O milagre da música tradicional galega

O tradi vive unha revolución cunha proxección sen igua

Sabela de Tanxugueiras, Mercedes Peón, Xisco Feijoó e Mondra dan as claves para entender o que está a suceder

Tanxugueiras posan cos galardóns conseguidos nos Premios de la Música Independiente.

Tanxugueiras posan cos galardóns conseguidos nos Premios de la Música Independiente. / pmi

Mar Mato

Mar Mato

Corrían os 90 e Carlos Núñez poñía a música galega no mapa do mundo. A principios de século, Mercedes Peón, Leilía e Berrogüetto, amosaban fóra as súas melodías. Foron os primeiros chanzos dunha revolución da música tradicional galega (tradi) que se vive agora. Os exemplos non cesan: C. Tangana con as Lagharteiras e Lilaina; Vetusta Morla con Aliboria; Rozalén coas Tanxugueiras, Juancho Marqués ou Ruth Lorenzo. Todas conforman un pespegue que comezou décadas atrás.

O Son do Camiño do 2021, Vetusta Morla bordaba o seu “Finisterre” con Aliboria no palco, fachendosas elas da súa percusión (principalmente co pandeiro cadrado). No peche de xira o pasado 1 de decembro no Wizink Center de Madrid Xosé Lois & Aliboria volvían a acompañar a banda madrileña demostrando o contemporáneas que poden sonar as melodías da música tradicional galega (tradi).

A conxunción de todos estes artistas –con planos protagonistas para as latas de pementón e outras percusións– pode comprobarse tamén no documental “Bailando hasta el apagón”, sobre a xira do disco “Cable a Tierra” de Vetusta.

É un exemplo máis de como esa sonoridade de hai séculos vive hoxe en día con forza. Neste ano que está a expirar, non esquecemos o Himno do Celta de C. Tangana, “Oliveira dos cen anos” –con tres millóns de visualizacións en catro meses dende todas as partes do mundo–, e como incluíu nel coplas tradicionais da zona do Condado-Paradanta ás que se lle engadiron novos versos interpretadas por Lagharteiras (voces) e Lilaina (percusión).

Lagharteiras

Lagharteiras / Tiago Pereira

Nestes últimos anos ata vimos a cantar a Rozalén en galego coas Tanxugueiras, que lograron que unha aportación tradi se colase tamén en temas de Macaco, Juancho Marqués, Ruth Lorenzo ou Hard GZ con centos de milleiros de visualizacións de cada tema.

Desde Galicia, os novos grupos que se apoian no tradi total ou parcialmente medran cada ano. Fillas de Cassandra, Mondra, Ailá, Sheila Patricia... son algúns dos exemplos. Outros como Rebeliom do Inframundo atrévense a incluir coplas tradis no seu repertorio de hip hop, mentres os grupos tradicionais, os seráns e as foliadas florecen para inzar campos da festa, palcos ou teatros.

Como se explica este estoupido? A clave foi a actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest? A propia Sabela Maneiro, integrante desta banda; Mondra, Xisco Feijoó e Mercedes Peón dan as súas claves.

A musicóloga suiza Dorothé Schubarth grava dúas veciñas de Santiago de Mens (Malpica)  no 1988. // A. SANTAMARINA

A musicóloga suiza Dorothé Schubarth grava dúas veciñas de Santiago de Mens (Malpica) no 1988. // A. SANTAMARINA / A. Santamarina

“En Galicia, explica Peón, houbo varias revolucións. Unha delas foi potentísima: que Dorothé Schubarth deixara plasmado o seu traballo de recollida [14.000 coplas do cancioneiro popular galego que apañou durante anos polas aldeas e deixou gravadas e transcritas para o Museo do Pobo Galego]. A segunda revolución foron os grupos folclóricos. Se non fora por eles, a maioría da xente que está na escena hoxe en día non existiría”.

