Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Xosé Manuel Budiño Músico

“O meu estado de confort está no inesperado”

O artista de Moaña ofrece hoxe en Ourense o segundo concerto da xira do seudisco, “Branca Vela”, no que se rodea de amigos como Guadí Galego, Leilía, De Vacas o Xacarandaina para revisitar os seus inicios

O músico Xosé Manuel Budiño.

O músico Xosé Manuel Budiño. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

– Lanza agora en formato físico o disco “Branca Vela”, un ano despois de presentalo en dixital, a que se debe esta estratexia e como vai indo a acollida a este novo traballo?

 – Normalmente primeiro sacas o disco físico e logo tes que empezar a xirar, pero quixemos darlle unha volta: probamos a sacar o disco dixital e inverter todo o que poderamos nesa parte audiovisual, onde fixemos catro vídeos – cada un plantexado como un mundo diferente, coa gran inversión que supón contar con equipos de guionistas, actores, cámaras, produtores, persoal de maquillaxe e de vestiario–. Negámonos a que o noso traballo sexa efémero, son anos de compoñer, arranxar, producir, mesturar no meu propio estudio e noutros para as colaboracións. As redes sociais van tan rápido que parece que en 15 días xa se acabou todo, por iso agora, co disco físico, emprendemos a xira coa banda xa rodada e cunha pantalla de cinco metros que levamos a tódolos concertos para poder ver parte dos videoclips, algunhas letras e curiosidades.

– Hoxe ofrece o segundo concerto da xira en Ourense, tras a de febreiro no Teatro Colón da Coruña, ten previstas máis datas?

– Estaremos este verán rodando por Galicia, temos Festival Intercéltico o 27 de xullo, actuaremos en Muxía e en breve publicaremos as vindeiras datas que foron saíndo desde que actuamos na Coruña.

– Para cando Vigo?

– Unha pregunta interesante. No momento que nos chamen estaremos en Vigo, ademais fai moitos anos que non tocamos aí e creo que “Branca Vela” debería estar este verán.

– Esa alusión a Rosalía de Castro no título do álbum non será casual, ¿segue ser a inspiradora pese a evolución da música tradicional e a mistura con outros xéneros?

– Realmente “Branca Vela” foi a última canción do disco que compuxen. Estaba revisando uns poemas de Rosalía e apareceume o “como chove miudiño/ como miudiño chove/ pola banda de laíño/ pola banda de lestrove” e apareceu a referencia á branca vela, quedeime tan prendado desos dous xogos de palabras que as incluín na canción, logo de repente aparece a colaboración de Leilía para esta canción e todo tiña sentido para dar título ao disco, para pechar ese círculo no que estiven navegando durante un ano e medio.

– Que emocións e mensaxes quere transmitir, tanto coas súas letras como coas músicas?

– Era volver ao punto de partida, revisitar a miña infancia, cando empezaba a tocar para os grupos de baile, onde cantabamos moito e se tocaba moito a pandeireta. Nunca fixen discos de música tradicional, pero si tradi, pasei por todas as posibilidades ata chegar a grupos que facían dende folk ata rock ou pop, pasando por músicos de clásica ou jazz. “Branca Vela" empezou sendo un disco que quería facer eu só, coa miña voz, os meus instrumentos e a electrónica, e acabou sendo o disco máis coral de todos os que fixen. Houbo un momento nun concerto que compartín con outros amigos que me saltou esa luz e empecei a coller o teléfono para chamar a Guadi (Galego), a De Vacas, a Leilía, á escola de Xacarandaina. E ao final acaban sendo máis de 50 persoas en todo o disco. A emoción principal é a de compartir con amigos e amigas eses momentos que eu vivín na infancia, en moitas tardes, foliadas e carballeiras. O disco acabou sendo unha comuñón de xente compartindo unhas melodías que non son tradicionais pero si teñen ese poso absorbido e asumido.

– Dez cancións en media hora semella breve.

