Arte: exposicións

Encontros soñados

Néstor Goyanes no Museo de Artes do Gravado

Detalle da instalación "Cartas do mar".

Detalle da instalación "Cartas do mar". / Néstor Goyanes

O gravador arxentino Néstor Goyanes (Buenos Aires, 1960) presenta no Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira unha mostra do seu mundo creativo so o título de Soñar o encontro. Cartas ao mar.

A obra de Néstor Goyanes configúrase como un camiño que vai do sígnico ao alusivo. Nos seus traballos salienta notabelmente o peso do signo, da palabra, que está completamente inserida de maneira argumental na obra gráfica por medio de obras centradas tematicamente en evocar o diálogo dos inmigrantes coa súa terra orixinaria a través das cartas, dos sobres e das fotografías. O artista, que é descendente de galegos, con estes referentes crea un mundo emocional de recordos, saudades, dificultades e experiencias, un mundo en que nada desaparece de vez e que, na súa fragmentariedade, nos provoca estrañeza, consegue fixar a nosa atención e estimular a nosa emoción e a nosa lembranza.

Encontros
 soñados

"Libro de sobres". / Néstor Goyanes

A través de técnicas gráficas variadas, como a xilografía, a litografía, as colaxes, o stencil, o artista afonda nas súas vivencias máis auténticas e esenciais, nos seus recordos e a súa memoria profunda, que é tamén a nosa. Sentímonos mergullados nun mundo que nos transporta aos espazos máis agachados e radicais da nosa memoria íntima e colectiva, da nosa identidade de pobo emigrante e, ao tempo, enraizado no mundo orixinario. De aí esa intensa potencia que proxectan as obras, que remiten a pulsións profundas e ao mundo telúrico, a ese espazo íntimo e esencial que está no interior de toda realidade humana. Facendo uso de fotografías e servíndose dunha estratexia parcialmente apropiacionista, o traballo do artista desenvolve no ámbito da imaxe unha reflexión sobre a comunicación, co texto e a fotografía como axentes na comunicación e como esencia e coa identidade como un dos temas centrais do discurso estético.

Na imaxe grande: instalación Cartas do mar.  Á esquerda, Libro  de sobres.  Á dereita,Carta  de auga (litografía). |  FOTOS: NÉSTOR GOYANES

"Carta de auga" (litografía). / Néstor Goyanes

  • "Soñar o encontro. Cartas ao mar"

    Artista: Néstor Goyanes Comisariado: Xan Leira e Xoán Pastor Rodríguez Santamaría Local: Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Ribeira

Para esa finalidade, o camiño seguido polo artista arxentino fai resaltar a estreita ligazón entre o visual e mais o textual, dominando unha vontade de fusión das artes, de interacción creativa. Nestas obras ten cabida o poético, o saudoso ou mesmo un achegamento á problemática sociocultural do mundo en que nos tocou vivir. Nelas os fragmentos escritos, nomeadamente as cartas, e tamén as tipografías, funcionan como vectores que nos transportan mentalmente, de xeito que semella que o artista quere dirixir a nosa mente cara a un vieiro que as fotografías reafirman mais non determinan de xeito ríxido; en realidade o que fai é favorecer e estimular unha serie de posibilidades de lectura, abertas pero balizadas pola contundencia que dá a palabra como memoria. O texto, pois, presenta e axuda a configurar un mundo evidentemente evocativo, que ten como fondo unha concepción plástica baseada en ritmos sutís aínda que intensamente reflexivos, ritmos, por certo, que está presente na propia disposición gráfica e plástica das obras, penduradas nun número relevante a xeito de instalacións nas salas do museo.

Análise e reflexión

Desde o punto de vista argumental o traballo gráfico de Néstor Goyanes evidencia ligazóns con creadores moi diversos nacidos nas décadas dos sesenta e setenta para os que as imaxes de tensión co documento e o individuo como centro do discurso son ben frecuentes. De feito non poucos dos principais temas de interese de moitos artistas aparecen nestas creacións: a identidade; o tratamento do documento como motivo de reflexión conceptual e formal ou a ligazón coa cultura do cotián. Un abano de preocupacións que, desenvolvidos cunha indubidábel calidade formal e poética, constitúen as virtudes do traballo creativo agora presentado no Museo de Artes do Gravado de Ribeira.

Tamén cómpre salientar a memoria física, co apropiacionismo fotográfico e a presenza de persoas concretas, cos seus rostros e figuras. Na arte contemporánea son moitas posibilidades de afrontar este tipo de presenza como por exemplo: a presenza humana como lugar de actuación, como auténtico soporte artístico, cunha carga boa de denuncia (Zhang Huan); o corpo baixo a coacción, como problema, co suxeito indefenso (Mona Hatoum) ou como un sutil presenza (Helena Almeida). No traballo de gravado de Néstor Goyanes podemos percibir, con diferentes graos de intensidade, estas liñas de reflexión, mais sempre optando máis por acentuar visualmente a poeticidade, a sutileza, polo alento morno da vida, que se ben non exclúe a tensión, evita os aspectos de máis superficial e a explícita dramaticidade e acaba por crear unha tonalidade onde o melancólico ten un forte protagonismo.

O resultado é unha análise social e ao mesmo tempo autorreflexiva, de afondamento no coñecemento da propia identidade e da condición humana nunha altura histórica concreta, a nosa, que malia –ou quizais por– a intensa carga epocal, acaba por ser esencialmente universal.

Suscríbete para seguir leyendo