Entrevista | Sonia Méndez Directora de cine

“Dirixir o teu primeiro filme aos 40 é usual, lamentablemente”

A cineasta viguesa estrea o vindeiro 10 de maio en salas de cine “As Neves”, unha longametraxe rodada en galego na Fonsagrada que relata o tránsito á madurez dun grupo de adolescentes que teñen que vivir un suceso dramático 

A directora, guionista e actriz Sonia Méndez

A directora, guionista e actriz Sonia Méndez / Sabela Eiriz

O vindeiro 10 de maio estréase en salas de cine “As Neves”, a primeira longametraxe de ficción da directora viguesa Sonia Méndez, un relato sobre o tránsito á madurez dun grupo de adolescentes da era dixital que viven nunha vila da montaña da Fonsagrada, por un ha banda hiperconectados á información e, por outra, illados nun territorio afastado. A desaparición dunha rapaza e unha nevada que deixa incomunicado ao pobo marcan o os acontecementos que narra este filme galego e en galego que se presentou na sección oficial do Festival de Cine de Málaga con boa acollida da crítica.

– Antes de estrear en salas, o vindeiro 10 de maio, presentou  “As Neves” no Festival de Cine de Málaga e a semana pasada en Madrid ante a Academia de Cine, como está sendo a acollida e que recorrido lle prevé á película?

– Estrear na sección oficial do festival de Málaga foi moi importante para o arrinque. A acollida alí foi moi boa, como tamén o foi ao pase que fixemos na Academia de Cine en Madrid. Do filme fálase, está a sonar. É a miña primeira longametraxe que vai a salas, a min gustaríame que fose moi ben, que estivese un tempo en cines antes de pasar a plataformas, pero nunca se sabe, prefiro augurar o mellor, teremos que velo o día 10.

– O título non se corresponde coa vila homónima da provincia de Pontevedra, senón que está ambientaba na Fonsagrada, por que escolleu ese escenario e por que ese nome?

– As Neves é un lugar que pertence á ficción, a película está ambientado na vila da Fonsagada por moitos motivos, porque era o lugar que máis se achegaba ao que eu imaxinaba que tiña que ser ese pobo, pero tamén atende ao feito de querer crear un espazo imaxinario que poida haber en calquera sitio: aquí, en Detroit o en Alemaña. Unha vila de montaña na que que neva e se queda illada é algo que universaliza o relato y xene ra un espazo cun ambiente determinado. Neves tamén é o nome de miña avoa paterna e no filme fai referencia a unha nevada que ten que ver co que pasa na película. Pareceume bastante poético e acertado.

– Interesáballe confrontar o mundo analóxico co dixital nun lugar afastado, pero por que escolleu facelo a través dun relato que ten como protagonistas a un grupo de adolescentes?

– Quería facer un filme de adolescentes, que se centrase nese momento da vida onde estás vivindo totalmente o presente, onde as emocións vívense por primeira vez con moitísima intensidade e sen entendelas de todo, e eu quería ver ese contraste entre a hiperconexión e o illamento nese momento da vida. Ademais, falamos de xeracións que son completamente dixitais, eu por exemplo, ou calquera persoa de idade adulta, viviu xa nunha época analóxica, pero estes adolescentes non, teñen por un lado acceso a toda información do mundo a través dun aparato, e por outro lado, viven en entornos afastados, non tan dixitalizados. Quixen plantexar a hipótese de que pasa cando van desaparecendo eses recursos dixitais nun entorno como o deles. A película non fai un debate moral acerca do uso da tecnoloxía, senón que recorre a viaxe emocional duns rapaces que viven un suceso dramático, que fixeron algo mal saín querer, son xente boa facendo cousas mal sen querelo, algo que tamén pódelle ocorrer aos adultos. Tampouco se trata de xulgar aos adolescentes, calquera persoa podería facer o mesmo nese contexto.

– Como foi traballar con mozos sen experiencia no audiovisual e con esa diferenza de idade?