“Dorothé foi unha galega máis. Para Galicia, é un referente potentísimo pero hai que poñelo de xeito paralelo co que acontecía co movemento social de recollida de campo, de traballo nos grupos folclóricos. Hoxe en día cantan e bailan miles de persoas. Esa conxunción foi a bomba. Falamos dunha das partes fundamentais para que o legado quede escrito”, engade a artista galega.

MERCEDES PEÓN, COMPOSITORA e MÚSICA.

MERCEDES PEÓN, COMPOSITORA e MÚSICA. / M.P.

Xisco Feijoó coincide en grande medida coa radiografía de Mercedes Peón: “A sáude é unha carreira de fondo. Todo o mundo pensamos que houbo un bum con Tanxugueiras e outros artistas pero é unha carreira de fondo desde os anos 70 con xente que se deixou a pel e que non se ten en conta, indo polas aldeas, montando asociacións, facendo horas e horas de formación de nenos pequenos”.

Recuperación dos seráns

Para Xisco, “isto tiña que rebentar dalgún xeito. Comezou coa recuperación dos seráns, das foliadas, a Reconquista de Vigo con centos de persoas tocando e bailando por todas partes. Iso era impensable cando empecei con O Fiadeiro e co traballo de campo que é a miña paixón. Todo iso tiña que rebentar nun punto que é o no que estamos. Ver desfilar as Tanxugueiras na alfombra dos Grammy Latinos cantando en galego. Ese é un traballo que vén de moi atrás e elas atoparon un camino labrado para facer algo no momento que de verdade había que facelo senón non podería ter sido. A saúde vén da véspera e esta véspera vén de moi atrás”.

CONCIERTO DE XISCO NO TEATRO AFUNDACION

CONCIERTO DE XISCO NO TEATRO AFUNDACION / Ricardo Grobas

Sen prexuízos

Dende Tanxugueiras , (disco de ouro co álbum “Diluvio”), que homenaxea nos seus concertos a Peón, Sabela Maneiro deixa claro que “non nos sentimos as pioneiras pero si que abrimos porque a xente xa non ve o tradi como algo antigo senón que se pode misturar sen prexuízos. Esa é unha visibilidade que lle dimos nós”.

Porén, reflexiona que “como en todo na vida necesitas uns referentes para botarte a andar e perder o medo. Iso fainos moitísima ilusión, que veñan detrás nosa e que nos adianten pola dereita e que lles vaia estupendamente ben”.

Respecto dun espertar na cativada para apuntarse á aulas de pandeireta ou baile galego, opina que “nós saímos no prime time na televisión. Era un traballo que se levaba facendo dende as asociacións dende había tempo e nós démoslle visibilidade. Como o tratamos con moitísimo orgullo e respecto así o valoraron as nenas. Necesitan referentes. Pasa o mesmo co fútbol feminino, as nenas necesitan referentes. Coa música tradicional e a pandeireta ocorreu o mesmo. Hai nenas e nenos cun potencial moi grande e gústalles o instrumento, non só o piano e o violín. Estamos orgullosas dun traballo feito. Que nos v exan como algo a seguir é un orgullo”.

Mondra

Mondra / Zeltia Iglesias

Tamén reflexiona sobre o asunto Mondra, quen sente a tradición como viva traendo coplas e melodías de antano ao presente para modificalas con música electrónica ou outra contemporánea. Para el, este tradi vizoso que se está a gozar nestes momentos ten corda para rato: “Penso que este é o inicio dun camiño que vai ser moi longo. Nós dentro da península somos unha nación coa sorte de ter unha lingua e unha cultura propias. En Euskal Herria e Cataluña xa hai ese mercado dende hai moito tempo, coa aceptación masiva da cultura propia. Chegaron a ter unha industria sólida da que poder vivir coa música na súa lingua”.

Mondra remata cunha arela: “Aspiro a que a industria galega sexa autosuficiente. Penso que queda un longo camiño; á música galega quédanlle todas as posibilidades do mundo”.

Suscríbete para seguir leyendo