– Dende o primeiro momento tiña claro que quería facer dez cancións de tres minutos, e iso levaba non a facer un disco curto senón a ter que eliminar moitas pistas, moitos segundos, cousas que eu vía que non eran necesarias. Foi un disco máis de limar nas pistas, e de levar a xente ás diferentes emocións en pouco tempo; son unhas pílulas de enerxía.

– Na súa viaxe pola experimentación coa música iniciada hai mais de vintecinco anos, cal diría que foi o seu punto de partida e onde se atopa agora?

– Creo que estou nese círculo de ter recorrido tantos países, continentes e festivais, de tocar dende en México na Praza do Zócalo diante de 50.000 persoas a tocar con músicos incribles que ía coñecendo en tódolos países, ata chegar a un punto onde necesitas ir a ese primeiro momento: con sete anos actuando no colexio co coro, aos trece anos, cando eu xa empezaba coa música tradicional, e a esa primeira actuación o día de meu 15 aniversario. Estou nese punto de revisar moitas das cousas que fixen e vivín para levalas ao escenario. Desta forma tamén podo contar cunha banda de xente moi nova que vén da música tradicional, pero tamén está a experimentar coa electrónica e as músicas máis actuais. Temos unha banda con moitísima enerxía, os cinco que estamos no escenario cantamos, tocamos percusións, bailamos e pasámolo en grande.

– Sempre lle gustou sorprender, iso resúltalle un esforzo engadido á hora de crear?

– Son desa xeración que escoitaba a David Bowie, que dicía que cando tentes facer algo cara á galería non vai funcionar, senón que tes que facer algo que a ti che gusta e ao mesmo tempo te sorprenda. Se te tiras ao mar e sempre estás pisando fondo non hai ningún tipo de risco, cando te adentras no mar deixas de tocar fondo e empezas a nadar, aí rexe o teu verdadeiro estado de confort, no inesperado e na sorpresa. Trato de seguir esa máxima, de sorprenderme cada día a min mesmo.

– Como vai levar aos concertos en directo un disco con tantas colaboracións?

– Haberá algunha colaboración nalgún concerto especial en Galicia, pero vai depender das axendas dos artistas que interveñan.

– Tamén Leilía?

– Evidentemente encantaríame, pero están agora en stand-by. Leilía deixaron os escenarios despois de 35 anos, son moi amigas, eu sempre falo delas en presente porque sei que nalgún momento teñen que volver.

– Falemos das máis novas, das nenas de Xacarandaina, como foi traballar con elas?

– Foi moi curioso. Estaba facendo unha canción que aínda non tiña nome e de repente falo con Quique Peón , de Xacarandaina, volvo a chamalo e dígolle: “Acábame de saír unha canción como para pequenos, tedes que ter alumnos cativos”. Logo fun a unha aula onde estaban eses dous grupos, as “Libeliñas” e as “Tatarandeiras”, e quedamos prendadísimos. Enviámoslles o borrador da canción por Whatsapp aos pais, ao día seguinte ensaiamos e á seguinte semana levamos o estudio ás aulas para gravar coas nenas. Foi rapidísimo, soaban supearfinadas, cun talentazo e ganas que quedamos encantados. No Teatro Colón participaron as 21 rapazas con nós, para elas era un agasallo subir ao escenario e participar nesta festa.

– Como xurdiu a colaboración con Manuel Rivas, autor da letra dunha das súas cancións?

– A Manuel coñecino fai máis de 25 anos nun festival, no de Zas, logo temos coincidido nalgunha viaxe, en Bos Aires nunhas charlas que el estaba facendo, e vímonos nun Culturgal onde el presentaba ”O que fica fóra”. Asinoume o libro e fíxome un pequeno debuxo dun faro que me emocionou moito porque o meu pai era mariñeiro. Levei o libro para casa, no seu primeiro poemario descubrín o poema “O outono de abril” e díxenlle: “Manuel, vou musicar este poema a ver que che parece. Respondeume: “Dálle para diante”. Meses despois deille a canción feita con Guadi e foi toda unha sorpresa. Eu estou encantadísimo de poder musicar unha letra del.