– Dos nove so un tiña experiencia. Para min foi unha experiencia moi enriquecedora, primeiro houbo moito traballo de cásting para atopalos, e despois conversei e convivín moito con eles para explorar terreos de confianza onde poder traballar a dirección de actores . Eles sosteñen o filme, a película sostense nas súas interpretacións. Aprendemos xuntos, eu da súa enerxía, e eles tiñan case todo sobre papel.

A directora nun momento da rodaxe de “As Neves”.

A directora nun momento da rodaxe de “As Neves”. / Leo López

– O relato recrea o punto de vista dos seus protagonistas, iso fai que algunhas reaccións poidan resultar chocantes para o público adulto?

– Que nós pensemos desde nosa perspectiva como deberían reaccionar restaríalle credibilidade e naturalidade. Hai un personaxe que vai traer máis polémica porque é unha moza que fai algo controvertido que ela cree que é bo e tarda en reaccionar. Son rapaces de 16 anos, hai reaccións que serían absurdas nun adulto pero son normais nun adolescente, os personaxes teñen diferentes arestas, non son lineais, e iso fai que as películas non sexan planas.

"Non me molesta que comparen a miña película con “Twin Peaks”, é unha serie que vin moitas veces e que forma parte do meu imaxinario”

– A película, na que hai unha rapaza desaparecida, foi cualificada por algún crítico como o “Twin Peaks” galego en galego, concorda?

– Xa me gustaría, son superfan de “Twin Peaks”, gustoume moito esa serie, vina moitas veces. O feito de que eu teña ese imaxinario metido na miña cabeza pode transmitirse dalgunha forma no espírito de “As Neves”. Twin Peaks é unha vila remota onde parece que nunca pasa nada e cando metes a cámara ves que ocorren moitas cousas, nese sentido ese espírito existe en “As Neves”. Ao ser unha vila de montaña ten algún paralelismo, pero que ninguén espere que vai ver “Twin Peaks” porque non é para nada. De todos xeitos a min no me molesta esa comparación.

– Trata de condensar nunha película o proceso adolescente cara a madurez, algo que semella moi complicado.

– Creo que hai un punto de non retorno ao final da película, é como nesas chamadas coming-of- age , onde o proceso de madurez acelérase por un suceso dramático que lles levará aos protagonistas a afrontar unha serie de consecuencias dende unha idade aínda non adulta. Obviamente os personaxes evolucionan ao longo do filme e non son iguais cando empeza que cando acaba a película. Digamos que este filme eu no anti coming-of -age  no que estamos vendo exactamente o momento en que os rapaces teñen que espabilar.

– Dirixir a primeira longametraxe con máis de 40 años é algo usual sendo muller?

– Lamentablemente si. Facer unha longametraxe e levala a cines é moi difícil, nese sentido síntome privilexiada, pero houbo que traballar moito para levantala e autoproducirse. Si te fixas un pouco na traxectoria doutros compañeiros homes de miña xeración, verás que teñen un filme, dous ou tres; nós chegamos moito máis tarde e tamén chegamos agora nun momento en que se nos apoia con políticas para que as mulleres poidan facer cine. Os resultados están á vista: Jaione Camborda gañando a Concha de Oro do festival de San Sebastián e outras moitas directoras facendo cousas. Tamén hai ese rollo de que parece que as que chegan teñen que demostrar que son a leche, como fagas unha peli un pouco mediocre ou que non funcione xa parece que se pon todo en entredito. Eu non quero traballar con esa responsabilidade sobre a miña cabeza, pero tamén é certo que nos esiximos moitísimo e iso xera ansiedades. Evidentemente eu quería facer unha peli aos vinte, non puiden, e aos trinta, que tampouco puiden; pois a fago aos 40 aínda que sabes que as historias que contarías con vinte ou trinta non serían as mesmas. En todo caso, espero que non sexa a última e que non me custe catro ou cinco anos levantar outra.

Méndez preprando unha secuencia con unha das actrices adolescentes da película.

Méndez preprando unha secuencia con unha das actrices adolescentes da película. / Cedida

– Fundar a súa propia produtora é o único camiño que atopou para poder facer o que quere?

