Patrimonio

Paisaxes culturais da auga

A Ribeira Sacra, camiño de Patrimonio da Humanidade

Perspectiva dos Canóns do Sil e da Ribeira Sacra.

Perspectiva dos Canóns do Sil e da Ribeira Sacra. / Brais Lorenzo

Á segunda foi a vencida. O pasado día 5 de abril, o Consello do Patrimonio Histórico aprobou, desta vez si, a candidatura da Ribeira Sacra para formar parte do Patrimonio Mundial da Humanidade na categoría de paisaxe cultural. A proposta será presentada no ano próximo ante a Unesco, que a avaliará na seguinte reunión, en 2026.

A candidatura fora xa proposta, e aprazada estratexicamente, en 2020 logo do informe negativo do Iconos, órgano avaliador da Unesco, e agora renace reformulada e reforzada como Ribeira Sacra: paisaxe cultural da auga, tomando a auga como elemento vertebrador e enfatizando a relación entre o territorio e mais os seus poboadores.

A Ribeira Sacra está constituída por vinte e seis concellos do norte de Ourense e sur de Lugo. Foi en 1124 cando Dona Tareixa de Portugal outorgou ao abade Arnaldo e aos freires benedictinos un lugar chamado Riboira Sacrata (ou Roboira Sacrata) para fundar o que sería o mosteiro de Santa María de Montederramo. Moitos freires asentaron na zona, como demostran a multitude de igrexas, abadías e mosteiros que constitúen hoxe unha inmensa riqueza patrimonial entre a que destaca sobre todos o mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil, convertido en Parador Nacional.

Viticultura heroica

Impresionante beleza paisaxística, lentos meandros, vides cultivadas, carballos e castiñeiros, rochas de granito, mestura de especies atlánticas e mediterráneas, magnífico microclima… e auga, moita auga como elemento central. Auga que crea paisaxes naturais e culturais ao longo da historia. Porque a paisaxe da ribeira Sacra parte da auga, seguindo os cursos fluviais dos ríos Miño, Sil, Cabe e Bibei e sitúanos ante unha beleza natural de primeira orde, tendo como eixo central o Canón do Sil no tramo final do río, na confluencia co Miño. E a ambas beiras, ao longo de máis de trinta e cinco quilómetros, verdadeiras paredes de terreo que, lonxe de estaren descoidadas, amosan, polo contrario, unha paisaxe natural humanizada co que hoxe coñecemos como viticultura heroica, lugares imposibles inzados de viñedos que seguen a ser traballados de xeito manual, desafiando as leis da física. Viñedos que nos falan da historia do lugar, que nos retrotraen á época romana, pois foron eles os que implementaron alí o cultivo da uva. Ou que nos levan cara aos frades da Idade Media que, buscando un remanso de paz, asentaron nestas beiras e acabaron formando grandes mosteiros e cultivando uns viñedos que, grazas ás características da zona, produciron historicamente uns viños de excelente calidade.

Vendima heorica na Ribeira Sacra en Sober, Lugo.

Vendima heorica na Ribeira Sacra en Sober, Lugo. / Brais Lorenzo

Auga que foi aproveitada e dominada de moitas maneiras co paso do tempo e do que nos quedan boas mostras. O túnel de Montefurado, construído polos romanos na comarca de Quiroga, na procura de rentabilizar a extracción de ouro: furando o monte para desviar o río e secar o meandro; muíños dos Chancís, no río Xábrega, no concello de Sober, hoxe reconstruídos; sen esquecer as presas e embalses como os de Belesar e Os Peares no Miño e San Pedro e Santo Estevo no Sil, embalses feitos nos anos 60 en aras do progreso que, aínda que supuxeron innegablemente o aproveitamento hidroeléctrico da zona, tamén determinaron a destrución de vilas asulagadas pola auga; a máis famoso delas, Portomarín.

Riqueza etnográfica

E, arredor da auga, unha multitude de patrimonio cultural material e inmaterial que amosa a riqueza etnográfica da zona. Coma non, cultura fluvial, como as lanchas que podemos disfrutar no Ecomuseo de Arxeriz, en O Saviñao, na que destaca o barco de dornas, embarcación fluvial hoxe desaparecida feita con dous toros de castiñeiro ocos, chamados dornas ou dornos, que servían como flotadores, e da que o museo posúe o único exemplar orixinal conservado na actualidade; oleiros, con varios centros artesanais aínda en funcionamento; chocolate, coa casa Museo do Chocolate de Parada do Sil que salvagarda a actividade chocolateira da zona; lendas como as xacias de Chouzán, que namoraban os barqueiros e facían que non regresaran xamais; oficios tradicionais como as tecedeiras de Teixeira, afiadores e paragüeiros, barquilleiros,…;festas coma as das fachas ou fachós, ou a do Sábado longo, ou o folión de carros; gastronomía, … En definitiva, que sobran os motivos; agóra cómpre agardar a decisión final.

Suscríbete para seguir leyendo