Reportaxe Luísa

Áxil e acertada achega

Capa do libro.

Capa do libro. / FV

Lucía Seoane

Abonda con vivir: velaí o título –publicada por Edicións Xerais– da biografía sobre Luísa Villalta levada a cabo pola xornalista cultural e docente –na actualidade, profesora no ensino secundario–, compañeira durante tempo nestas mesmas páxinas de FARO DA CULTURA, Montse Dopico.

Como ben indica a contracapa do volume que comentamos, trátase dunha análise literaria, sociolóxica e histórica que “percorre todas as mulleres que foi Villalta” e que está artellada en forma de reportaxe. O obxectivo procurado por Montse Dopico vén ser, entón, achegar os lectores á personalidade da autora a quen está dedicada este ano a celebración das Letras Galegas ao tempo que se busca responder á pregunta de por que foi escribir aquilo que nos legou.

Tras dun limiar no cal explica Dopico que, para levar a cabo o seu proxecto, contou coa memoria persoal e/ou literaria de xentes que trataron a Villalta –Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés, Yolanda Castaño, María Pilar García Negro, Carlos Callón, Ramón Nicolás...–, o volume está organizado nun conxunto de once apartados –“A caste das mulleres”, “Esa música interior”, “Na cidade do norte”, “O clamor e a vontade”...– que van percorrendo, en consecuencia, a vida persoal da creadora de Ruido ou Estudo das sombras pero así mesmo as interrelacións que teñen lugar entre aquela e esoutros espazos da música, da poesía, a narrativa, o teatro... como aínda o seu decidido compromiso coa lingua, a cultura e o eido socio-político da cidade e do país onde veu ao mundo.

Redactado con prosa áxil e estilo xornalístico –o que facilita a lectura–, Abonda con vivir constitúe un labor ben trazado e que nos permite, finalmente, poder coñecer máis e mellor unha traxectoria luminosa que, infelizmente, se veu traxicamente tronzada en plena madurez humana e creativa.

ABONDA CON VIVIR (2024): Montse Dopico, Vigo, Xerais, PVP. 12,30€

Suscríbete para seguir leyendo