Un fío de esperanza para o galego

A xornalista Esther Estévez e o filólogo Xurxo Martínez reflexionan en Vigo sobre a situación actual da lingua: “Non debemos ser pesimistas”

Esther Estévez, Fernando Fernández e Xurxo Martínez, ante o público na Biblioteca da EMAO de Vigo.  | // JOSÉ LORES

Esther Estévez, Fernando Fernández e Xurxo Martínez, ante o público na Biblioteca da EMAO de Vigo. | // JOSÉ LORES / M. gonzález

M. González

M. González

“Que pasa co galego?” Esta frase é o título do libro de Fernando Ramallo no que responde a preguntas fundamentais sobre a situación social da lingua galega. E foi tamén o fío condutor do faladoiro organizado onte polo Ateneo Atlántico na biblioteca da EMAO de Vigo no que participaron Esther Estévez(presentadora e directora do programa da TVG “Dígocho Eu!”) e Xurxo Martínez (licenciado en Filoloxía Galega). Conducidos por Fernando Fernández, falaron sobre si “Realmente, estamos a coidar o galego?”.

“Pensamos que a lingua galega, ó igual que as persoas, precisa de coidados”, di Fernández. “A idea é que coidemos do idioma porque o necesita”, dixo antes de lanzar una serie de preguntas para contextualizar a conversa: “Deixamos que o galego vaia evolucionando como lingua minorada cara a súa extinción ou sentímonos xa cómodos porque é algo xa institucional que nos representa, figura en carteis, en escritos e se fala nalgúns medios?, metémola nese saco mal chamado bilingüismo para que se bata co castelán como se fosen linguas en igualdade de condicións?”.

“Aínda que non se coñecen estatísticas oficiais dende o 2018”, puntualiza a presentadora, “perda de galegofalantes na adolescencia e na mocidade é brutal”. Tamén reflexiona sobre o uso do galego entre os adultos, na lingua oral ou nas institución: “Temos ferramentas de sobra, usémolas!”.

“Se escoitamos falar galego nun ambiente íntimo e afectivo seguramente algún día acabaremos facendo uso del”, engade. “A perda de transmisión lingüística familiar obríganos ós máis maiores a facer esa función de sementeira para que vaia calando nas xeracións vindeiras”.

Non dramatizar

“Non me gusta dramatizar moito sobre o tema, pero xa temos ido a algún centro no que os nenos non eran capaces de articular unha frase en galego, cando eu era pequena iso non pasaba. Agora vexo que hai sitios nos que non saben e iso si que me parece un pouco dramático”.

“Cando eu era pequena, había nenos ós que lles rifaban porque na clase de castelán tamén falaban galego. Como pode ser que pasemos diso a que, de repente, sexa un idioma estranxeiro?”, cuestiónase.

“Moitas veces o peso recae sobre os profesores, pero hai que ver máis alá das aulas”, afirma a xornalista, que tamén ven “noutros centros que a rapazada se esforza por falar en galego. Tamén destacou a figura dos “neofalantes”. “Na etapa universitaria a xente volve a establecer un vínculo coa lingua, como que volve ó galego, e creo que iso é algo que hai que coidar moito. Xa non soamente facer semente dende pequeniños e inculcar e transmitir ese amor pola lingua, senón que non hai que esquecerse dos neofalantes”, apunta.

“Eu represento a outra versión, a dos neofalantes”, indica Xurxo Martínez, que foi educado en castelán. “Cada vez que me atopaba cun veciño no ascensor e dáballe os bos días preguntábame se era do Bloque”, lembrou.

“Hai anos, creo que no 1973, Alonso Montero publicara un traballo que se titulaba “Informe dramático sobre la lengua gallega” e dábanos de vida 50 anos”, destaca: “Aínda vive Alonso Montero e aínda vive a lingua galega, así que non podemos ser pesimistas”.

O que pasa hoxe en día “é que hai nenos e nenas que non teñen aldea, nin avós ou avoas que falen galego”. “Aí perdeuse unha conexión afectiva coa lingua, e isto agora pasa cada vez menos, e é importante traballar o aspecto afectivo da lingua. Falar galego non é ser militante lingüístico nin nacionalista de carné, é unha forma en que un se expresa porque se identifica no lugar no que vive, porque ten unha transmisión xeracional, porque se quere involucrar nunha cultura...”, enumera.

Tanxugueiras

Tamén destacou a diferenza entre a “politización da lingua e o uso partidista das linguas” e explicou como conseguiu a “histórica” sentenza emitida o 4 de abril de 2022 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, declarando nulos os actos administrativos efectuados pola Axencia Tributaria en castelán, despois de que el manifestase querer ser atendido na súa lingua, e ordenando retrotraer as actuacións ao momento anterior á vulneración do seu dereito á escolla lingüística.

Tamén destacaron o fío de esperanza para o galego que ten o éxito de fenómenos culturais e musicais como o das Tanxugueiras. “Antes á Galega chamábaselle a ‘telegaita’, pero despois do Benidorm Fest de repente esgotábanse as pandeiretas”, reflexiona Esther Estévez. “Foi algo moi forte par Galicia, para a nosa cultura porque cambiou moito a visión e hai moito máis respecto pola nosa cultura e pola nosa lingua”, por iso considera moi importante tamén que existan creadores de contidos nas redes. “A presencia da nosa lingua en tódolos ámbitos é moi importante. Máis alá do “Dígocho eu!” hai moita xente que fai moitas cousas redes en galego e tamén estamos nun bo momento a nivel produción de series, de películas e de música galega e esta é a parte positiva. Hai que ser realistas pero creo que estamos ben encamiñados”.

”Se eu teño que dar explicacións de por que falo galego en Vigo é que algo vai mal”, reflexiona Xurxo Martínez. “O mundo da cultura fixo moio para que a xente nova teña referentes”, pero apunta tamén a necesidade de introducir estes referentes “noutros eidos e noutros sectores”.

Suscríbete para seguir leyendo