Entrevista | Perfecto Conde Xornalista

“Don Paco era un sabio en todo, tamén en saber vivir”

Perfecto Conde, na súa casa.

Perfecto Conde, na súa casa. / Xoán Álvarez

Mantidas durante a primavera do 2008, e publicadas por primeira vez dez anos despois, o resultado destas conversas representa un verdadeiro testamento cultural e político do que pensaba e do que representou don Paco del Riego ao longo da súa vida, un testemuño onde ispe a súa alma e estrulla os miolos para transmitir todo o que sabía, pensaba e sentía sobre Galicia. Un libro sincero e auténtico, espontáneo, onde o entrevistado achega informacións históricas de gran valía e que de certo resultarán de moito interese

–Hai moitos tipos de libros de conversas. Cal era a súa intención cando lle propuxo a D. Paco facer este volume e ata que punto coida Vde. que cumpriu as expectativas que tiña postas nel?

–Dende o ano 1972, cando puxemos a andar a Gran Enciclopedia Gallega, mantiven unha boa relación persoal con el, aínda que con longas tempadas sen vernos, pola miña emigración a Madrid en 1984, e sabía ben que a vida de don Paco era a dun home que vivira moi intensamente no mundo que lle tocou habitar. Parecíame que se debía documentar esa singularidade, expresándoa no contido dun libro. Estas expectativas coido que se cumpriron satisfactoriamente.

–Algo conta Vde. no prólogo, pero quixera que se extendera nas razóns polas que tardou dez anos en publicar o libro, cousa que hoxe soa moi estraño.

–Pois non houbo nada de estraño. Ese retraso debeuse, única e exclusivamente, a un certo desleixo meu, algo de nugalla inxustificable, no momento de repasar a tempo as moitas horas de conversación gravadas no ano 2008. Tamén a unha incorrecta valoración inicial, pola miña parte, do contido das temáticas tratadas, ata o punto de que rexeitei daquela a proposta que me fixo un editor para publicar o libro. Dez anos máis tarde, unha revisión de todo o material gravado reveloume que eu estaba errado. Que, en realidade, Del Riego deixárame un prezadísimo agasallo: o seu verdadeiro testamento cultural e político máis íntimo.

–Don Paco morreu dous anos despois de que remataran esas conversas. Nese tempo, nunca lle preguntou a Vde. por que non saía o libro?

–Nunca. Nese tempo volvemos vernos moi poucas veces e, ademais, el xa se tiña expresado moi claramente ao respecto cando me dixo que me daba total liberdade para tratar a difusión das nosas conversas como mellor me parecese.

–O entrevistador adoita notar, aínda que sexa psicoloxicamente, se o entrevistado é sincero ou se as súas respostas son para “cubrir o expediente”. Vde. defende no prólogo que el foi sincero. En que o notou?

–Pola transparencia da súa ollada, o seu xeito de falarme con convición, a dedicación extrema que lle prestou ás nosas conversas, que tiveron lugar na súa casa de Vigo, sucedidas sempre por un distendido xantar no que os dous gozabamos aprezando os nosos gustos pola boa comida, o viño, os whiskies e mais os habanos. Don Paco era un sabio en todo, tamén no saber vivir.

"Foi un grande, dos máis grandes, pero tamén tiña moito de obreiro profundamente concienciado"

–El sempre se negou a escribir unha autobiografía. Coida que se decatou de que este libro podería pasar por unha autobiografía?

–Seguramente e, se cadra, por iso lle prestou tanta atención e sinceridade ás nosas conversas. Pero a min nunca me dixo nada no tocante a isto.

–Tamen di Vde. que non eludiu ningún tema pero, apreciou qué asuntos lle molestaban das súas preguntas, de que temas tiña máis ganas de falar e de cales menos?

–Non é que lle doera falar de certas cousas, senón que seguramente lle producía certo rubor expresarse sobre elas. Tamén que quería observar discreción e respecto porque se trataba, en case todos os casos, de persoas que el tratara e das que fora amigo ao longo da súa vida. Se cadra, ese é o caso de Álvaro Cunqueiro, do que non dubido que podería contarme moitas máis cosas das que me contou.

–Hai algúns persoeiros que non saen precisamente moi ben parados nestas conversas: por exemplo, Carlos Casares na súa xestión na dirección de Galaxia. Sorprendeulle que dixera del que era pouco menos que un lacazán?

–O que me dixo de Casares non me sorprendeu en absoluto. Por outra parte, eu non estaba facendo este libro para levar sorpresas persoais, senón para reflectir o que me contaba un dos personaxes máis importantes da cultura galega.

–Tamén afirmou que Torrente Ballester era moi superior a Cela ou que María Mariño non merecía, nin de broma, que se lle dedicase un Día das Letras Galegas…Don Paco sentíase naquela altura moi liberado, non?

–Non coido que iso fose unha liberación súa de ninguna clase, senón o libre e puro exercizo duha análise crítica sobre diversos temas.

–Tamén se sentía nomeadamente doído por algo ou por/con alguén?

–Ao meu ver, non era tanto iso como unha vontade de esclarecer feitos, circunstancias e comportamentos. Aínda que considero que nalgún caso –poucos, dende logo– puido haber algo de enragement ou de insatisfacción no tratamento que lles otorgou a determinados personaxes.

–A día de hoxe, qué preguntas coida Vde. que lle quedaron no tinteiro, esas preguntas que lle debería terfeito e que non llas fixo?

–Gustaríame que aínda seguise vivo e preguntaríalle cando podiamos volver xuntarnos para comer, beber unha botella de Terras Gauda, tomar un Ballantine´s e fumar cadanseu Montecristo.

–Ademais das citadas, cales son as respostas que máis o sorprenderon?

–No sentido de goce e satisfacción intelectual, sorprendoume todo o que me contou Paco del Riego porque era o compendio do testemuño vital dun home que sempre viviu no epicentro da cultura galega e que sempre andou atento ao gran devir universal. Xa tiña 95 anos cando mantivemos as conversas, e, polo tanto, tamén me sorprendeu enormemente o ímpeto e mais a enerxía, case xuvenil, que conservaba.

–O que asombra é que hoxe en día Fernández Del Riego aínda segue a ser un descoñecido Era un grande ou un obreiro da cultura galega? Como o definiría?

–Era un grande, moi grande, dos máis grandes. Pero tamén tiña moito de obreiro profundamente concienciado polo eido da cultura, da política e da historia da súa terra. Entre otras moitas cousas, don Paco era un gran traballador. No tocante a que siga sendo un descoñecido, coido que tampouco o é tanto. Teñamos en conta que Del Riego non era un futbolista nin un arremedo de Bruce Springsteen.

Suscríbete para seguir leyendo