A miña experiencia cos libros de Roald Dahl

Roald Dahl, nunha imaxe de arquivo e nunha ilustración de Tassies

Roald Dahl, nunha imaxe de arquivo e nunha ilustración de Tassies

Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Vaia rebumbio que se está a formar arredor da reescrita das obras de Roald Dahl co obxectivo de cambiar a linguaxe ofensiva e facela máis inclusiva. Os editores do escritor, falecido en 1990, decidiron substituír algunhas palabras, certas expresións e, mesmo, eliminar ou engadir frases para actualizar os textos á sensibilidade contemporánea e protexer os lectores infantís.

Protexer?, pregúntome eu. Non será, talvez, adaptalos a certos intereses ou realidades actuais para que se sigan vendendo?

Non vou entrar de momento no asunto. Antes ben, vou evocar aquí a figura literaria (ollo, non me vou referir á súa vida persoal e ás súas tinguiduras de antisemitismo ou racismo que o definiron) dun escritor que fixo moi felices a xeracións de lectores e lectoras de todo o mundo.

A miña experiencia cos libros do autor de Gales foi (e será sempre) marabillosa. Dende as súas novelas contribuíu, sen ningunha dúbida, a facer da lectura algo gozoso e necesario. É o creador dun universo único onde a aventura e a irreverencia están sempre presentes. Non falo por falar. Levei a Roald Dahl ás aulas dende os anos oitenta con indubidable éxito. Os nenos e as nenas quitábanse das mans os diferentes volumes que había na biblioteca, porque os seus textos estaban sempre da súa parte. Alumnado de todas as idades desfrutaba de historias ben contadas, das tramas delirantes, dos seus terribles personaxes e entendían -ás veces da miña man, debo confesar- o desexo de provocar o lectorado e, ao tempo, noutro rexistro dentro do mesmo libro, de expresar unha tenrura que a rapazada asimilaba moi ben. Eran as súas obras un cúmulo de emocións, coas que xogaba maxistralmente en cada un dos seus libros.

Lembro concretamente o título Cuentos en verso para niños perversos, nos que o autor xogaba, nun exercicio de cruel e de humorística ironía, cos contos tradicionais e retorcéndoos en versos coma este: “Estando una mañana haciendo el bobo/ le entró un hambre espantosa al Señor Lobo,/ así que, para echarse algo a la muela, /se fue corriendo a casa de la Abuela./ “Puedo pasar, Señora’”, preguntó… Así comeza Carapuchiña vermella e o lobo. O nenos e as nenas escachaban coa risa e a aula estralaba feliz.

Na miña casa, coma nas aulas, os meus fillos adoptaron como deles a Roald Dahl. Buscaban os seus libros na biblioteca e nós oïámolos rir detrás da porta. E non eran só Charlie y la fábrica de chocolate ou James y el melocotón gigante. Non. Liamos todo Dahl e comentabámolo. Gozaban con Los Cretinos, personaxes noxentos, odiosos que non deixaban vivir a ninguén ao seu redor. Con La maravillosa medicina de Jorge esmendrellábanse malia certa violencia que contiñan as aventuras do protagonista. El Superzorro fíxoos vivir o humor e a tenrura nunhas páxinas modélicas literariamente. E que dicir de Agu Trot, unha tenra e enxeñosa historia de amor na que se ven envoltas dúas persoas maduras e 140 tartarugas. Humor, tenrura, ironía, surrealismo, entre outros elementos sustentan a obra dun clásico entre os clásicos da literatura para todos.

Pregunteille ao meu fillo Antón, hoxe xa catedrático da Universidade de Tennessee e gran lector, o que sentía cando lía a Roald Dahl. E contoume encantado que ría moito pero que, ás veces, nalgunhas pasaxes lle caían as bágoas e que, sobre todo, ler a Dahl lle supuña non querer deixalo nin cando o libro remataba. Leu/leron toda a súa obra e a lectura foi unha das portas da entrada non só na literatura infantil, senón na literatura en xeral. E engade que “entrar no seu universo literario supuxo acceder ao mundo a través dunha óptica diferente, humorística, tenra, ocorrente, violenta e compasiva á vez”. Remata dicindo que calquera neno ou nena que, coma el, teña a oportunidade de lelo cando se está formando, se achegará ao mundo dende unha perspectiva nova e inmensamente máis rica.

Roald Dahl

Roald Dahl / IAN SWIFT

Eu son un enorme admirador de Roald Dahl. E as modificacións que se propoñen parécenme unha censura inadmisible e ridícula e fai do politicamente correcto algo absurdo. As obras están escritas nun tempo determinado. Son fillas dese tempo e penso que non se deben tocar. Non se pode distorsionar uns textos de alguén que os escribiu nunha determinada situación en plena consciencia literaria. Sería inaceptable escribir o mesmo hoxe. Pero Roald Dahl escribiu o que escribiu e punto. Se non o queres ler, non o leas, nin o prescribas, mais para min a literatura non se toca. Pode contextualizarse, iso si, ou explicarse se cadra. Nada máis. E algo non me gusta porque ole a mercado e non á protección da nenez. Non quero pensar mal. A literatura debe estar libre de censura e de corrección política, ademais de rexeitar a autocensura.

E remato facendo alusión ao manifesto no que a OEPLI-IBBY España advirte da autocensura que o politicamente correcto comporta e afirma que “estas prácticas de censura ideolóxica e a autocorrección, que inducen en ocasións a eliminar o non mostrar e noutros casos a integrar temas tendencia, instrumentalizan a literatura, empobrecen a oferta editorial e van en detrimento do risco, da diversidade, da liberdade artística e do espírito crítico”.

Como colofón, fago miñas as palabras de Jella Lepman: “Os nenos precisan libros que sexan espellos e libros que sexan fiestras”.    

Como os do noso Roald Dahl.

Suscríbete para seguir leyendo