Ítaca exprés

Ítaca exprés

Ítaca exprés

Carmen Villar

Carmen Villar

Poderá dicirse do corazón que é coma unha desas máquinas que teñen unha vida útil, nas que a existencia se mide polo número de lavados, de fotocopias, ou de versos, caso dos poetas? Se un corazón bate 90 veces por minuto gastarase antes ca un que vaia a 45 rpm?

Hai corazóns que queren correr, sobre todo os acabados de estrear. Na infancia non daba chegado a maioría de idade en que iamos ser libres e facer o que quixésemos. Acelerabamos impacientes para chocarmos contra o futuro cos ollos pechados.

Para os mozos a terra xira lenta de máis. Xa non lles vale esa shakespeariana ecuación do ruído e da furia que tan ben lle sentou á reputación de Faulkner. Sen renunciar ao da furia, son máis de rapidez, coma eses filmes que confunden argumento e persecución constante, ata o extremo de que nada acontece, agás xente que corre.

Hoxe somos, en xeral, e case por definición, xente que corre. Facémolo todos, andamos dun lado para outro escabezados, pensando sempre no seguinte trámite que completar, porque a vida é coma as proezas de Hércules e sempre se ergue un novo valado tras o valado que acabamos de superar.

Pero as novas xeracións teñen aínda máis présa, unha voluntaria, e iso de viviren rápido lévano a outro terreo, o do pé da letra: querer vivir e vivir novos, VIVIR. Por que ler un libro se na rede aparece un resumo? Por que informarse cunha noticia se abonda cun chío? Por que contemplar un filme de tres horas cando basta un clic para acceder a un vídeo de TikTok que ademais amosa algunha desatinada teoría de xeito tan fugaz que non dá tempo a desmentila?

Cando as xeneracións FF –fast forward– se atreven cunha película ou cunha serie, a urxencia íspese de metáforas. O mandamento é optimizar e os reprodutores ou plataformas consíntennos o capricho: chega con premer unha tecla para que todo vaia máis lixeiro. E así vai discorrendo a existencia a 1,5x ou a 2x. 60 anos en 30.

Nese camiño polo lado rápido, que non salvaxe, da vida, pérdense as sutilezas e só queda o que resalta, o trazo groso, o tópico, o bulo que gaña en gústames. Esa présa deixa vítimas ao seu paso. A primeira é a atención coa que merecería o mundo que o ollasen para non perder o pétalo que esvara da flor da cerdeira derrotado pola primavera ou a lagartiña que asoma na sebe para degustar o sol e que fica, ela si, minutos enteiros a desfrutar da luz sen se mover. Porque o repouso é un valor, aínda que non estea de moda.

Corren, porque tamén eles corren, tempos nos que o que importa non é a viaxe a Ítaca, senón chegar a terra canto antes e, despois dunha ollada superficial e de facer o selfie que demostre que estivemos alí, buscar unha nova illa. Iso si, con wifi.

Suscríbete para seguir leyendo