, Mallorca). Facía os seus adestramentos no Parque de Castrelos e a cidade de Vigo recoñeceu a súa traxectoria co nomeamento de “Vigués distinguido” en 2020. Un cancro fulminante rematou coa súa vida.

Suscríbete para seguir leyendo