– Na miña traxectoria sempre fixen todo bastante autoproducido, ao final isto era como unha especie de lóxica dos acontecementos, do que tiña que pasar, e ademais tiña que facelo con Nati Juncal, a miña socia, coa que fixen todas as producións. Non me gusta dicir que de seguir outro camiño non o puidera ter feito, eu que sei, probablemente o tería feito, o que si sei é que así tamén o fixen cunha liberdade que ao mellor non tería con outro proxecto. Iso no quere dicir que non queira dirixir para outros, eu son directora o non teño problemas en que me chamen. Por outra banda, esta produtora (Cósmica Produccións) fundámola non so para producir os meus traballos senón tamén os de outras directoras e agora estamos en desenvolvemento da película “As defensas”, de Lucía Estévez, que tamén é viguesa.

"De nena tiña clarísimo que quería ser actriz, logo cando me metín no audiovisual dinme de conta que o divertido estaba ao outro lado das cámaras”

– Cualifícana de francotiradora por ter feito de actriz, guionista e directora, é o camiño que escolleu ou o que lle veu dado?

– Francotiradora chamoumo Manolo González, pero paréceme ben. De nena tiña clarísimo que quería ser actriz, entón enseguida me puxen a estudar arte dramática, a facer teatro e a estar con xente que facía cousas en Compostela. Rapidamente empecei a traballar nunha serie na televisión galega (“Terra de Miranda”) e un traballo foi levándome a outro. Curiosamente fixen moi pouco teatro , aínda que non o descarto, e cando me metín no audiovisual dime de conta de que o divertido estaba ao outro lado das cámaras . Eu sempre escribía, gustábame contar historias. Funme a estudar a Barcelona, empecei a facer curtas mentres seguía traballando como actriz e guionizaba os papeis que facía; realmente gústame moito máis o traballo de guionista e directora. Eu como actriz non era capaz de quedarme quieta esperando a que me chamara alguén para traballar, o meu espírito non mo permitía, así que facía moitas cousas ao outro lado das cámaras. Dalgún xeito tamén me gusta moito a parte loxística, o tema de montar equipos e facer que as cousas saian adiante tamén me mola, máis alá da parte creativa, por iso levo dez anos dirixindo o festival Carballo Interplay de contidos dixitais.

– “Conversa cunha muller morta”, “As damas negras”, “Ei, guapa!” son algunhas das súas curtametraxes, hai un fío condutor en todas elas?

–A excepción de “As damas negras”, que ten un pouco máis de artificio, son historias que teñen en común o universo muller e me preocupan ou apetéceme contar. “Conversas cunha muller morta” é unha curta do ano 2010 que falaba dunha muller vítima da violencia machista, nun momento en que empezábamos a estar moi cabreadas porque aínda non había tanta conciencia sobre ese tema; a de “Ei, guapa!”  forma parte dunha peza colectiva de visións que dirixiu Xisela Franco e que amosa unha situación de acoso na rúa. A miña primeira longametraxe é de adolescentes, son preocupacións que me apetecen ou me obsesionan un pouco e ten que ser así, porque é moi difícil levantar un proxecto si non hai detrás unha historia máis visceral. Eu tiña moitas ganas de facer unha peli de teenagers en galego e en Galicia, tratar unha adolescencia sen artificio, iso foi o que me mantivo coa llama encendida durante todos estes anos.

A cineasta viguesa Sonia Méndez.

A cineasta viguesa Sonia Méndez. / Sabela Eiriz

– O feito de que Jaione Camborda gañara o Festival de San Sebastián co “O Corno” e Álvaro Gago fora finalista dos Goya con “Matria” ábrelles as portas as m ulleres directoras, por unha banda, e a rodar e producir en galego para toda España, por outra?

– Obviamente que gañe unha película rodada en galego e dirixida por unha muller pode poñer o punto de mira, pero e que xa fai tempo que outros abriron camiño antes con producións feitas en Galicia e en galego. Eu vivino, de repente dinche esta directora é galega, da xeración de Jaione e Lois Patiño; vas por España adiante e oes dicir que pasa en Galicia co cine que se están facendo tan boas películas? Álvaro Gago, co que comparto oficina, tamén abriu camiño nos Goya, e que o cine galego ten moita calidade, hai unha xeración moi potente e as políticas teñen que seguir apoiando, porque ao final o cine e tamén unha materia coa que se conta como é un entorno, como é un vila, nós estamos contando Galicia, iso é algo que se queres podes mételo no turismo, é exportar Galicia dunha maneira moi determinada.

