Ciencias sociais

Pola liberdade e a igualdade

Sobre o feminismo (I)

Monumento á Convención de Seneca Falls (1848).

Monumento á Convención de Seneca Falls (1848). / Arquivo

Alfredo Iglesias Diéguez

As mulleres foron ao longo da historia precapitalista raíñas, abadesas, escritoras, pintoras, científicas...; porén, do mesmo xeito que o capitalismo produciu o racismo como un discurso de dominación dos corpos “non-brancos”, reconfigurou o tradicional patriarcado postneolítico para adaptalo ás novas necesidades: velaí está o xurdimento da caza de bruxas, como unha estratexia de eliminación das mulleres sabias e ceibes, como ten sinalado Silvia Federicci, e de adoutrinamento pola vía do terror e da submisión aos ditados da Igrexa da “perfecta casada”, que describía frei Luis de León no ano 1584.

Fronte ao discurso da desigualdade, no que salientaron filósofos como Rousseau, que insistiron en que a muller era posuidora duns atributos (sensibilidade, instinto maternal, carácter emocional...) que a facían inferior ao home, que posuía, da súa parte, outros superiores (racionalidade, fortaleza...), as mulleres loitaron por conquistaren para elas a mesma liberdade e igualdade que os “homes brancos e ricos” adquiriron para si mesmos.Neste contexto de forte hostilidade contra as mulleres e os corpos “non-brancos”, que caracterizou as revolucións liberais burguesas, as mulleres teceron alianzas coas mulleres obreiras -e co movemento obreiro en xeral- e coa poboación afrodescendente, sumándose á loita pola abolición da escravitude.

Olympe de Gouges e a igualdade das mulleres

O 3 de novembro de 1793 era executada na guillotina unha das principais figuras da Revolución francesa: Olympe de Gouges, unha muller que, baseándose na súa propia experiencia vital e nas experiencias das súas semellantes (esposas, mulleres de letras, polemistas da cidade de París e, en xeral, todas aquelas comprometidas coa Revolución), reivindicou a plena igualdade, xurídica e civil, entre homes e mulleres. Velaí a súa radicalidade fundadora da primeira vaga feminista.

Pola liberdade e a 
igualdade

Olympe de Gougues. / Arquivo

Efectivamente, nun contexto no que a Asemblea Nacional francesa aprobaba o 26 de agosto de 1789 a Declaración de dereitos do home e o cidadán, que excluía definitivamente as mulleres da cidadanía, Olympe de Gouges representaba a todas aquelas que se organizaron e loitaron pola liberdade e a igualdade. Nese sentido, cando de Gouges publicou a Declaración de dereitos da muller e da cidadá o 14 de setembro de 1791, na que reclamaba para a muller os mesmos dereitos que a Declaración de dereitos do home e do cidadán recoñecía exclusivamente para o home, estaba asumindo as reclamacións que as mulleres xa presentaran nunha petición dirixida ao rei o 1 de xaneiro de 1789: o dereito á instrución, á igualdade de dereitos no matrimonio, a medidas legais contra a dobre moral, o libre acceso a todos os oficios (incluído o militar) e garantías de igualdade laboral.

Non obstante, o mundo que se estaba a construír durante a Revolución francesa era profundamente hostil á igualdade e á liberdade das mulleres, razón pola que o Código civil napoleónico codificou a súa exclusión da cidadanía, negándolles o dereito a administrar a súa propia fortuna, a fixar un domicilio propio ou a abandonar esoutro familiar, a exercer a patria potestade, a manter unha profesión ou a empregarse (para o que precisaban do permiso do pai ou do home)...

Monumento á Convención de Seneca Falls (1848). De esquerda a dereita: Lucretia Mott, Flore Tristan e Olympe  de Gougues. |  FOTOS: ARQUIVO

Flore Tristan. / Arquivo

Flora Tristán e a muller traballadora branca

Na volta dos anos 1830 comezaba organizarse o movemento obreiro en Europa e América, tarefa na que salientou Flora Tristan, a muller que xa en 1839 deixara constancia das súas agudas observacións sobre o proletariado inglés no libro Paseos por Londres. Efectivamente, Flora Tristan foi quen de articular un pensamento teórico relevante no manifesto A unión obreira (1843), no que establecía como condición indispensable para o seu éxito a indisoluble unidade de acción da loita pola emancipación da muller -a muller explotada como muller e como traballadora, velaí a dobre explotación -, e mais a abolición da escravitude asalariada -a fin da explotación capitalista-, animando o proletariado a organizarse para loitar polos seus intereses de clase e polo internacionalismo proletario.

Pola liberdade e a 
igualdade

Lucretia Mott. / Arquivo

A convención de Seneca Falls

En 1840 coincidiron na convención mundial contra a escravitude, celebrada en Londres, Lucretia Mott, que acudía como delegada da Sociedade Antiescravista Americana -da que fora unha das fundadoras en 1833-, e Elizabeth Cady Stanton, que acudía en representación do líder abolicionista Henry Stanton. A coincidencia desas dúas abolicionistas e o feito de ser discriminadas como mulleres polos organizadores desa convención animounas a organizar un acto de carácter público no que analizar a situación da muller no eido social, económico, político, relixioso e cultural, unha reunión que tivo lugar en Seneca Falls (Nova York) en 1848 e á que asistiron preto de 300 persoas, a maioría mulleres burguesas, pero tamén obreiras (Charlotte Woodward) e homes, como o abolicionista negro Frederick Douglass.

Alí, a maioría das delegadas asinaron a Declaración de sentimentos, un documento no que se sostén que a inferioridade da muller deriva da desigualdade fronte ao matrimonio, polo que se revolve esixir a igualdade legal da muller fronte ao home, o dereito a dispor de propiedades, a igualdade de oportunidades educativas e laborais e mais o dereito ao voto, polo que estamos ante un texto fundamental na toma de conciencia da igualdade civil da muller que marcará a nova andaina na loita pola igualdade.

Suscríbete para seguir leyendo