Opinión

Gatos, lebres e prexuízos

Ovella clonada

Ovella clonada

Que sería do pavo real sen cola da que presumir ou dos miñatos negros sen plásticos cos que marcar a propiedade dos seus niños? Os animais exhibicionistas fachendean de todas as cores e posesións posibles para facerse ver, sobre todo cando toca asegurarse a perpetuidade dos xenes. Pero na natureza conviven con insectos paus, camaleóns ou raposos das neves, seres discretos que se funden coa paisaxe para pasaren desapercibidos ou, coma a coral falsa ou a serpe de auga, que se disfrazan das súas primas perigosas para impor respecto e protexerse. Esas si que saben de imitar.

Os humanos vivimos tamén subxugados ao feitizo do mimetismo. Todo ten que ver coas aparencias, das que levamos séculos a desconfiar ao descubrir que se pode facer negocio coa imitación. Se este fenómeno o entendemos como a versión máis asequible de obxectos exclusivos limitados a poucas personas, máis ca de fraude, que é o sentido que se lle adoita dar, case podería verse coma unha forma de xustiza social, a materialización do dereito ao luxo dos pobres.

Xa os nosos devanceiros trocaron os complexos recipientes de vimbio por outros de cerámica que se esforzaron por imitar os sucos da planta de referencia mentres alguén gardou memoria de onde viñan. Despois esa lembranza perdeuse na noite dos tempos, que é onde se esvaece todo o que non sabemos onde vai, unha alfombra espazo-temporal baixo a que a historia descoñecida se agocha.

Con eses precedentes, adoitamos advertirnos a nós mesmos de que non é ouro todo o que reloce. Así e todo, levados polos prexuízos, e como espíritos da contradición que somos, predicamos ao mesmo tempo que o hábito fai o monxe mentres vendemos nos comercios gatos que non pretenden ser lebres nin cazan ratos para colocar á beira de chimeneas que nos quentan con lumes debuxados.

Nun mundo de copias e fotocopias no que a orixinalidade só adoita aplaudirse e pasar por adorábel extravagancia cando vai acompañada de riqueza e beleza, triunfan os sucedáneos ou as versións light coma unha variante pouco seria do mesmo produto. E abofé que o son, ademais de retranqueiras, como pregoan o café descafeinado e o leite desnatado que tomamos en casas cuxas paredes só imitan a pedra.

Ata nos respectábeis camposantos se consagrou, pasado o incentivo inicial de gardar as aparencias  –as nosas superficiais amigas de novo–, a moda de honrar os defuntos con flores de plástico, que non recenden, pero tampouco podrecen, aínda que semellen unha versión zombi das auténticas cando o tempo as fai palidecer.

Neste contexto non é de estrañar que incen as noticias falsas impoñéndose cada vez máis nas súas consecuencias ás verdadeiras e que a intelixencia artificial amece con substituír a natural. Será quen por unha vez a copia de superar a orixinal?

Suscríbete para seguir leyendo