– Como vicepresidenta da Academia do Audiovisual Galego, pode facer unha una radiografía do momento actual?

–Creo que é un bo momento pero non podemos quedarnos como si estivera todo feito porque non é así. Hai xente que está na precariedade e cústalle levantar proxectos, tamén hai que coidar a nosa produción.

– Tamén codirixe o festival de contidos dixitais Interplay de Carballo, non é estraño que unha vila pequena acolla un certame pioneiro a nivel estatal destas características?

– Foi Carballo por unha casualidade, é estar no momento adecuado no lugar adecuado e dar coa xente adecuada, neste caso con Xosé Regueira, unha persoa cunha sensibilidade cultural moi vangardista que sabía que ese festival ía a poñer a Carballo no mapa e tivo a visión de axudarnos todo este tempo. Nos días que dura o certame a vila convértese no epicentro da creación dixital estatal e tamén internacional, o festival xera moito contido desde Carballo e por el pasaron todas as persoas do mundo da internet, do podcast e da cultura dixital que te poidas imaxinar.

– Que supuxo a serie “Antes de perder” , colgada na plataforma dixital de contido xuvenil Play de TVE, para a súa carreira de directora?

– Supuxo moito porque tivemos que montar a produtora para esa serie. En Youtube agora mesmo ten máis de millón e medio de visualizacións. Para nós é ter aí unha carta de presentación, foi facer un proxecto profesional e traballar nunhas condicións que antes non podería ter feito.

A directora nun momento da rodaxe de “As Neves”.

A directora nun momento da rodaxe de “As Neves”. / Paula Quiroga

– Pese as plataformas dixitais que permiten consumir cine na casa, para un director estrear en salas segue a ser o seu sono?

– Claro, iso o é o que tes na cabeza sempre, é moi difícil chegar ás salas e moi difícil manterse nelas , a xente está moi acostumada agora a que en dous días as películas xa estean nunha plataforma. O cine é un oficio de oficios e todos eles vense na pantalla grande, na sala escura, cun son incrible. Logo está o feito do evento de ir ao cine, é distinto que velo na casa, todos fumos ao cine algunha vez e sabemos que é así.

– Sempre se fala da falla de referentes femininos que teñen as mulleres en determinadas profesións, cales son os seus?

– Cando unha empeza de máis rapaciña non se da conta diso, porque a ver que películas dos 90 que coñezas están dirixidas por mulleres? Todos os meus referentes eran homes e ao ser consciente empecei a investigar, a descubrir figuras de directoras, e namoreime de Agnès Varda, obviamente, que a teño sempre moi presente. Logo tamén seguín a outras moitas directoras e directores que me gustaron no seu momento, tamén son moi seguidora das propias compañeiras e compañeiros da miña xeración, por poñer un nome de actualidade direi Alice Rohrwacher, a directora de “La quimera”, estou flipando con ela. Cando era máis noviña vin moito aos da Nouvelle Vague, que é algo polo que todos temos que pasar, pero vin que non había mulleres. As rapazas que veñen agora xa teñen referentes femininos e as teñen facendo cousas, poden ir falar con elas.

– É viguesa afincada en A Coruña, cal é a súa relación coa súa cidade de orixe?

– Nacín nas Travesas, a miña familia por parte de nai e pai viven en Vigo, de feito tiven un avó que foi presidente do Celta, era Daniel Alonso, eu ía a Balaídos dende nena. Aos cinco anos os meus pais por traballo xa se tiveron que mudar, primeiro Pontevedra e logo a Santiago; agora vivo en A Coruña, onde estou moi ben, pero eu son moi viguesa, paso todos os veráns nas Eiras, no Rosal, que para min é a miña toma de terra. Sigo indo a Balaídos cando podo, son moi do Celta, saín moito en Vigo nos 90 e dalgún modo sempre pensei que acabaría vivindo en Vigo.

Suscríbete para seguir leyendo