– Nesa mistura de xéneros que experimenta coa súa música, reivindica a desaparición dos xéneros. De que fontes musicais bebe ultimamente?

– De todo. Escoito moita música, tanto galega como calquera outra que me diga algo. Sempre fun moi aberto e creo que se nota en tódolos discos que vou facendo. Pero sempre tiven moi claro que todo o que fago ten que ter un pouso que soe a Galicia, nas melodías, nos ritmos, nas harmonías, na forma de entender a música.

– Di que temos que acostumarnos a que a gaita non soe soa. Que lle din os máis puristas?

– A verdade é que sempre tiven boa relación coa xente que traballa na música en Galicia, tanto no eido máis tradicional coma no máis experimental. A xente é moi aberta e non noto ningún tipo de conflito por traballar con diferentes estilos. Para min sempre é positivo traballar con xente que lle gusta a música e ter a opción de colaborar con outras persoas que ao mellor non son afíns; a clave está nas persoas, non nos instrumentos, que son iso, instrumentos para transmitir emocións.

– Considérase un precursor, visionario ou referente da mistura da electrónica con instrumentos tradicionais, algo que agora é unha tendencia de éxito?

– Non o sei. É unha pregunta moi interesante. A nosa idea fai máis de vinte anos era que a xente moza viñera aos concertos porque vía xente nova enriba do escenario facendo música interesante e sen ningún tipo de prexuízo. Hoxe en día iso esta aínda máis cargado de bombo: a xente ten menos prexuízos, canta en galego, en castelán, en calquera idioma que se lle presente por diante. Nós estivemos alí nun primeiro momento, coma estivo a miña amiga Mercedes Peón, moi centrada na música tradicional e logo na evolución da súa, ela creou un selo propio e abriu un camiño para novas xeracións que están agora abrindo tamén novos camiños.

– Mirando o éxito que están a ter propostas como as que fan Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra, cre que dalgún xeito a música galega de raíz esta a vivir un segundo boom despois do primeiro vivido pola súa xeración nos anos 90?

– Eu non o vivín nunca como un boom, senón como algo continuo. Estou en algo que non sei ben que é pero que me transporta. Non recordo parar de ter esa sensación continua de facer discos, de viaxar, de investigar noutras posibilidades. É evidente que fai máis de vinte anos houbo un momento no que as casas discográficas multinacionais fixáronse na música de raíz. No meu caso, fichei pola Virgin para facer o disco “Arredor”, que foi marabilloso e colocouse en todo o mundo, algo que antes era moi complicado. Agora está habendo un momento moi interesante de música pensada en galego, de diferentes estilos, que conecta moi ben coa xente nova.

– A industria discográfica na que comezou é moi diferente á actual. Bota de menos algo que se perdera polo camiño?

– Non. Tiven a sorte de vivir diferentes procesos de fabricación, de ver que algo que parecía o último do último quedaba anticuado en tres anos. Gravei o meu primeiro disco, “Paralaia”, en analóxico e a partir de aí todo en dixital, primeiro co CD e logo con internet e o streaming. Eu trato de que o que estou facendo agora poídalo escoitar dentro de vinte anos e non soe antigo. Esa foi a miña intención no meu primeiro disco, por iso non metín electrónica.

– Mencionou antes un concerto en México, que países reciben mellors a súa música?

– Non teño recordo de ningún que non a acollera ben. De feito estivemos tocando en sitios que hoxe día sería imposible, como en Siria, e noutros como Marrocos, Líbano, Xordania, prácticamente en toda Europa, nas cataratas do Niágara, en Nova Iorque, Shanghai, China, en Latinoamérica,... non sabería dicir cal era foi o millor, foron todas experiencias moi bonitas. A nosa idea é mprender o vindeiro ano esa xira de festivais internacionais que quedou trruncada pola pandemia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents