Libros

Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

Escrita contra o esquecemento

Viveiro na posguerra

Fabio Rivas

 Non é cousa nova que alguén pretenda aproximar os seus devanceiros cara á eternidade, conservar dalgún modo a súa historia e non permitir que o seu legado sexa tan só un acontecemento breve, circunstancial. No caso dos autores e autoras, a tarefa pode parecer sinxela: deixalo por escrito e confiar en que o devir teña a bondade de manter con vida as páxinas.

Este é o caso de Inés, a protagonista d’O legado da nena do sal, unha xornalista que, para cumprir coa promesa que fixo á nai antes da súa morte, decide perpetuala escribindo unha novela sobre a súa vida. Para levalo a cabo, apóiase nunha serie de cadernos manuscritos pola proxenitora, onde acabará por descubrir a súa infancia e os maltratos que sufriu durante a mocidade.

Elena Gallego Abad (Teruel, 1969) fai un debuxo moi pormenorizado da situación en que se atopaba Viveiro (así como calquera outra vila galega) durante o tempo de posguerra: a fame xeneralizada, as dificultades á hora da escolarización, o medo ou o silencio.Así e todo, bótanse en falta un par de arranxos que poderían enriquecer a novela. A primeira parte do libro estrutúrase entrelazando capítulos cunha narración homodiexética, os cadernos escritos por Carme, a nai de Inés, e outros cun narrador en terceira persoa que describen o que a protagonista sente a medida que coñece todo canto lle tocou vivir á nai. Descoñezo se estes cadernos existen ou non, pero o certo é que son verosímiles e pola súa sinxeleza e espontaneidade semella que poderían estar escritos por unha persoa de idade avanzada que rememora o seu pasado. Pola contra, poderiamos prescindir dos interludios de Inés, que interrompen un relato ben construído e áxil.

Unha vez rematada a lectura dos cadernos, Inés e o seu irmán viaxan a Viveiro para buscar testemuñas do acontecido. Aquí parece que se perde o fío da novela, pois o obxectivo que se nos anticipou, escribir unha haxiografía da nai, pasa a un segundo plano e a finalidade dos irmáns é agora dar cos restos do seu avó, un home fuxido durante a Guerra Civil, a pesar de non ser un dos meirandes eixes dos cadernos. Ademais, xorden outros frontes, pero non chegan a ningures. Mal que pese, quen moito enfeixa, pouco ata, e o resultado é que case todo o que descobren desde este punto ata o remate da novela é redundante e non fai máis que reafirmar o que xa viñan dicindo os cadernos de Carme. Se cadra, cunha peneira e unha nova estruturación teríamos diante o que, abofé, Gallego Abad buscaba cando escribía O legado da nena do sal: un bo recipiente onde acubillar a memoria familiar e, xa que logo, tamén a memoria histórica. Por último, cómpre salientar excelente traballo etnográfico da autora que, sen dúbida, é o máis rendible da novela.

Imagen

O legado da nena do sal

Autor: Elena Gallego Abad

Editorial: Xerais

PVP.: 20,83 €

Se as figuras falasen

A narrativa na arte medieval en Galicia

Lois Alcayde Dans

Nos nosos días o poder do símbolo transcende da mera materia reprodutiva. O poder da inferencia traspasou a linguaxe e o evidente está espellado nun prisma de dúbidas. A modernidade, coa súa horizontalidade, xa non semella unha liña do horizonte tan firme. Do clásico ao medievo houbo varias crises na mirada, houbo un profundo cambio entre a imitación e a representación, entre a fábula e a transcendencia cristiá. Como humanos, facemos uso da imaxe na ilusión da representatividade. Os soportes da imaxe, fora imitación clásica ou simboloxía medieval, trátese de cinema alemán do século XX ou K-Pop actual, son tamén un elemento esencial da propia mensaxe. A comunicación ten contido e a forma contén contido. Disto, e de moito máis, fálase con sobrada pericia e riqueza informativa en Bestiario en pedra: Animais fabulosos na arte medieval galega, un ensaio de Carlos López Bernárdez e Xosé Ramón Mariño Ferro que aborda a simboloxía medieval das pedras, as pedras que son narradoras nos ceos e muros de templos e lugares populares, as que emanan dos bestiarios e diversas fontes documentais que, neste libro, conseguen transcender do escritorio do estudoso para conformar un xeitoso volume editado por Laiovento.

Aquí os autores apostaron por xogar co binomio simboloxía-representación e se fai un xeito de grande enciclopedia de fantasía e case realidade. Unha fauna mítica con transcendencia relixiosa e, nalgúns casos, raíces que afondan na tradución pagá ou clásica.

