“É unha volta á casa, eu xa me considero da Bandeira”

Braulio Cao Leo volve asumir a dirección da Banda Recreativa e Cultural cun concerto que estrea o repertorio estival da formación

Braulio Cao, en primeiro termo, xunto a membros da Banda de Bandeira, ao comezo do concerto.

Braulio Cao, en primeiro termo, xunto a membros da Banda de Bandeira, ao comezo do concerto. / BERNABE/JAVIER LALIN

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

A tradición popular di que segundas partes non son boas, nin nas relacións afectivas nin no cinema. Eu coñezo, e vostede seguro que tamén, varias parellas que son moi felices despois de terse dado unha segunda oportunidade, e se falamos da séptima arte, os entendidos aseguran que El Padrino II ou Terminator II, por citar só alguns títulos, superan ás primeiras partes destas sagas.

E se na vida e no cine si que hai segundas partes boas, ¿por que non ía ocorrer o mesmo no mundo da música? Onte a Banda Recreativa e Cultural de Bandeira estreou o seu repertorio para este verán cun novo director, Braulio Cao Leo. É o novo director pero un vello coñecido, posto que xa estivo á fronte da formación entre o 2000 e o 2007.

“Levo vivindo na Bandeira desde o 2008, así que isto é como unha volta á casa, unha segunda etapa, eu xa me considero da Bandeira”, comentaba onte o novo director, que naceu en Alemaña e medrou onda a ribeira do Ulla. Ao ser preguntado por se estaba nervioso pola estrea, aseguraba que “non teño nervios, pero si certa inquietude. Hai que pensar que o 70 ou o 80% dos membros da banda son novos para min, ainda que quede xente da etapa anterior. Pero o nerviosismo pode controlarse e hai que quedar ben”, afirmaba onte, entre risas, mentres me atendía por teléfono conducindo de volta dun concerto en Santiago e acompañado polo xa exdirector da Recreativa de Bandeira, Manuel Otero Payno.

Deza, canteira de músicos

E é que Braulio Cao é tamén clarinete solista da Banda Municipal de Santiago, onde agarda continuar “ata que me xubile” . Esta formación onte pola mañá ofrecía no Teatro Principal da cidade un conerto xunto á Escolanía da Catedral de Santiago. Cao criouse en Ponteledesma, e na banda compostelá coincide con outro cruceño, David Fiuza, exdirector da Artística de Merza e agora á fronte da formación santiaguesa. Ao ser preguntado pola canteira de músicos do Deza, non dubida en afirmar que “despois da área de Vigo, creo que Deza é a segunda zona con maior concentración de bandas de Galicia, e o feito de que as escolas de música estean máis fortes tamén repercute nas bandas”.

Este músico formouse na Unión Musical Ponteledesma e, tras dirixir hai case 20 anos a formación da Bandeira, dende 2008 foi tamén o director da Banda de Padrón. O seu primeiro concerto nesta nova etapa á fronte da Recreativa e Cultural de Bandeira estivo adicado a dúas mulleres falecidas recentemente, Lucía Pérez e Amparo Villaverde, que formaron parte, respectivamente, do coro Vales Mahía e de Xirandola, dúas formacións que colaboran nos temas do disco Viva a música e siga.Este traballo foi presentado na velada de onte polo seu director, Otero Payno, que quixo recalcar que o disco “exalta e aúna todo o que hai na Bandeira a nivel cultural”. O traballo foi gravado o pasado mes de decembro e está á venta desde onte. De feito, xa se podía mercar no propio auditorio.

Programa

Onte, como dicíamos, non soaron temas deste disco, senón as composicións que formarán parte do repertorio deste verán, ás que se irán incorporando outras pezas. Desta maneira, o recital arrincou con Música y vinos, un pasodoble do compositor valenciano Manuel Morales Martínez, para dar paso a unha obertura de Alfred Reed coa que se conmemora o aniversario dunha convención de directores americanos en Mississippi, e a obertura Persis, de James L. Hosay. Xa máis preto xeográficamente, a banda interpretou Sinfonía sobre motivos de zarzuela, de Francisco Asenjo Barbieri e con arreglos de David Fiuza; unha Rapsodia Galega de Manuel Iglesias Domínguez; a Xota de Nicolás de José Luis Represas e Campo de Noia, do compositor sillendese Manuel Molinos.

Estas son as pezas que se van interpretar nos concertos que ofreza a Recreativa e Cultural de Bandeira nos próximos meses. A formación xa ten algunha data pechada pero seguro que nas vindeiras semanas incrementará a súa axenda de pases estivais.