Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sociedade
Esther Estévez Premio da Cultura Galega polo programa da TVG “Dígocho Eu”

“Conseguimos que xente nova nos diga que lle gusta o galego”

"Fainos moita ilusión ter 147.000 seguidores en TikTok, funciona moi ben nesta rede"

Esther Estévez nun dos vídeos do programa “Dígocho eu”. FDV

Ten 23 anos, é xornalista e é de Verín. Dende hai un par de anos é unha das caras máis vistas nas redes sociais polo programa da TVG que ela presenta: “Dígocho eu”, un espazo que en moi pouco tempo conseguiu crear unha audiencia propia, de todas as idades, e en galego. Porque o programa trata, precisamente, de aprender galego, con divertidos vídeos curtos para explicar conceptos do galego e desbotar palabras que se din mal, como castelanismos, por exemplo. O espazo mestura “aprendizaxe e entretemento”. Esther Estévez (Verín, 1997) é a presentadora do programa e móstrase especialmente contenta por conseguir que a xente nova se achegue á lingua galega a través deste programa. Vén de ser recoñecido co Premio da Cultura Galega no apartado de Lingua; galardóns que concede cada ano a Xunta de Galicia. Estévez non oculta a súa alegría, esa que mostra en cada un dos seus vídeos e coa que gañou a simpatía do público. “Eu son a cara visible pero neste programa somos un equipo de tres, cos compañeiros Carlos Amado (coordinador) e Rocío Pérez (lingüista)”, apunta Estévez Casado.

–Agardabas un premio así?   

–Foi unha sorpresa para min e para o resto do equipo. Porque estou falando en nome dos tres, de Carlos e de Rocío, tamén. Para nada. Para nada agardabamos un premio así. Ademais, non hai que presentar nada, creo que escollen os gañadores a través dun xurado, nestes premios que concede a Consellería de Cultura. Foi unha sorpresa, si.

–En case dous anos de emisión do programa “Dígocho eu”, este espazo alcanzou moita audiencia. E o teu rostro, como presentadora, faise coñecido para moita xente. Recoñécente pola rúa?   

–É complicado porque empezamos o programa a principios de 2020 e aos dous meses todos para a casa polo tema do confinamento. Despois xa estabamos coa máscara. Digamos que paso bastante desapercibida. Cando estou tomando algo ou tal hai xente que me recoñece pero tampouco é nada doutro mundo.

  • Ficha personal

    Esther Estévez (Verín, 1997) é xornalista. Presenta na TVG o programa “Dígocho eu”, unha exitosa iniciativa a través da que se resolven dúbidas sobre lingua galega de maneira sinxela e eficaz a través de micropezas audiovisuais. Este espazo acaba de recibir o Premio da Cultura.

–As redes sociais son unha peza clave no alcance deste programa, un exemplo de dinamización da lingua entre os máis novos/as. Que ‘feedback’ tedes?   

–Si. O proxecto naceu nas redes da tele e logo foi medrando, pasamos ao TikTok, ao Twitch. En TikTok, por exemplo, ten moita repercusión. Quitando algún comentario, porque sempre hai a quen non lle gusta o que facemos, a gran maioría da xente tenlle moito cariño ao proxecto. Transmítenos que lles gusta, que está funcionando, que serve para aprender e tamén é entretemento, non só aprendizaxe da lingua. En xeral, a maioría dos comentarios son moi positivos. Sobre todo en TikTok; é onde máis cariño recibimos.

–E de xente moi nova, ademais.   

–Valoramos moito calquera mensaxe positiva que nos chegue pero aínda nos fai máis ilusión que sexa no TikTok porque sabemos que é unha rede para a xente máis nova. Queiras ou non, que un rapaz ou rapaza castelanfalante se pare a ver o noso vídeo, aínda que non saiba falar ben o galego ou que nin sequera o falara nunca na súa vida... que se pare a ver o vídeo e que nos diga: gústame o galego! Pois mira... algo xa conseguimos.

“Fainos moita ilusión ter 147.000 seguidores en TikTok; funciona moi ben nesta rede”

decoration

–Sorpréndeme con número de seguidores en TikTok...   

–É a rede na que máis seguidores temos: 147.000. É unha animalada, si. En Instagram publicabamos nas redes da TVG e fixemos conta propia hai menos de dous meses; estamos empezando, achegámonos aos 10.000. Cada rede é un mundo. Twitter é unha rede na que se pode abrir debate. Nós comunicamos o que di o diccionario da Real Academia Galega, pero hai xente que non segue esa normativa. Que é reintegracionista, por exemplo. E sempre se crea así un pouco de debate, dá pé a que a xente fale, que se debata sobre a lingua, e iso é interesante, non é malo falar sobre o idioma.

–O importante é falalo.  

–Exacto.

“Non vemos moitos nenos ou nenas que falen galego aínda que os pais e os avós o falen”

decoration

–Que percepción tes sobre a porcentaxe de población que fala galego e sobre a perda de falantes?   

–Depende da zona e das idades. Creo que se fala menos a canta menos idade. Non vemos moito neno ou nena que fale galego aínda que os pais e os avós si que o falen. Iso paréceme triste porque non podo chegar a entendelo. Porque se ti medras nun ambiente galegofalante non entendo cal é o motivo de que logo os nenos e nenas non se lancen a falar o galego...

–Por que cres que é?   

–Supoño que será porque están expostos a tantas cousas...! Televisión, redes sociais.. . é que xa nin sequera digo castelán, están consumindo cousas en inglés, están a todo, debuxos, etc... Tampouco quero ser moi negativa porque no “Dígocho eu” démonos conta todo o equipo de que aínda que moitos rapaces e rapazas falen castelán, se ven contido en galego que lles poida interesar, engánchanse. Creo que pode ser un principio para que nun futuro collan e cambien ao galego, ou que falen galego e castelán... Nós vémolo porque o TikTok é unha rede máis para xente nova e vemos que moitos comentarios son en castelán, ou son en galego pero nótase que esa persoa está intentando escribirnos ben en galego... E iso é bo. Xa o feito de que se paren a ver un vídeo en galego e sobre o galego xa quere dicir algo. Entón, eu creo que aí pode haber de onde tirar e esperemos que con proxectos coma este a situación mellore.

–Consideras que hai moita diferenza entre cidades e sitios máis pequenos?   

–Iso era máis ben antes. Aínda que é certo se fala máis castelán nas cidades pero agora a tendencia xa é máis en xeral. Non só nas cidades. Por exemplo, eu son de Verín e alí cada vez máis rapaces e rapazas falan castelán. Nenos que aínda que medren nun ambiente en galego despois falan castelán.

–O voso programa é ideal para ampliar número de falantes de galego. Ocórrenseche outras cousas?   

–Creo que hai que centrarse no que nos gusta, no que lle gusta a cada un. Se queres aprender galego e che gusta a cociña pois buscar vídeos ou libros sobre iso, ou música do estilo que che gusta, en galego. O galego está en todas partes. Simplemente ver pelis en galego, escoitar música, ler libros... Buscar cousas que estean en galego, esa é unha forma de collerlle cariño. Porque se te ves obrigado a ver en galego algo que non che chama a atención... non vai ben.

Compartir el artículo

stats