Nas súas páxinas conviven harpías e anfisbenas coa naturalidade dun fermoso pórtico ou paisaxe. E aí radica parte do seu mérito. O texto, malia estar trufado de numerosas referencias, ten a sabedoría de facelas dosificadas e ordenadas, polo que o lector pode realizar unha peneira ben especializada, se se trata dun investigador medievalista ou dunha persoa que queira traballar nos estudos do noso medievo. Ou ben, non sendo ese o caso, pode entrar no libro como un amateur que quere aprender e enchouparse non só das referencias históricas, senón da viaxe por diversas localidades como Ribadavia, Ourense ou, no relativo á documentación dos Bestiarios, Grecia e Persoa. Sumado a isto, agradécese a riqueza coa que os autores nos brindan coas citas literarias, ás veces, anecdóticas respecto da recuperación da propia información, cando se trata de fontes das que sabemos ben pouco ou nada respecto da súa vida, caso frecuente nas máis clásicas e remotas.

Imagen

Bestiario en pedra

Autores: Carlos L. Bernárdez e X. R. Mariño Ferro

Editorial: Laiovento

PVP.: 28,45 €

Infancia, violino, lingua

Magnífico testemuño

María Navarro

No álbum ilustrado sobre Luísa Villalta que Beatriz Maceda e Eli Ríos veñen de asinar, e no que participa Laura Álvarez achegando a animación plástica, poderanse atopar as claves da vida e da obra da homenaxeada nas Letras Galegas de 2024. No percorrido acompáñanos Alma, personaxe saída do violino da coruñesa e boa coñecedora do seu pensamento e da traxectoria trazada ao longo da súa existencia e que ao final nos convida a ceibar as palabras e continuar a historia para que sexamos quen de abrir o futuro da lingua, da cultura e do país.

Unha verba abre o capítulo: infancia, violino, lingua, A Coruña, Galiza, silencio, compromiso, escrita, cidade, muller e Alma. Presentan momentos, retallos, espazos, sentimentos, emocións, desexos que levaron a Luísa Villalta a actuar nun ou noutro sentido, a tomar unha ou outra dirección guiada case sempre pola obriga contraída coa vida e que o lectorado percibe en forma de poema, narración, peza teatral, ensaio ou sons que entoan queixas e lamentos, que lanzan denuncias e protestas ou que practica o silencio para que ela fale.

As referencias que aparecen no volume foron tiradas polas autoras das obras de escritora e serven para que reparemos na importancia que acadan determinados espazos, persoas ou mesmo decisións no desenvolvemento da cultura dun país ou no proceso de construción da súa identidade, de aí que poñan o acento na intención de Luísa de manifestar a súa querenza polos nomes dos lugares que habitamos, pola memoria, por transmitir o seu alumnado a necesidade de preservar o patrimonio, de proclamar o seu compromiso de construír un mundo mellor. O seu legado convértese nun magnífico testemuño da vitalidade da nosa lingua, da nosa literatura, da nosa cultura e a nós correspóndenos recollelo, transmitilo e disfrutalo.

Imagen

Luísa Villalta, alma de violino

Autor: Beatriz Maceda e Eli Ríos

Editorial: Xerais

PVP.: 14,72 €

Toca peneirar

Nas posibilidades da linguaxe

Héitor Mera

Sabéndomos da formación clásica de Ana Ramil, esperabamos de entrada un formalismo e rigor culturalista en Aquiles e a bágoa que, en certa medida aparece; porén, non da maneira que puideramos pensar. Ramil non se deixa levar dun xeito evidente polas formas clásicas aínda que no sustrato do poemario todo ese coñecemento está aí. Agora ben, segue no fundamental preceptos dunha lírica máis actual canto ao que se nos presenta con máis frecuencia na poesía contemporánea.

Trátae, Aquiles…, dun poemario que amosa un encadeamento de imaxes e metáforas que poñen a proba a capacidade creativa da autora. Esas imaxes concaténanse unha tras doutra como un río que impacta o lector pola cantidade inxente, polo non parar dos poemas longos e non necesariamente cohesionados. Dicimos isto porque esas imaxes vanse expoñendo cun punto de entalamento evocador, unha detrás doutra, mais sen un nexo que as leve da man cara a un todo máis nítido. É como se os poemas de maior extensión, artellados en arte maior e verso libre non acabasen de adherirse nunha mensaxe común; van a retallos, postos os uns detrás dos outros non sendo nalgún poema claramente identificado como elexía no que non hai volta. É máis, téndomos isto en conta, destaco os poemas pequenos que vai intercalando (algún pareado, tríades, fundamentalmente, e estrofas de catro versos) pois na súa brevidade e sincretismo loce máis esa capacidade metafórica e imaxinista de Ana Ramil.

Aquiles… xorde, entón como unha obra que serve para a reflexión sobre certos aspectos que preocupan á autora. O paso do tempo, o amor, a homenaxe á xente querida… É a intención evocadora para un mundo propio necesitado de ser compartido. Coido que Ramil ten a capacidade de aproveitar as posibilidades todas da linguaxe poética para facelo. Hai momentos que realmente son fantásticos poeticamente falando. Agora ben, esta virtude fai que non precise demasiado percorrido. Con moi poucas palabras é quen de facernos chegar ese ricaz mundo lírico. Escolleu o camiño contrario. Xa que logo, lector, toca peneirar.

Imagen

Aquiles e a bágoa

Autor: Ana Ramil

Editorial: Tambo

PVP.: 14 €

Suscríbete para seguir leyendo