Teatro

Iribarne Unchained

Na festa da farsa

"Iribarne", pola compañía ButacaZero (2023).

"Iribarne", pola compañía ButacaZero (2023). / Geraldine Leloutre

Manuel F. Vieites

Nas páxinas primeiras deste volume, titulado Iribarne e publicado por Positivas, hai una advertencia sobre o carácter da peza. Afírmase que “non é un biopic sobre Manuel Fraga, o que non é de estrañar tendo en conta que o termo refire una película biográfica, ao vir o “pic” de “motion picture”. Pero pode haber dramas bio-grafados ou “biodramas”, xénero moi actual na creación literaria contemporánea, e por iso Iribarne sería unha “biofarsa”. A tal advertencia tamén nos serve para sinalar que isto non é unha crítica do espectáculo homónimo que estreou en 2023 a compañía ButacaZero, con dirección de Xavier Castiñeira, e anda agora polos teatros. Isto é unha recensión do texto do que é autora Esther F. Carrodeguas.

Imagen

Iribarne

Autor: Esther Carrodeguas

Editorial: Positivas

PVP.: 15 €

Nº de páxinas: 250

Ao longo de duascentas cincuenta páxinas faise un percorrido por algunhas das etapas máis importantes na vida do político galego, desde o momento en que seu pai e súa nai chegan a Vilalba, onde nace, ata os seus últimos días de actividade pública, refuxiado no Senado despois das eleccións de 2005, cando se conforma en Galicia un goberno bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño. A trama organízase en tres grandes episodios titulados “Chapa e pintura”, “Yo me transfolmo” e “O imperio”. Cada un contén un elevado número de escenas para recrear diferentes momentos na traxectoria pública dun político que comezou a súa carreira nos gobernos da ditadura de Franco, nos que quixo cambiar algunhas cousas, participou na reforma política tentando transformarse e sobrepoñendo unhas ideas sobre outras (ou non tanto), e finalmente volveu a Galicia, ocupando a Presidencia da Xunta durante quince anos.

Polifonía

No texto van aparecendo unha manchea de personaxes, a veces de forma coral, e colle moita relevancia a voz dunha Corifea, tamén Coreuta, que desempeña o rol de narradora de mirada omnisciente. Esta actúa como mestra de cerimonias dun texto concibido como polifonía, e no que resultan importantes os xogos coa tipografía, como naqueles poemas futuristas e dadaístas onde a impresión da palabra no papel era un indicativo do modo en que quería ser lida ou dita, sen esquecer a dimensión artística de tales xogos, que se complementan con imaxes alusivas a determinadas feitos históricos.

O que se nos ofrece é un retrato irreverente e desapiadado dun personaxe histórico, dono dun carácter intempestivo, acelerado e autoritario, e dos seus cambios de dirección para aproveitar cada circunstancia en proveito propio, e satisfacer así o seu degoiro de poder e proxección pública. Secasí, na súa propia acción oral a Corifea tamén nos fará ver que o desexo de poder e mando é unha pulsión que compartimos os seres humanos, con independencia das nosas posicións políticas. No retrato do Iribarne domina a súa teima en ser o centro de todo, ou, utilizando palabras que se repiten no texto, “por ser o pu*o amo” (quen non?). Polo texto transitan e aboian moitos personaxes históricos, e nalgún momento lémbranse figuras como Julián Grimau, fusilado en 1963, ou Enrique Ruano Casanova, estudante que morreu en 1969 estando detido nunha Comisaría, ao “caer” por unha fiestra, supostamente “suicidado”.

Sinala a autora no adral do texto que moita xente lle ten preguntado polos motivos de sacar a Fraga da tumba, e mesmo insta o lector a pedir de volta o importe do libro se é que non atopa resposta. Razóns pode haber moitas, entre elas a de revelar a natureza verdadeira dos partidos que fundou o personaxe, coa súa forte vocación franquista; considerar por que os galegos seguimos dicindo que chove cando mexan por nós; facer unha crítica mordaz dos tempos da Transición e do pouco que se fixo e se logrou naquel proceso protagonizado, na súa lectura, por xente covarde, ou queixarse de que despois de tanto tempo sigan mandando os de sempre, e destaco OS (masculino). Claro que tamén cabería preguntar o que fixo a súa xeración, aquela que ía asaltar todos os ceos hai case dez anos. Pois aquí seguimos, nas mesmas. En todo caso, paga a pena ler o libro e ver o espectáculo. Moi recomendables.

Gramsci

Hai anos, nun curso sobre escrita dramática que impartiu en Compostela, José Sanchis Sinisterra sinalaba a importancia de fuxir do trazo groso na construción de determinados personaxes, para evitar convertelos en caricaturas, o que impide mostrar a súa natureza verdadeira, e as súas moitas caretas e argucias. Velaí o traballo magnífico e cheo de matices do actor Bruno Ganz no filme Der Untergang. Fraga neste texto semella fantoche, boneco, autómata e home de palla, e non se calibran as causas da súa dominación e da nosa submisión, das que tan ben escribiu Antón Gramsci. Ao estar concibido como unha farsa grotesca e delirante, o texto ofrece unha visión paródica da realidade, denunciando a negrume dun franquismo que persiste, usando todo tipo de lemas, proclamas e frases feitas, pero non afonda nas razóns polas que personaxes como o que retrata, e outros moitos coma el, seguen gañando eleccións ano tras ano, mandando e dispoñendo nas nosas vidas. Hai máis dun século, rexionalistas como Manuel Lugrís Freire, republicanos como Antón Vilar Ponte ou socialistas como Xesús San Luís Romero denunciaron o caciquismo como o mal endémico do país. E nesas andamos. Unhas veces rindo, as máis chorando.

Suscríbete para seguir leyendo